Archive for 6/11/07
Unha agresión televisada

Fai varios días que non accedo ao blog, porque xunto coa familia tomeime uns días de vacacións nos que estiven intentando desconectar de case todo. Pero a gran sorpresa foi o pasado mércores cando chegamos ao hotel no que estivemos de vacacións e vendo o canal internacional da TVE (o único ao que tiñamos acceso) unha das novas da cabeceira era a brutal agresión sufrida por un rapaz de Boiro.Observar desde a distancia acontecementos negativos do lugar onde vives non é doado, máis cando días despois ves como a nova é recollida por tódolos medios de comunicación do teu país aos que tes acceso, e máis cando se trata dunha nova deste tipo, que resulta xa por si mesma vomitiva pola violencia da malleira entre nenos de catorce e quince anos, pero moito máis porque un desgraciado se atreveu a gravala en vídeo co seu móbil e a defundila despois pola rede; sen esquecernos que durante o ataque animal había varios “voyeurs” que animaban e aplaudían.
As imaxes difundidas polos medios de comunicación, así coma o posterior desembarco e toma de Escarabote só demostran outra cousa que o carroñerismo informativo que existe neste país, onde a información que prima e que interesa é aquela na que se amosan os instintos máis baixos dos individuos, e nas que a sangue, a violencia, a crueldade ou o salvaxismo protagonizan as historias. Non é agradable, desde logo, que o teu pobo sexa o protagonista dunha nova como esta, aínda que Boiro acostuma a ser portada informativa por desaparicións de nenos, accidentes, frikies –coma Tonecho o enterrador-, contrabandistas e drogadictos, ou ladróns de berberechos; pero aos que son de fóra e non coñecen aos boirenses explicarlle que os estes son casos aillados, malos exemplos da forma de ser dos que nacemos e vivimos en Boiro, xa que a inmensa maioría somos persoas normais que traballamos, temos hipotecas, desfrutamos coa familia, tomamos unha cervexa, …
Este incidente en Boiro xa é historia para a maioría dos medios informativos, porque durante estes días xa atoparon carnaza noutra esquina do país da que facerse eco, pero detrás desta presa informativa queda algo que vai a durar moito tempo, algo ao que a ninguén lle interesou demasiado: as familias dos protagonistas desta espantosa historia, tanto a do agresor como a do agredido. Estas familias que, seguramente, atravesaron durante estes días un momentos dos máis duros das súas vidas quedarán marcadas para sempre por esta historia, e sobre todo cando vives nun pobo pequeno no que todo o mundo se coñece. Pero as televisións apagaron as cámaras e os focos e marcháronse.
3 comments Noviembre 6, 2007







