Archive for diciembre, 2006

Un desexo

www.elpais.com

Non perdamos nin a esperanza nin a ilusión. Algún día chegará a paz.

diciembre 30, 2006 at 6:18 pm 2 comentarios

Os de Galicia e os de Galiza

Cartel de www.aduaneirossemfronteiras.org

Leo no blog de Iván un post sobre os incidentes no partido Galicia-Ecuador, co cal coincido ao cento por cento; pero non así cos comentarios escritos polos habituais defensores dun País que non existe, excepto na súa mente, e un sentimento de nación e independencia que é minoritario. Eu non considero negativo que este colectivo defenda o seu sentimento e as súas ideas, pero o que critico é que as queiran impoñer á forza, porque por desgracia en España coñecemos o que sucede cando se pretende impoñer a base de violencia unhas crenzas.

Algúns pretenden facernos cre que formamos parte de dous países, uns de Galicia e outros de Galiza, e que son os que habitan neste último os galegos con pedigrí, os defensores da cultura, da tradición, da lingua, … do País. E o resto, os de Galicia somos os invasores, os represores, os inquisidores. E, ¿en que son os de Galiza máis galegos ca min?, ou ¿porque son eu menos galego ca eles?. ¿Porque teño que demostrar cada día a miña galeguidade?.

Teño a obriga de explicar cada día que eu e as miñas fillas falamos e escribimos en galego, que nos gusta Carlos Núñez, Leilía ou Luar na Lubre, que lin “Os dous de sempre” ou «A Esmorga” e que me emociono lendo a Rosalía, e en definitiva que defendemos e loitamos porque non se perdan as nosas tradicións, a nosa cultura.

Eu négome a ter que levar colgado unha etiqueta que poña GZ, a escribir e a falar o que me impoñan os da Mesa, a pensar que somos mellores por sermos unha Nazón ou a estar afiliado a un partido nacionalista. Pero tamén teño claro que nunca defenderei a violencia, nin os radicalismos, nin os extremismos.

diciembre 30, 2006 at 6:03 pm 24 comentarios

¿Vale todo en política?

Creo que a política estatal está a coller un camiño que nos debe de facer reflexionar a todos. Habitualmente dise que “en política todo vale”, e non cabe dúbida de que os líderes do PP aplícana a “rajatabla”.

Non contentos coa postura mantida co proceso de paz, no que Rajoy e a Santa Compaña desenterraron desde o inicio a “hacha de guerra” para que este non prosperara, ou con outros asuntos de relevancia (11 M, inmigración, reformas dos estatutos, política exterior, …). Agora aparece Miguel Ángel Rodríguez asesorando ao dono de Air Madrid de como tiña que realizar o peche da empresa para causar o maior dano posible. Ademais, nesta estratexia orquestrada polo PP colaboraba El Mundo e a COPE –que raro, verdade?-.

Este é o exemplo da conspiración continua do Partido Popular para conseguir desgastar e derrocar –si se tercia- ao goberno que preside Zapatero. Porque eu imaxínome que Miguel Ángel Rodríguez cando asistiu a esta xuntanza foi co beneplácito de Rajoy, e polo tanto este é cómplice do peche voluntario de Air Madrid e das consecuencias do mesmo: a existencia de milleiros de afectados, os gastos extra ocasionados ao goberno e a tódolos españois.

Seguramente nos próximos días teremos que escoitar a Rajoy e aos membros do seu entorno darnos leccións de honestidade, de ética, de moralidade, pero a realidade é ben distinta. A Mariano, a Ángel, a Eduardo, a Ana, a Esperanza, a José María, e ao resto da ppandilla España e os españois non lles importa, só lles interesa volver a gobernar como sexa, aínda que para conseguilo teñan que pechar compañías aéreas, obstaculizar a paz, mentir, enganar, traizoar, etc..

¿Que será o próximo co que nos sorprendan?. ¿Cal será o primeiro bombazo do ano de Pedro J. e o seu xornal?.

diciembre 30, 2006 at 2:05 am Deja un comentario

A forza da rede

Blog de Mara Amelia (amis95.blogspot.com)

 

Cada día que pasa non deixa de sorprenderme internet. Son un habitual da rede desde fai 9 anos –a miña primeira conexión foi con Alehop, despois chamada Eresmas– e non cabe dúbida de que evolucionou enormemente. 

Pero esta semana fíxome meditar outra vez a “potencia” e o poder da comunicación neste medio, no que unha noticia publicada en Muxía, en Boiro ou en Fene poder chegar a ser comentada desde Chile, a República Checa ou México. E non me refiro a novas de interese xeral, senón a cousas tan sinxelas como que unha muller de 95 anos comente –coa axuda do seu neto- nun blog ás súas vivencias persoais. 

María Amelia apareceu na rede o sábado 23 de decembro, pero foi o martes 26 cando o seu blog empezou a circular pola rede, primeiro no Chuza, eu mesmo fixen un post sobre el, meneame, red de blog socialistas, martanauta, e numerosas webs máis se fixeron eco desta orixinal idea chegando a recibir nese martes máis de mil visitas, e moitas máis en días posteriores superando agora mesmo as dez mil novecentas. E chegando incluso a aparecer en xornais escritos e programas de radio. 

Sen dúbida un tremendo éxito que foi posible, como dicía ao primeiro, pola “potencia” e a “chegada” que ten a rede. Algo do que a maioría de nós aínda non somos o suficientemente conscientes, pero que nunha acción organizada pode ser un instrumento capaz de orixinar movementos importantes; a verdade que se me pasa algunha idea pola cabeza, pero permitídeme que non a conte. 

Pola miña parte teño pensado seguir a formar parte dela –de internet- para estar informado , e sobre todo preparado para o que poida chegar.

diciembre 29, 2006 at 5:37 pm 4 comentarios

Iván Puentes alcalde de Fene

ivan_alcalde.jpg

Ultimamente estámonos acostumando aos erros (ou erratas) dos medios de comunicación, e o xornal La Voz de Galicia é un dos habituais, lembro aquel do Lunnis que inmortalizou Xaime no seu blog.

Agora tócalle ao “diario decano da prensa nacional”, El Faro de Vigo, que o 24 de decembro fixo alcalde a Iván Puentes. Sen dúbida para min é un motivo de satisfacción poder contar cun amigo que sexa rexedor municipal, aínda que sexa por error, porque ademais sei que Iván vai a ser o próximo alcalde de Fene, polo que o aparecido no “Faro” é só unha profecía do diario vigués que se vai a cumprir o 27 de maio.

diciembre 26, 2006 at 8:04 pm 1 comentario

Unha blogueira de 95 anos

Imaxe de Mara AmeliaNon acostumo a recomendar blog´s, pero para todo hai unha primeira vez. María Amelia é unha muller de 95 anos que vive en Muxía, e que conxuntamente co seu neto creou un blog nos que nos está contando anacos da súa vida. Sobra que diga que é interesante.

Blog de María Amelia

diciembre 26, 2006 at 7:15 pm 16 comentarios

Envía un SMS polo Nadal !!

mobil.jpg 

Antes de nada quero darlle as grazas a todas as persoas que me enviaron unha mensaxe ao móbil nestas datas, tampouco quero que se me vexa coma un desagradecido porque o  que vou a escribir agora non é politicamente correcto. Pero non me digades que non resulta cansino esto dos SMS’s, pode chegar a facerche odiar o Nadal, o teléfono e ata aos amigos. É de agradecer a boa intención de todos eles, e ata que se acorden de ti nunhas datas coma esas, pero chega a aburrir que cada dez minutos che estea pitando o móbil e teñas que ler unha chea de mensaxes que moitas veces carecen de sentido.  Eu esto das mensaxes de Nadal divídoas en cinco tipos: 

  • Os curtos, os que se fan por cumprir. “Bo Nadal”.

  • Os normais. “Nestas datas tan sinaladas deséxoche moita felicidade a ti e aos teus. E que o novo ano chegue repleto de alegrías.”

  • Os graciosos, ou que pretenden selo. “Oxalá as pulgas de mil camellos infecten o cu de quen intente foderche o 2007, e que os seus brazos sexan tan curtos que non poidan rascarse. BO NADAL.”

  • Os de concurso, que se pasan todo o día buscando a inspiración que os leve ao mensaxe perfecto e que cando o recibes pois non sabes moi ben o que quere dicir: “Soños renovados, ambición de País, Estatuto de tod@s. Bo Nadal e caudal inesgotable de felicidade.”

  • Os que non sabes de quen son porque non os tes na axenda e veñen sen nome.

 A verdade e que os grandes beneficiados de todo isto son as operadoras de móbiles, e eu creo que os primeiros os mandan elas mesmas para que nos contaxiemos do espírito navideño e comecemos a mandarlle mensaxes a todos os que temos na axenda do teléfono, incluídos aos que se nos esqueceu borrar porque os anotamos unha vez e non nos acordamos que é. Por iso eu este ano decidín non enviar ningún SMS. Pero aínda así lémbrome de todos os amigos e compañeiros, e deséxolles boas festas.

diciembre 26, 2006 at 1:44 am 1 comentario

Alonso xa está en campaña electoral

Alonso e López Outeiral. Foto de Simón Balvó para La Voz de Galicia

Fai varios días que non escribía nada sobre Boiro, aínda que estiven tentado en varias ocasións, pero sinceramente, teño que confesarvos que estaba pendente da tradicional celebración en Jealsa coa chegada do Nadal. Politicamente tiña dúbidas sobre como ía a afrontar Jesús Alonso as vindeiras eleccións municipais ao non ser el o candidato á alcaldía, e esta xuntanza navideña sirve para amosar cal vai a ser a súa estratexia electoral e o seu grao de participación na mesma.

Alonso nestes actos cos traballadores e traballadoras do seu grupo transfórmase, é outro, convértese nunha especie de telepredicador, un Jiménez Losantos que non deixa títere con cabeza e ataca sen piedade aos seus rivais políticos acusándoos de ser os grandes inquisidores do crecemento do seu holding. E nesta ocasión non variou nada o guión dos anteriores anos electorais. O cal nos amosa que nesta campaña vai a ter unha participación activa e un papel protagonista na película electoral.

Diante do persoal do grupo Jealsa-Rianxeira (1500 din na prensa) acusou ao goberno municipal de intentar frear o desenrolo da empresa, de perseguilo e acosalo, de boicotear as súas aspiracións de desenvolvemento, …, en definitiva de ser unha especie de demos con cornos e rabos que está en contra do progreso de Boiro. Non esquezamos aquela famosa frase súa de “lo que es bueno para Jealsa es bueno para Boiro”.

Pois o patriarca familiar e presidente do grupo, ademais de ex alcalde, fixo gala dos seus máis exitosos monólogos para chegar a dicir que se volvía a gobernar o tripartito –ou outro partido que non sexa o PP, que é o mesmo- que podería marcharse a outra parte: Se o tripartito gaña as eleccións, eu meditaría se sigo vivindo aquí ou me vou coa música a outra parte”. Tal ameaza non é nova, e puido ser que nalgunha ocasión ata tivese efecto, e cada un xoga coas bazas das que dispón, pero eu non sei ata que punto será ético intentar coaccionar mediante o medo e a estabilidade laboral aos traballadores para que o seu voto sexa o mesmo que desexa o empresario. Pero alá cada un coa súa moralidade, escrúpulos e honradez porque afortunadamente, o voto é secreto e cada un votará o que lle pareza máis oportuno.

Para rematar quería salientar dúas cousas. A primeira é que polos datos económicos da empresa –facilitados por Jesús Alonso Escurís– non lle foi tan mal co goberno do PSOE e o BNG, posto que conseguiron un crecemento do 15%, algo que non acadaban desde o 2002. E a segunda que este ano botouse de menos o xa tradicional xamón electoral.

diciembre 24, 2006 at 12:28 pm 1 comentario

Entre gaitas e guitarras, eu dialogo

Preciso das mensaxes que me teñas que mandar

Para entender por onde vas, se vés as cousas

Coma min porque se cadra tés razón, ou non, se cadra a teño eu,

Ou non, se cadra tela ti

Mais pode ser que teña eu, ou eu ti, ou pode que ningún dos dous

Pode que ningún dos dous

E diálogo! 

Escoita, di algo, eu escoito

E diálogo!

Para os que non coñezades esta texto direivos que é un anaco da letra da canción “Eu dialogo! Logo Existo!”, composta por Fran Vázquez para a celebración das vodas de prata do Parlamento de Galicia.

Pois este anaco de letra é moi axeitado para o que aconteceu estes días no Parlamento de Galicia coa interpretación do himno galego e que serviu para orixinar unha liorta entre o BNG e a presidenta do Parlamento. Ao BNG non lles gustou que durante a interpretación do himno galego soase unha guitarra, e como non, o seu portavoz, Carlos Aymerich, puxo o grito no ceo, e a presidenta do Parlamento chamoulles ignorantes aos deputados nacionalistas. ¿Iso é o diálogo ao que nos invitan desde o Parlamento de Galicia?. ¡¡Mal exemplo nos dan !!.

Eu ás veces non entendo estas polémicas infantís e estériles que se montan por cousas sen importancia. Comprendo que non lles gustase a todos a versión parlamentaria do himno galego, pero como creación cultural merece un respecto por parte dos críticos. Ao fin e ao cabo a guitarra é un instrumento universal, e os seus acordes non son propiedade exclusiva de ningunha comunidade, pais, nación ou estado; ao igual que a gaita, instrumento que por certo non di en ningún lado do Estatuto de Galicia que é o único no que se debe de interpretar o himno galego.

¿Que sentirán a maioría dos galegos e galegas cando ven aos nosos representantes políticos “pelexar” por tan transcendental asunto para Galicia?. Mentres Zapatero se reunía con Rajoy na Moncloa para falar do proceso de paz, o consello de ministros aprobaba a suba das pensións, ou se facía reconto das participacións de lotería, Villarino e Aymerich discuten se guitarra ou gaita. ¡¡Ao final vai ser certo que somos un pais de pandereta!!.

diciembre 23, 2006 at 2:39 am Deja un comentario

Non todos son iguais

 

É moi habitual escoitar a frase “todos son iguais” cando se fala dos políticos. Eu teño que confesar que cada vez que sae o paisano de turno facendo en voz alta ese comentario póñome de mal humor, por unha razón moi sinxela: ¡¡non é certo!!.

Coma en tódolos oficios do mundo, na política hai persoas boas e malas, hai políticos corruptos, pero tamén os hai honrados. Non todos os que se dedican ao mundo da política son cargos públicos que cobran pola súa dedicación exclusiva, tamén os hai –a maioría- que traballan oito horas ao día e despois de cumprir coa súa profesión quítanlle horas ao seu tempo de lecer para realizar unha labor no seu concello ou na súa agrupación. Pero destes ninguén se acorda. Véñenme agora á cabeza varios nomes: Manolo de Outes, que traballa nunha panadería; Gerardo de Boiro, que traballa nunha ferretería; Cruz de Toques, que é mestra; Inés de Santiso, Guiadanes de Gondomar, Genaro de Bergantiños, Dulcinea de Sanxenxo, Lara de Cervo, Pedro de Friol, …, centos e centos de persoas que traballan a diario por defender aquilo no que cren sen recibir nada a cambio, excepto unha satisfacción moral.

Por iso na política, non todos somos iguais, nin sequera parecidos. Mentres algúns sucumben á tentación do capital, e se venden miserablemente por un “puñado” de euros, outros optan pola honradez e por durmir tranquilos aínda que sexa de xeito máis humilde. Lembro agora a Pascual Codina, que rechazou  300 mil euros dunha construtora para que lle facilitara a concesión do servizo de recolleita de lixo en Xábia (Valencia). Pero, cantas persoas das que empregan a frase todos son iguais, pensaron ao escoitar a nova de Pascual Codina dixeron: ¡¡ que gilipollas, si fose eu… !!.

Afortunadamente, non todos somos iguais. A maioría son coma Pascual, Manolo, Gerardo, Cruz, Inés, Guiadanes, ….

diciembre 20, 2006 at 7:31 pm 5 comentarios

Entradas anteriores


Calendario

diciembre 2006
L M X J V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.