Archive for mayo, 2007
DdC. Mil douscentos quilómetros en cinco días.
Fai varios días que non escribo no blog, a pesares de ao primeiro actualizábao tódolos días contándovos como se ía desenrolando a campaña socialista. Pero durante esta semana foime imposible porque a caravana socialista colleu un ritmo frenético, desde o luns Carnota, Víctor e eu fixemos case mil douscentos quilómetros. O luns estivemos en Ponteareas e Pontevedra; o martes en Santiago; o mércores en Ribeira, Boiro e Cambados; o xoves en Santiago e Ourense e o venres, o día de máis percorrido, viaxamos de Ferrol a Vigo. Entenderedes agora a razón pola que non puiden contarvos nada da campaña desde o pasado domingo.
O día máis emotivo foi, sen dúbida, o mércores, xa que estivemos co “Presi” na miña comarca, e encima no meu pobo. Pola mañá visitamos Santa Uxía de Ribeira e paseamos polas súas rúas, e despois viñemos ata Boiro; visita ao peirao de Cabo de Cruz, alí estaban esperando moitos amigos e compañeiros socialistas. Chegamos con bastante máis tarde do previsto porque José Vicente –o candidato socialista de Ribeira- fíxonos unha xogada e modificounos o programa, pero a pesares da hora en Cabo de Cruz esperábannos máis de cen persoas. Por certo, a anécdota do día foi que en Ribeira cagoume unha gaivota polo pantalón, que lle imos facer, ¡¡mala sorte!!. Ao saír de Cabo fomos ata Cespón, a visitar o Centro Arqueolóxico do Barbanza. Direivos que en Cespón fun onde eu nacín, e en Neixón –onde está ubicado o centro arqueolóxico- teño xogado moitas veces ao fútbol. Á entrada do Centro había varios veciños e veciñas, ata estaba meu pai. Alí recibiunos Víctor Barbeito, un bo amigo (traballamos xuntos en Chicolino) que é o director do Centro e foi o encargado de guiar a Emilio polas instalacións. Estaban tamén Inés Martínez, unha rapaza que é membro da Asociación de Veciños de Cespón e que foi alumna de Emilio. Como xa vos dixen, foi un día interesante e especial. Despois comemos con algún dos xornalistas membros da caravana no Restaurante Arume de Boiro, o cal vos recomendo a visitar, á comida tamén se uniu Domingo Fontenlos (que axuda a coordinar a campaña comarcal) e José Manuel Lage. Os días anteriores foron días de trámite, onde a xornada se desenrolou con absoluta normalidade.
Mitin en Ourense
O xoves estivemos de mitin na cidade das Burgas, e realizamos o mitin no pavillón dos Remedios, un sitio de visita habitual nas campañas electorais, pero que nesta ocasión significaba un risco, xa que era a primeira vez que íamos a este pavillón con Touriño só como orador, sen ningún invitado de fora. A montaxe do acto tiña que ser moi medida e adaptada ás persoas que podían acudir. Ao final acudiron algo máis de dúas mil persoas, e o recinto presentaba un aspecto perfecto, magnífico, un cheo absoluto. E iso que ás sete da tarde empezou a chover con forza, o que fixo que non acudise todo o que estaba previsto. Emilio tivo a mellor intervención da campaña, e a xente que asistiu ao mitin estivo tremendamente animada. Sen dúbida o de Ourense foi o mitin máis concorrido de toda a campaña, aínda que o máis animado e quente foi o de Noia.
Peche en Vigo
A campaña tivo o seu peche no barrio de O Berbés, en pleno corazón de Vigo, aínda que pola mañá estivemos en Ferrol. A visita matinal consistiu nun paseo polas rúas da cidade departamental, e acompañounos a choiva durante todo o paseo. Ao remate Touriño fixo unhas declaracións aos medios e logo, tras asinar nun dos tótem da campaña ferrolá –Vamos!! Vicente- asistimos a un magnífico espectáculo de capoeira.
A tarde presaxiaba choiva en Vigo, por iso montamos unha carpa para poder protexernos, pero ao final, nin a choiva, nin as manifestacións anunciadas, asistiron ao acto de peche. Ás oito e media empezamos o acto, primeiro falou a ministra de agricultura e pesca, a galega Elena Espinosa, despois tocoulle o turno a Abel Caballero. Ás 20:55 Emilio tiña que empezar a falar, xa que sobre as 21:05 estaba previsto o directo na Galega. É o momento dos nervios, o colofón á campaña e todo ten que saír ben. O ceo de Vigo está adornado con dous globos grande de helio, nun pon faremos máis co logo do PSdeG e no outro Abel Caballero Alcalde. A ministra fala máis do previsto, temos que avisala para que vaia cortando, tócalle a Abel. É o momento no que ten que empezar a falar “o Presi”, Abel cumpre e remata no momento exacto. Empeza a falar Touriño, chega o momento do directo, xusto á hora prevista. O sol entra algo polo lateral do escenario, pero Pío e Miguel –dos Albertos– habilmente tapan eses raios do sol cos que non contábamos. O directo remata, todo sae ben. Pouco despois remata Emilio, e con el outra campaña electoral máis, e xa levo seis (dúas autonómicas -2001 e 2005- dúas municipais -2003 e 2007- unha de Europeas e outra do referendo da constitución europea).
Ao rematar unha pequena celebración con Carnota, Víctor, Diego e Fariña, á que despois se uniron os xornalistas da caravana: Ana Viqueira de EFE, Eva de Europa Press, Mónica Sequeiro de AGN, Fernando Varela de El País, Rocío Lizcano de El Correo Gallego, e Juan Carlos Ortiz de La Voz de Galicia. Non quero pechar este diario de campaña sen lembrarme do marabilloso e espectacular traballo realizados polos Albertos – Pío, Miguel, Christian e Alberto Doce-, e de Manlli e os seus rapaces que tan bo traballo fixeron coas súas cámaras. Grazas a todos e como non, aos compañeiros e compañeiras das agrupacións locais e provinciais.
Un saúdo e ata a próxima campaña.
Vídeo Electoral do PSdeG-PSOE
Non sei se vistes xa o vídeo electoral do PSdeG-PSOE, pero por si acaso lle “queredes botar un ollo” deixo colgado aquí. A maioría das veces estes vídeos non teñen ningún tipo de repercusión porque cando se emiten na televisión ninguén os mira, a pesares de que están bastante ben.
DdC. Abel Caballero, o Fernando Alonso galego
Hoxe pola mañá tivemos mitin en Vigo. Abel Caballero, Alfredo Pérez Rubalcaba e Emilio Pérez Touriño eran os oradores. Vigo recibiunos cun día frío e escuro, en ocasións caía unha choiva finiña e débil, pero o que máis se notaba era o vento frío, algo pouco usual en Vigo. O polideportivo do instituto do Calvario era o lugar elixido polos compañeiros e compañeiras da agrupación local. Por primeira vez, desde que vou a Vigo, e a pesares de non coñecer o sitio, non me perdín na cidade olívica, nin á entrada nin á saída; e iso é todo un éxito.
Pola mañá, decidín tomar un café en Boiro, no Ría de Arousa, o sitio no que paro habitualmente antes de marchar a traballar; quería saudar a Óscar, o dono da cafetería, que é compañeiro de sufrimento as últimas semanas por culpa do Barça. Pero a miña sorpresa ao entrar foi atoparme con Benito e Júnior –o seu fillo- cos que traballei no Restaurante Chicolino durante catro anos e aos que facía algún tempo cos que non falaba. Fai xa seis anos que deixei de traballar en Chicolino, pero de vez en cando vou a darlle unha visita, porque non me gusta perder o contacto cos antigos compañeiros de traballo. Neste restaurante foi un dos sitios nos que máis duro traballei, fixen moitas horas – a hostalería é moi dura- pero tamén gardo un bo recordo e bos amigos. Cando cheguei a Vigo xa estaba alí Víctor. Hoxe fomos por separado porque Víctor tiña un asuntillo familiar en Ourense; Carnota decidiuse ir con Diego no coche dos xornalistas. Saudei aos compañeiros de Ferraz (a sede Federal do PSOE), alí estaban Antonio, Pedrito e os de seguridade. Recibo unha chamada para avisarme de que hai unha modificación no pograma inicial, xa que Rubalcaba quere facer unhas declaracións aos medios para dar uns datos sobre inmigración. Con Carnota e Ángel Rivas buscamos un lugar adecuado no que o ministro poida atender aos medios. Ao pouco tempo comunícanme que está chegando “o Presi”, xa teño ao meu carón a Abel Caballero para que o reciba; Rubalcaba vai a tardar un pouco máis.
O mitin de hoxe promete ser interesante, xa que Rubalcaba habitúa a ter boas intervencións, e seguro que di algo interesante. Empeza o mitin, e tras a intervención de Abel, sube ao atril o ministro e empeza contándonos que tivo un mal viaxe no avión, e confésanos que a el eso do avión non acaba de gustarlle.
Primeira frase, o ministro do Interior confesa que non lle gustan os tópicos, e que lle parece “superdesafortunado” o que di que os galegos nunca se sabe si soben ou se baixan, si van ou si veñen. Porque nas eleccións galegas decidiron «subir y no bajar, ir y no volver y votaron a Emilio», e sabe que nas eleccións municipais van a facer o mesmo e darán o seu apoio ao candidato socialista de Vigo.
Segunda frase, di que Rajoy ten “memoria selectiva”, ou mellor dito “amnesia selectiva”, xa que vén a Galicia a esixir o AVE, “una infraestructura ala que el PP llegó tarde” ata o criticaron e dicían que ía a ser un fracaso. Igual que «han llegado tarde a todo, a la democracia a la Constitución, y también a Galicia», porque esa es «la característica de la derecha» en España. Despois dixo que o líder dos populares pasou de ser «el profeta de las catástrofes a una catástrofe de profeta» porque anunciara o fracaso económico, o fin da familia, a ruptura de España, e ningunha desas cousas se cumpriron.
Terceira frase, Rubalcaba recriminou ao PP pola súa insistencia en usar o terrorismo para desgastar ao goberno, e dixo que o principal partido da oposición só ten nesta campaña «una guía que pone ETA, un guionista que es Gara –o xornal da banda terrorista-, y un himno que es ‘Sin ti no soy nada'». Así criticou a actitude de Rajoy, quen está «ahí está erre que erre» empregando como «pomada mágica» para todo «la ilegalización de ANV» (Asociación Nacionalista Vasca), xa que a calquera problema que exista ben sexa de vivenda, de trasporte ou de medio ambiente ou calquera outro, a proposta do PP sempre é a mesma, «prescindiendo de que el Tribunal Constitucional dice que no se puede ilegalizar este partido».
Alfredo Pérez Rubalcaba conseguiu meterse aos asistentes no bolsillo, en poucos minutos. Despois chegou a intervención de Emilio Pérez Touriño, o que se encargou de poñer símiles de Fórmula 1 para asegurar que Abel Caballero «é o Fernando Alonso de Galicia» , porque é o piloto que o «espléndido coche de fórmula que é Vigo necesita». Tamén explicou que esta cidade, conta cun «motor de gran cilindrada» como é a industria automobilística e a do naval, e ten «a mellor escudería, os vigueses e as viguesas, a xente traballadora».
En definitiva, un mitin que deixou moitos titulares para que os xornalistas poidan escoller. Ao remate de volta á casa, a xantar coa familia e a descansar. Intentarei ver ao Barça a ver se nos da unha alegría. Por certo, tanto Rubalcaba como Touriño son do Real Madrid. ¡¡Ninguén é prefecto!!.
DdC. Irisarri “o surfista”
O sábado traballamos media xornada. Só tivemos actos pola tarde. Gracias a esta “concesión” na campaña puiden estar máis tempo na casa, o que aproveitei fundamentalmente para durmir, vou a confesarvos que me levantei ás 12 e media, tras afeitarme e unha ducha, saín a tomar algo coa familia e con meus sogros cos cales non puidera estar desde que chegaran o pasado domingo. Despois de xantar na casa –que marabilla- dediqueime a actualizar o blog.
Pola tarde estivemos na comarca de Ferrolterra, primeiro unha visita a Pontedeume onde “o Presi” visitou aos compañeiros e compañeiras, alí estaban varios dos membros da candidatura entre os que se atopa Agustín Vilariño, o candidato socialista; o actual alcalde, Belarmino Freire, que decidiu deixar o cargo e descansar despois de varios anos de servizo; tamén estaba Bernardo, número catro da candidatura e membro das XSG, un rapaz xoven e con moita iniciativa e inquietudes; e, o bo amigo e blogueiro Nacho, que tamén figura na lista eumesa no posto número seis. A tarde amosábase bastante movida, xa que primeiro iriamos a Ferrol a ver o recinto do acto do día –o FIMO– e despois ir a Pontedeume a controlar o lugar onde quedaramos con Touriño e coa candidatura, e unha vez feito o percorrido saír Víctor e eu a toda pastilla cara a Ferrol novamente para esperar a chegada do secretario xeral.
Cando ían a ser as oito da tarde chegou Emilio ao FIMO, e tras esperar un pouco na sala que tiñamos habilitada empezamos o acto. Había en torno a unhas cincocentas persoas, moitas delas con camisetas do slogan de campaña da cidade departamental: Vamos!. Contábame Jaime Casals, un compañeiro da empresa de comunicación Neo que o merchandising que realizaron para a campaña está tendo moito éxito, xa que é unha campaña fresca e moi novedosa.
As intervencións comezaron ás oito e cuarto. Vicente Irisarri, o candidato socialista e próximo alcalde de Ferrol, empezou dicindo «aquí está o surfista», aludindo claramente ás críticas que o día anterior lanzara Núñez Feijoo. Vicente dixo tamén que «para nada» a súa intención é «dedicarse ao pádel, beber viño con pouca moderación e conducir despois», en alusión ás declaracións de Aznar, que o día anterior ceou no mesmo recinto no que nós celebrábamos o mitin. Pero Vicente fixo tamén unha exposición sobre o Ferrol que el quere, o Ferrol do futuro.
Touriño, pola súa banda, fixo un chamamento directo aos xóvenes á participación, para que se convertan en protagonistas nas eleccións de 27 de maio, e actuar así coma o “motor do cambio”. Aludiu tamén a presencia o día anterior de Aznar, dicindo: «Onte estivo aquí o pasado e pasado queda».
O mitin acabou rápido, unha hora aproximadamente, despois uns saúdos ao candidato de As Pontes, Valentín Formoso; a despedida de rigor dos compañeiros de montaxe. Por certo, onte Alberto Doce, o “boss” da empresa que se encarga de que todo estea perfecto para poder realizar os actos dos que vos falo, deu o seu primeiro mitin, xa que é membro da candidatura socialista de Fene. Segundo me contan, falou sobre uns dez minutos e estivo aceptable; a calificación que lle outorgan ronda unha media de seis.
Á volta viñemos ata Fene con Iván Puentes, do que xa vos falei en infinidade de ocasións, e ao que sempre é un pracer ver e falar con el. ¡¡Ánimo Iván!!.
DdC. Un día cargado de anécdotas
O venres é o día de campaña no que empeza a conta atrás. Despois dunha semana de mitines e actos electorais, este día marca unha liña nos quince días, e a partires de agora parece que todo vai máis rápido.
Nós este día empezámolo cedo, e temos xornada matinal con Emilio. Unha xornada que empeza ás dez e cuarto en Bergondo, continúa en Betanzos cun paseo pola preciosa cidade betanceira e unhas declaracións aos medios, e remata en Culleredo coa visita a un pazo restaurado en Vilaboa. O compañeiro Víctor, que entre outras moitas tarefas é o que “pilota” o SEAT Toledo no que nos desprazamos dun lugar a outro, está un pouco espeso e aínda que conseguimos chegar sen dificultade a Bergondo, cústanos un pouco máis saír deste concello para chegar a Betanzos. Pero ao final, dando máis voltas e pasando algunha vez polo mesmo sitio sempre conseguimos chegar aos puntos de encontro co tempo suficiente para planificar a posterior chegada do secretario xeral e presidente da Xunta.
A anécdota prodúcese en Betanzos, onde no paseo polas súas rúas nos atopamos cun grupo de xóvenes que están facendo de extras para a gravación dun anuncio de Estrella Galicia, e estes ao ver a Touriño rodéano e saúdano efusivamente. Cando un de repente dille a Emilio: “Touriño e que fai Rajoy contigo?”. A Confusión débese a que vén na “comitiva” Tuco Cerviño –deputado socialista- o cal ten certo parecido co líder do Partido Popular. Hai risas e cachondeo.
No noso percorrido turístico polas mariñas betanceiras pasamos polo concello de Sada, onde atopamos vallas e publicidade do archicoñecido Moncho Rodríguez, alcalde de Sada polo PP, que nesta ocasión se presenta por un partido independente ao ser expulsado polos populares por asinar unha moción de censura cun tránsfuga socialista. Moncho Rodríguez sempre destacou polos seus “slogans” electorais, tivo un que era “Moncho es mucho”, ou “vota Moncho, tu ya sabes”, pero agora ten un espectacular: “Moncho y Sada, ¡que pasada!”.
Tras rematar a visita matutina, Víctor, Carnota e eu paramos a xantar en Sigüeiro, no restaurante a cantina, ao carón do apeadeiro de RENFE en Oroso. Teño que dicirvos que se come de marabilla neste sitio; unha carne moi boa e abundante. Ademais dunha boa atención. Direivos tamén que o prezo non é barato. Pero se temos que puntualo eu doulle un sete.
Pola tarde “actuamos” en Monforte, concello que nos recibiu cun cambio de temperatura brutal, xa que saímos de Santiago con 22 graos e ao baixar do coche en Monforte había máis de 30 graos. A calor era abafante, e nese intre veume á cabeza o mitin que celebramos nas autonómicas do 2005 no mesmo polideportivo, onde estivemos a punto de deshidratarnos. Neste mitin foron varias as anécdotas acontecidas, pero vou a destacarvos dúas. A primeira é que cando estaba o mitin empezado chegou unha rapaza, membro da candidatura, que non tiña sitio na grada do escenario –detrás do atril-, onde sentamos os sentamos habitualmente, e colleu unha silla de madeira e vella e con todo o descaro posible subiu ao escenario e sentouse cos seus compañeiros e compañeiras candidatos. A outra e cando se achega a saudar a Emilio un señor maior que era igualiño a Franco –o dictador-, e nos conta un veciño de alí que este home era moi famoso en Monforte porque fora actor e fixera do Caudillo nalgunha película.
O mitin discurriu con absoluta normalidade, cun pavillón abarrotado –máis de seiscentas persoas-.
En definitiva, todo ben, un día menos para o remate da campaña. Só quedan sete días. Un saúdo.
DdC. O Día das Letras Galegas
Xoves 17 de maio. Día das Letras Galegas, e polo tanto festivo. E nós para celebralo tivemos un pobrete. Pola mañá estivemos en Cee, e pola tarde en Noia. Ás nove menos cuarto quedamos Carnota, Víctor e un servidor para almorzar no Hotel Puerta del Camino. Foi un almorzo deste de reforzo, que fan que o día se presente mellor.
Ao rematar saímos cara a Costa da Morte para celebrar un mitin que nos quedara colgado da precampaña debido á anulacións dalgunhas listas electorais por parte do PP. Esa xogada sucia dos “populares galaicos” fixo que a xente afectada por esta marrullería se sentise con máis forza para afrontar as eleccións. En Cee presentamos unha candidata, Amancia Trillo, que xa foi concelleira e que nesta ocasión está convencida de que vai a ser alcaldesa. ¡¡Oxalá!!. O polideportivo estaba cheo, a pesares de que o día era un tanto raro, xa que apesares de ser festivo, non se celebraba ningún santo, e iso en Galicia nótase.
Quero destacar deste acto a homenaxe que lle fixeron ao remate a Bautista Santos, Alcalde de Camariñas e secretario xeral comarcal da Costa Atlántica. Bautista leva 24 anos ao fronte da alcaldía e decidiu retirarse, coller a xubilación. O homenaxe consistiu na entrega de 24 rosas vermellas, polos 24 anos de servizo.
Pola tarde estivemos na miña comarca, da que eu son secretario comarcal, e comprenderedes que era un acto especial para min. Estaba bastante nervioso, porque ademais sabiamos que ía a haber unha manifestación. Pero ao ver a Rafa, o candidato, e alcalde de Noia na lexislatura de 1999 ao 2003, tranquiliceime bastante, porque el estaba sereno e confiado de que se ía a encher. E non estaba equivocado, xa que o cheo foi completo; máis de seiscentas persoas.
O mitin de Noia, e non é porque eu sexa do Barbanza, foi o mellor de toda a campaña ata o de agora. Foi un mitin quente, a xente gritaba e coreaba o nome de Touriño e de Rafa sen parar, movía as bandeiras, levantábase a aplaudir. ¡¡Algo impresionante!!.
Rafa García tivo unha intervención moi boa, e mantendo as formas. Aos manifestantes dixo que había que contestarlle co silencio, de Fraga dixo que fora un “bo presidente da Xunta e un gran político”, pero que Emilio conseguira “en dous anos máis que Fraga en dezaseis”, e ata conseguiu que “non o bote de menos nin os do PP”.
Pero vou a confesarvos que o mellor do mitin foi que ao tras tres días puiden ir a durmir á casa e ver a Eva –a miña dona-, e ás miñas fillas Paula e Nerea.
DdC. ¡¡Ista, ista; Coruña socialista!!
Hoxe tocounos visitar as cidades máis grandes de Galicia. Pola mañá Vigo e pola tarde-noite A Coruña. Xornada dobre, como vedes, e de agora en diante teremos algunha máis.
En Vigo estivemos ás dúas nunha xuntanza de Abel Caballero e Touriño con xente do mundo da cultura. Despois das intervencións houbo un aperitivo, pero Carnota, Javier Castiñeiras e eu decidimos marchar para comer polo camiño. Ademais, os aperitivos estes que poñen nos hoteis son tremendamente finos e tremendamente escasos. Eu son partidario dos tradicionais: tortilla, empanada, calamares, …, cousas desas máis enxebres e desde logo moito máis sólidas. Paramos a xantar na área de servizo que hai ao pasar a ponte de Rande, un bacallao á rioxana e unhas lentellas; algo suave. Pola tarde, e despois da paradiña na Rúa do Pino, saímos cara A Coruña. Alí tiñamos o mitin do día coa Vicepresidenta do goberno, Emilio P. Touriño e Javier Losada. O recinto elixido era o Palexco, a sala grande; e estabamos preocupados por enchelo, xa que ademais ao ser ponte mañá moita xente saía de viaxe. Pero ao final encheuse, ¡ben!. Máis de mil duascentas persoas.
Na porta, como sempre que imos á Coruña, estaban a manifestarse os funcionarios municipais –bombeiros e policías locais-; eran preto duns cen. Moito ruído, pancartas, insultos e cánticos. ¡O de sempre!. Quero deixar claro que a min paréceme ben e respecto todas as manifestacións e protestas organizadas e serias, pero esta paréceme máis ben unha instrumentalización política, co obxectivo primordial de desgastar e prexudicar ao goberno de Javier Losada. E outro asunto polo que perderon a razón estes manifestantes son os insultos, ameazas e incluso intentos de agresión a algúns concelleiros e concelleiras do goberno municipal e a outros compañeiros e compañeiras funcionarios e membros de outros sindicatos. Ademais, e como dicía Carnota, e o comparto plenamente, son funcionarios ata para manifestarse, xa que estiveron alí unha hora e despois marcharon, non esperaron nin ata que rematara o mitin.
Respecto ao mitin estivo animado e participativo, notábase que había moita xente xoven; gritos de ¡alcalde, alcalde!, ¡presidente, presidente!, e cancións como ¡ista, ista, ista, Coruña socialista!. Das intervencións direivos que vin a Javier Losada entusiasmado e apaixonado coa súa cidade, á que definiu como a cidade máis bonita e interesante que ten España.
Ao rematar o acto estivemos cos compañeiros de Madrid tomando algo. Por certo, nunha taberna que hai no centro de ocio El Puerto (ao carón do Palexco) que tiñan uns montaditos riquísimos, creo que se chamaba Lizarrán.
Por hoxe vou a rematar, xa que mañá temos un día con dobre acto. Pola mañá mitin en Cee e pola tarde en Noia, na miña comarca.
DdC. Un viaxe con GPS
O martes tocounos ir a visitar a Costa de Lugo, concretamente a Burela. É a primeira vez, desde que traballo na Rúa do Pino –a Sede Nacional do PSdeG-PSOE– que vou a un mitin a Burela con Touriño, ata o de agora estivera en Viveiro, Foz, Cervo e Ribadeo, pero nunca neste concello mariñeiro de Lugo.
Novamente volvemos a saír cedo, xa que chegar á Mariña de Lugo non é unha tarefa doada, semellante á do día anterior (O Barco de Valdeorras). Víctor, Carnota e eu saímos sobre as cinco e media, con anterioridade xa saíra a caravana dos xornalistas, nesta ocasión con Javier Fariña aos mando da recén alugada monovolumen.
No coche, como xa é habitual, fomos falando de todo un pouco, a verdade é que non deixamos a ninguén impune da nosa lingua viperina; aínda que nesta ocasión tiñamos un xoguete novo: un fantástico GPS que tras a súa programación e fixado de ruta ata Burela nos indica que tardaremos en chegar ¡¡tres horas e media!!. Iso no pode estar ben, di Víctor. Por sorte, non atinou moito no tempo, pero si no percorrido, xa que nos levou dereitiños ata Burela, e ata o propio Auditorio Municipal, de non ser que ao intentar acceder pola rúa que nos indicaba esta estaba cortada por un policía local; nós pensabamos que se debía a que era por motivos da chegada do Presidente, e ao ensinarlle a credencial e explicarlle que eramos os responsables do acto do Partido Socialista, o garda amablemente dinos:
«Pasade se queredes, por min non tendes ningún problema, pero a ver si vos deixa pasar a máquina que está asfaltando a rúa».
¡¡Incrible!!. O alcalde de Burela –do PP- decidiu asfaltar a rúa de acceso ao Auditorio o mesmo día en que Touriño daba alí un mitin. Podedes imaxinarvos as coñas e o cachondeo no coche. Pero, tras perder a referencia da ruta de entrada o fantástico GPS dirixiunos novamente por outra ruta. Rúas estreitas, a vía de FEVE e de repente a marabillosa voz feminina do aparello dinos: “En la próxima posibilidad gire a la derecha”. ¡Próxima posibilidad!, non dixo nin rúa, nin cruce, …, nin nada de nada, só “posibilidad”. Pois así o fixemos, tras pasar por debaixo da vía collemos por unha rúa estreitiña que pouco despois nos levou ata a o Auditorio.
Ao chegar alí, sobre as oito menos cuarto, xa había xente da comarca e da localidade para botarnos unha man na organización do acto. Alberto Doce e os seus rapaces –Pío, Miguel, Christian e Diego– xa tiñan todo listo, ao igual que Manlli –o de realización- e os seus. Agora toca esperar a chegada de Emilio.
Ás nove chega o presi, e como sempre recibímolo na porta; Alfredo, o candidato de Burela, está un pouco nervioso. Comezamos o acto sen ningún problema e como estaba previsto. Discursos dos cales hoxe non vos vou a comentar nada porque saín para fora a fumar un pitillo e non escoitei nada do que dixeron. Ao rematar volvemos a tomar unha cervexa cos xornalistas e a volta, tras parar a picar algo, foi curta, alomenos para min, porque vin durmindo todo o camiño. Vou a confesarvos que empezo a notar o cansazo e aínda nos faltan dez días. ¡¡Unha eternidade!!.
Ddc. Dúas horas ata O Barco
O primeiro luns de campaña sempre é un día importante, porque serve de termómetro para medir a temperatura electoral, para saber como se atopa a xente. Nós este primeiro luns escollemos O Barco de Valdeorras, un concello da provincia de Ourense que está no límite con Castela-León, ao lado de Ponferrada.
O traxecto ata O Barco é longo e cansado, dúas horas de viaxe. E deses traxectos no que en pouco tempo percorres as catro provincias galegas, pero cunha singularidade, a beleza das súas paisaxes. Destaco algo que me chamou a atención, que chegamos a pasar ata cinco veces por encima do Río Lor, o que demostra o serpenteante que é a estrada. Nesta ocasión a caravana electoral socialista formámola tres coches. O de Víctor, no que ía eu; o de Javier Carnota e o de Diego, estes dous con xornalistas. Cando chegamos ao Barco eran as seis e media da tarde, e os compañeiros de montaxe xa tiñan todo preparado, só quedaba darlle os últimos retoques, e listos para empezar. Facía bastantes días que non tiñamos todo listo con tanta antelación, polo que puidemos disfrutar dunha cervexa.
O auditorio da Casa de Cultura de O Barco encheuse con relativa facilidade, ás oito e cuarto xa estaba abarrotado. Habería unhas cincocentas persoas. O alcalde, Alfredo García, estaba tranquilo, pero con gañas de dar caña, notábaselle o cabreo pola impugnación da lista electoral polo PP, por mor da lei de igualdade. Tiña moitas ganas de dar caña. Calificou de “atentado contra a democracia” o recurso de PP, e pediulle aos veciños e veciñas a que “lles pasen factura” o 27 de maio nas urnas e dicirlles que “por aí non pasan”.
Touriño, pola súa banda dixo que o PP está confundindo a campaña electoral “cunha tómbola ou unha bono-loto” ou ben debe de pensar os galegos “son parvos”, polas promesas que está realizando nesta carreira cara as urnas en Galicia. Touriño advertiu de que “non cola, non é crible” que o PPdeG faga en cen días o que non fixo en 16 anos. A única herdanza que deixou foron “as mentiras das armas de destrucción masiva e a guerra de Iraq”, e lembrou que Rajoy é «o que nos deixou a mentira do Prestige”. Como podedes apreciar, a campaña electoral empeza a quentarse, e eso, a min, particularmente, gústame.
Ás dez da noite rematamos, e como a volta á casa era longa decidimos tomar uns bocatas e unha cervexa. Bocadillo de bacon con queixo, e outro de polo con pementos; charla e risas cos xornalistas que nos seguen na campaña; e ás doce da noite regreso a Santiago. Cando cheguei ao hotel pasaba das dúas da mañá, intentei escribir algo no ordenador pero non funcionaba a wifi. Outra vez será.
Comentarios