Archive for mayo 20, 2007

DdC. Abel Caballero, o Fernando Alonso galego

Mitin de Vigo

Hoxe pola mañá tivemos mitin en Vigo. Abel Caballero, Alfredo Pérez Rubalcaba e Emilio Pérez Touriño eran os oradores. Vigo recibiunos cun día frío e escuro, en ocasións caía unha choiva finiña e débil, pero o que máis se notaba era o vento frío, algo pouco usual en Vigo. O polideportivo do instituto do Calvario era o lugar elixido polos compañeiros e compañeiras da agrupación local. Por primeira vez, desde que vou a Vigo, e a pesares de non coñecer o sitio, non me perdín na cidade olívica, nin á entrada nin á saída; e iso é todo un éxito.

Pola mañá, decidín tomar un café en Boiro, no Ría de Arousa, o sitio no que paro habitualmente antes de marchar a traballar; quería saudar a Óscar, o dono da cafetería, que é compañeiro de sufrimento as últimas semanas por culpa do Barça. Pero a miña sorpresa ao entrar foi atoparme con Benito e Júnior –o seu fillo- cos que traballei no Restaurante Chicolino durante catro anos e aos que facía algún tempo cos que non falaba. Fai xa seis anos que deixei de traballar en Chicolino, pero de vez en cando vou a darlle unha visita, porque non me gusta perder o contacto cos antigos compañeiros de traballo. Neste restaurante foi un dos sitios nos que máis duro traballei, fixen moitas horas – a hostalería é moi dura- pero tamén gardo un bo recordo e bos amigos. Cando cheguei a Vigo xa estaba alí Víctor. Hoxe fomos por separado porque Víctor tiña un asuntillo familiar en Ourense; Carnota decidiuse ir con Diego no coche dos xornalistas. Saudei aos compañeiros de Ferraz (a sede Federal do PSOE), alí estaban Antonio, Pedrito e os de seguridade. Recibo unha chamada para avisarme de que hai unha modificación no pograma inicial, xa que Rubalcaba quere facer unhas declaracións aos medios para dar uns datos sobre inmigración. Con Carnota e Ángel Rivas buscamos un lugar adecuado no que o ministro poida atender aos medios. Ao pouco tempo comunícanme que está chegando “o Presi”, xa teño ao meu carón a Abel Caballero para que o reciba; Rubalcaba vai a tardar un pouco máis.

O mitin de hoxe promete ser interesante, xa que Rubalcaba habitúa a ter boas intervencións, e seguro que di algo interesante. Empeza o mitin, e tras a intervención de Abel, sube ao atril o ministro e empeza contándonos que tivo un mal viaxe no avión, e confésanos que a el eso do avión non acaba de gustarlle.

Primeira frase, o ministro do Interior confesa que non lle gustan os tópicos, e que lle parece “superdesafortunado” o que di que os galegos nunca se sabe si soben ou se baixan, si van ou si veñen. Porque nas eleccións galegas decidiron “subir y no bajar, ir y no volver y votaron a Emilio”, e sabe que nas eleccións municipais van a facer o mesmo e darán o seu apoio ao candidato socialista de Vigo.

Segunda frase, di que Rajoy ten “memoria selectiva”, ou mellor dito “amnesia selectiva”, xa que vén a Galicia a esixir o AVE, “una infraestructura ala que el PP llegó tarde” ata o criticaron e dicían que ía a ser un fracaso. Igual que “han llegado tarde a todo, a la democracia a la Constitución, y también a Galicia”, porque esa es “la característica de la derecha” en España. Despois dixo que o líder dos populares pasou de ser “el profeta de las catástrofes a una catástrofe de profeta” porque anunciara o fracaso económico, o fin da familia, a ruptura de España, e ningunha desas cousas se cumpriron.

Terceira frase, Rubalcaba recriminou ao PP pola súa insistencia en usar o terrorismo para desgastar ao goberno, e dixo que o principal partido da oposición só ten nesta campaña “una guía que pone ETA, un guionista que es Gara –o xornal da banda terrorista-, y un himno que es ‘Sin ti no soy nada'”. Así criticou a actitude de Rajoy, quen está “ahí está erre que erre” empregando como “pomada mágica” para todo “la ilegalización de ANV” (Asociación Nacionalista Vasca), xa que a calquera problema que exista ben sexa de vivenda, de trasporte ou de medio ambiente ou calquera outro, a proposta do PP sempre é a mesma, “prescindiendo de que el Tribunal Constitucional dice que no se puede ilegalizar este partido”. 

Alfredo Pérez Rubalcaba conseguiu meterse aos asistentes no bolsillo, en poucos minutos. Despois chegou a intervención de Emilio Pérez Touriño, o que se encargou de poñer símiles de Fórmula 1 para asegurar que Abel Caballero “é o Fernando Alonso de Galicia” , porque é o piloto que o “espléndido coche de fórmula que é Vigo necesita”. Tamén explicou que esta cidade, conta cun “motor de gran cilindrada” como é a industria automobilística e a do naval, e ten “a mellor escudería, os vigueses e as viguesas, a xente traballadora”. 

En definitiva, un mitin que deixou moitos titulares para que os xornalistas poidan escoller. Ao remate de volta á casa, a xantar coa familia e a descansar. Intentarei ver ao Barça a ver se nos da unha alegría. Por certo, tanto Rubalcaba como Touriño son do Real Madrid. ¡¡Ninguén é prefecto!!.

Anuncios

mayo 20, 2007 at 7:37 pm 1 comentario

DdC. Irisarri “o surfista”

O sábado traballamos media xornada. Só tivemos actos pola tarde. Gracias a esta “concesión” na campaña puiden estar máis tempo na casa, o que aproveitei fundamentalmente para durmir, vou a confesarvos que me levantei ás 12 e media, tras afeitarme e unha ducha, saín a tomar algo coa familia e con meus sogros cos cales non puidera estar desde que chegaran o pasado domingo. Despois de xantar na casa –que marabilla- dediqueime a actualizar o blog.

Pola tarde estivemos na comarca de Ferrolterra, primeiro unha visita a Pontedeume onde “o Presi” visitou aos compañeiros e compañeiras, alí estaban varios dos membros da candidatura entre os que se atopa Agustín Vilariño, o candidato socialista; o actual alcalde, Belarmino Freire, que decidiu deixar o cargo e descansar despois de varios anos de servizo; tamén estaba Bernardo, número catro da candidatura e membro das XSG, un rapaz xoven e con moita iniciativa e inquietudes; e, o bo amigo e blogueiro Nacho, que tamén figura na lista eumesa no posto número seis. A tarde amosábase bastante movida, xa que primeiro iriamos a Ferrol a ver o recinto do acto do día –o FIMO– e despois ir a Pontedeume a controlar o lugar onde quedaramos con Touriño e coa candidatura, e unha vez feito o percorrido saír Víctor e eu a toda pastilla cara a Ferrol novamente para esperar a chegada do secretario xeral.

Cando ían a ser as oito da tarde chegou Emilio ao FIMO, e tras esperar un pouco na sala que tiñamos habilitada empezamos o acto. Había en torno a unhas cincocentas persoas, moitas delas con camisetas do slogan de campaña da cidade departamental: Vamos!. Contábame Jaime Casals, un compañeiro da empresa de comunicación Neo que o merchandising que realizaron para a campaña está tendo moito éxito, xa que é unha campaña fresca e moi novedosa.

As intervencións comezaron ás oito e cuarto. Vicente Irisarri, o candidato socialista e próximo alcalde de Ferrol, empezou dicindo “aquí está o surfista”, aludindo claramente ás críticas que o día anterior lanzara Núñez Feijoo. Vicente dixo tamén que “para nada” a súa intención é “dedicarse ao pádel, beber viño con pouca moderación e conducir despois”, en alusión ás declaracións de Aznar, que o día anterior ceou no mesmo recinto no que nós celebrábamos o mitin. Pero Vicente fixo tamén unha exposición sobre o Ferrol que el quere, o Ferrol do futuro.

Touriño, pola súa banda, fixo un chamamento directo aos xóvenes á participación, para que se convertan en protagonistas nas eleccións de 27 de maio, e actuar así coma o “motor do cambio”. Aludiu tamén a presencia o día anterior de Aznar, dicindo: “Onte estivo aquí o pasado e pasado queda”.

O mitin acabou rápido, unha hora aproximadamente, despois uns saúdos ao candidato de As Pontes, Valentín Formoso; a despedida de rigor dos compañeiros de montaxe. Por certo, onte Alberto Doce, o “boss” da empresa que se encarga de que todo estea perfecto para poder realizar os actos dos que vos falo, deu o seu primeiro mitin, xa que é membro da candidatura socialista de Fene. Segundo me contan, falou sobre uns dez minutos e estivo aceptable; a calificación que lle outorgan ronda unha media de seis.

Á volta viñemos ata Fene con Iván Puentes, do que xa vos falei en infinidade de ocasións, e ao que sempre é un pracer ver e falar con el. ¡¡Ánimo Iván!!.

mayo 20, 2007 at 5:35 pm 4 comentarios


O máis ollado

Calendario

mayo 2007
L M X J V S D
« Abr   Jun »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.