Archive for febrero, 2007
O vídeo de Iván
Non me cabe dúbida de que en Fene vai a producirse o cambio ao fronte da Alcaldía. Xa falei en varias ocasións neste blog de Iván Puentes: da súa ilusión, do seu traballo, da súa valía, do boa persoa que é –en ocasións bo de máis-, … , que queredes que vos diga, ¡¡é amigo meu!!. Hoxe preséntovos, case en primicia –xa está na web do PSdeG-PSOE-, o seu vídeo de campaña; o que como comprenderedes é unha enorme alegría para min.
O camiño que tivo que percorrer Iván para ser o candidato socialista á alcaldía non foi doado, a pesares de que logrou a unanimidade dos militantes da súa agrupación desde o primeiro momento; pero, como case sempre apareceron os envexosos, resentidos e mezquinos que só saben poñer pedras no camiño para intentar disimular á conta dos demais a súa incompetencia e necidade. Pero, en definitiva, o importante é que superadas as zancadillas iniciais podo asegurarvos que Iván vai ser un gran alcalde de Fene.
Mirade o vídeo dun amigo.
Valderrei
Acabo de ver o primeiro capítulo da serie Valderrei que desde hoxe empeza a emitir a Galega. Non son un asiduo deste tipo de “telenovelas”, nin tampouco da TVG, pero a razón pola que vos falo desta é porque intervén unha boa amiga, Tamara.
Tamara Canosa xa ten ás súas costas un curriculum destacable, participou nas series Mareas Vivas e Entre Bateas; ou nas películas Heroína -de Gerardo Herrero- e Días Azules –de Miguel Santesmases-; ademais de participar en obras teatrais como Las Troyanas onde interpretaba o papel de Hécuba.
Valderrei conta a historia dunha muller de 40 anos, casada e con dous fillos, que despois de vivir moitos anos en Ferrol fuxe de xunta o seu marido, porque este a maltrata física e psiquicamente –desgraciadamente de actualidade-. Recoméndovos, polo tanto, que se tendes tempo e podedes vexades esta serie e así comprobaredes a boa actriz que é Tamara. Que é unha excelente persoa xa volo garanto eu.
¡¡Sorte Tamariña!!
Carlos Núñez, grazas!!
Cinema do mar é o novo disco de Carlos Núñez. Lémbrome a primeira vez que vin un concerto deste galego universal; foi en Vilagarcía de Arousa fai nove anos, e a verdade é que quedei namorado da súa música.
No meu coche nunca falta un CD de Carlos; e lembro que Paula –a miña filla maior– quedábase a durmir cando era un bebé escoitando a canción de Lela, e cada vez que íamos a algún lado de viaxe e soaba unha gaita ela sempre viña gritando: “papá, papá está aí Carlos Núñez”.
Tiña que falar del neste blog, non podía ser doutro xeito. E dicirvos aos que me sigades que admiro a Carlos polo que simboliza para este País. Carlos presume de ser galego, leva polo mundo adiante un anaco importante da nosa cultura, enfrontouse no seu momento a aqueles gobernantes da Xunta que primaban aos artistas estranxeiros e marxinaban aos galegos, e ademais sempre fala clariño. E todo iso sen estridencias, sen prepotencia e sen radicalismos.
Déixovos un vídeo de Carlos no Forum das Culturas no que interpreta o Bolero de Rabel coa gaita. Interpretación que tamén aparece no seu novo disco.
A la rueda … Rueda
Estou lendo El País e atópome cunha declaracións do sempre divertido e ameno Alfonso Rueda, disque secretario xeral do PPdeG. Nesta nota de prensa ataca agora ao goberno da Xunta e ao seu Presidente por un incidente que tivo Antón Losada cuns policías e cun subdirector xeral da Consellería de Presidencia polo que xa podemos denominar como “operación cartel”. Pero, a verdade é que hoxe non quero falar de Antón Losada nin do BNG senón despois acúsanme no Chuza e noutras webs probloque como antinacionalista; hoxe quero comentarvos unha frase grandiosa de Alfonso Rueda nesa nova:
«Las maneras que utiliza –referíndose a Losada-, y no es la primera vez, recuerdan otras épocas»
A miña gran dúbida é: ¿A que épocas se refire o Sr. Rueda?. Quizais aos dezaseis anos do goberno de Fraga, ou por ir máis aló, aos da dictadura de Franco que o PP nunca condenou. Sei que nunca terei resposta por parte do secretario xeral do PPdeG, pero o que si me quedou claro é que esta frase é moi socorrida, ata para os do Partido Popular.
E respecto ao secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia só pedirlle que se comporte como tal, porque o que si é certo é que as veces semella un matón de discoteca, en vez dun representante de tódolos galegos e galegas.
FG gaña 9,78 millóns de euros
Francisco González Rodríguez, un galego de Chantada ao que se coñece como FG, cobrou o ano pasado 9,78 millóns de euros –que veñen a ser máis de 1.690 millóns de pesetas-. ¡¡Case nada!!. Sobre todo se o comparamos con outros salarios que consideramos elevados, pero que comparados co seu son míseros. Por exemplo, o do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, que no 2007 cobrará 89.303 euros; o de Touriño, presidente da Xunta de Galicia, que vai cobrar 81.760; ou o de Manuel Marín, presidente do Congreso dos Deputados –o político mellor pagado-, que cobrará máis de 175.000 euros.
Francisco González ten a sorte de ser o presidente do BBVA, e digo a sorte porque chegou a este posto por ser amigo de Aznar, e ademais dunha maneira un tanto rara. Pero o certo é que el gaña todos eses cartos por ser o que garda a chave da caixa forte que protexe os nosos cartos, e por prestarnos cartos para que poidamos vivir un pouco mellor, en definitiva podemos dicir que gaña millóns de euros por ser usureiro profesional, un galáctico da usura.
Din que os cartos non dan a felicidade, pero non me cabe dúbida que este chantadino é algo máis feliz que a maioría dos seus paisanos
CQC no Parlamento de Galicia
Gonzo, o reporteiro galego de Caiga quien Caiga visita o Parlamento de Galicia con motivo do debate polo fracaso no Estatuto de Autonomía.
O vídeo que vos recomendo é grandioso, e Gonzo está espléndido. Especial atención ao desliz de Quintana cando di “aquí en España”, ou as directas que lle lanza a Feijoo e a Touriño.
Comentarios