Archive for mayo, 2007

DdC.Orozco “is different”

De la Vega, Touriño e Orozco 

Este domingo tocou madrugar, e levantarse da cama foi unha tarefa complicada. Puxen a alarma do móbil para as oito e cuarto, pero levanteime uns vinte minutos despois. Quedara con Carnota e Víctor no Puerta del Camino ás nove e media, e coma sempre cheguei tarde.

No camiño desde Boiro ata Santiago fun pensando na cantidade de cartos que se gastan nunhas eleccións, e a verdade dubido que tanto derroche publicitario sexa proporcionalmente rentable ao éxito electoral. E pensaba iso mentres ía vendo pola estrada o estrago que fixo o vento nas bandeirolas, pancartas e carteis, xa que moitos deles estaban arrincados, caídos ou bastante deteriorados. Pero, o ego fai que a todos os candidatos e candidatas lles guste verse colgados de farolas ou en moitas ocasións que a súa cara apareza pegada nun contedor. É certo que hai que ter presencia, pero tamén “con sentidiño”.

Na entrada de Lugo –no polígono do Céao- reafirmeime máis aínda na miña crenza do derroche electoral, xa que algúns candidatos teñen tres e ata catro vallas xuntas, pegadas unhas ás outras. Unha cousa é a publicidade necesaria e outra a excesiva.

Á chegada ao Auditorio atopeime co compañeiro do comité provincial de Lugo, Suso Ceide, enfrascado en tarefas organizativas e discutindo cun dos responsables de seguridade de vicepresidencia, os cales teño que recoñecer que son bastante chulos e engreidos, pero Suso que non se corta un pelo dicíalle: “o local pedino eu, e aquí faise como eu diga …”. Suso é así, despois comentábame a min: “a estes de Moncloa hai que tratalos así, poñérselle chulo, senón intentan pisarche.”  Teño que recoñecer que Suso ten toda a razón, xa que en ocasións teslle que “ensinar os dentes” a algúns que veñen de Madrid, porque son tremendamente “campións” e prepotentes, e pensan que poden chegar asoballando. Pero, por sorte, son unha minoría.

O día en Lugo era chuvioso e con moito vento, pero non foi obstáculo para que a xente acudise ao mitin en masa. Antes de empezar estiven con Orozco –o alcalde-, unha persoa entrañable e que nótase o aprecio e cariño que lle teñen os lugueses e luguesas, e el tamén se fai querer,xa que ía saudando a cada un dos que entraba entregándolle un programa e un díptico publicitario dicíndolle, en ton de broma, que á saída íalles a preguntar a lección para saber si o leran e ao que non suspenderíao ata setembro.

O desenrolo do mitin foi o habitual, Orozco falou da cidade que se atopou e a que existe agora, e comentou as obras que ten previsto facer se repite como alcalde. Fixo un chamamento á participación e a que a xente non se confíe “porque non está nada ganado”, aínda que gritou un desde o público “está gañada e por goleada”.

Touriño cualificou a Orozco como “un alcalde do que se pode presumir en toda España e en toda Galicia”; manifestou tamén as posibilidades reais que existen de conseguir o goberno na Deputación de Lugo, e “non iamos a perder esa oportunidade de sacar ao PP da Administración provincial”. “Lugo fai tempo que espertou e se ergueu para deixar de ser a reserva natural da política de dereitas, das políticas clientalares que algúns creían que era”.

Despois tocoulle o turno á Mª Teresa Fernández de la Vega, a cal se amosou emocionada por atoparse en Lugo, e máis ao ver entre os asistentes a uns familiares de Lugo, entre o que se atopaba unha tía súa de noventa e catro anos, que foi xunto coa súa irmá a primeira muller licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela.

De volta á casa Víctor e eu cambiamos de compañeiros de viaxe, xa que acompañáronos Ismael Rego e Fernando Varela –xornalista de El País e que nos acompaña nesta campaña-. Javier Carnota quedouse en Lugo facendo unha nota de prensa e veu con Javier Fariña –o chofer- no coche dos xornalistas que nos cubren na campaña electoral. Pero outro día comentareivos como está estructurada a “caravana” electoral destas municipais.

Cando cheguei á casa eran as catro menos cuarto da tarde, e ademais tiña a meus sogros de Asturias recen chegados, xa que veñen a estar unha “semaniña” con nós. ¡Todo un pracer!.

Mañá seguimos, xa que estes dous próximos días son de longo percorrido. Imos ao Barco de Valdeorras o luns, e a Burela o martes. ¡De punta a punta de Galicia!.

¡Ah!, por certo, o Barça empatou na casa co Betis no minuto 44. ¡Que desastre!. A este ritmo a liga podemos dala por perdida, e o peor é que a vai a ganar o Madrid. E Alonso quedou terceiro en Montmeló. Deportivamente non foi un dos mellores días. Outra vez será.

mayo 14, 2007 at 12:32 am 1 comentario

DdC. Vilagarcía-Vigo. Outro doblete

cea_vigo.jpg 

Este sábado volvemos a ter “doblete”. Ás oito da tarde mitin en Vilagarcía e ás dez e media cea en Vigo. A verdade de ter dous mitins nun só día é bastante cansado, xa que hai que saír zumbando dun lado para chegar ao seguinte con tempo necesario para ter controlado e preparado. Por iso, como xa vos dixen, antes de que remate Emilio saímos cara o lugar seguinte.  O punto de encontro con Víctor e Carnota foi en Padrón. Tomamos un café e marchamos cara a Vilagarcía. Chegamos ás seis e media. O acto era no recinto feiral de Fexdega, é a primeira vez que celebramos un acto do Partido neste recinto.

A verdade e que os mitins na Ría de Arousa son distintos, o ambiente é moi caluroso e a xente moi participativa. Había máis de seiscentas persoas con ganas de marcha, e Javier Gago –o actual alcalde de Vilagarcía- encargouse de ir animando ao persoal coa súa intervención. Acusou ao PP de ser uns “carroñeiros, por intentar sacar réditos electorais das desgracias dos incendios e as inundacións”. Dixo tamén que “o día 27 de maio é a oportunidade para sacar aos caciques da Deputación” . A verdade e que Gago é un gran orador e un gran político, e foi un excelente alcalde o que é doado de comprobar só con visitar Vilagarcía. De Enrique León, o candidato socialista á alcaldía, quero destacar a seguinte frase: “Non esperedes que prometa nada que non poda cumprir, pero sabede que se alguén pretende enganarvos, antes terá que enganarme a min …”. Aqueles que coñecen a Enrique, saben que esto que está a dicir é certo, e cando estás con el basta con mirarlle aos ollos para saber que é un persoa íntegra e honesta. Así o demostrou ao longo da súa traxectoria profesional na Policía. Touriño dixo que nestas eleccións hai que elixir entre concellos de dereitos, os que garanten os socialistas, ou de dereitas, os do PP, e pediu o voto para o PSdeG  e así impedir as rebaixas nos servizos públicos que quere a oposición. A anécdota deste mitin púxoa o candidato socialista do Grove, ao que lle rompeu a silla e caeu orixinando un gran ruído. Touriño que estaba intervindo nese intre dixo: vese que é un home mozo, ben plantado, e de moito peso, que a silla non pode con el”.

Cea no Bahía de Vigo Na segunda planta do Hotel Bahía de Vigo celebrouse a cea á que asistiron seiscentas persoas. Cando chegamos á cidade olívica o tempo estaba cambiando e ao pouco tempo empezou a chover. Ao chegar Emilio xa entramos no salón, e tras as fotos empezaron as intervencións. Só falaron Abel Caballero e Emilio P. Touriño. Das intervencións non podo contarvos nada porque saín do salón, e teño que confesarvos que Carnota e eu fomos á cafetería do hotel a tomar unha Coca-Cola e a picar unhas tapiñas. Tanto discurso e axetreo da fame e sede.

Aproveito para facer unha queixa. Desde Vigo ata Padrón non hai ningunha área de servizo aberta pola noite, todas pechan ás doce da noite. Sería bo que algunha estivese aberta para os que trasnoitamos podamos comer un bocadillo e beber algo.  A seguinte parada vai ser en Lugo, este domingo estamos no Auditorio Gustavo Freire con Orozco, Mª Teresa Fernández de la Vega e Emilio Pérez Touriño.

E como dicía Santiago Pemán: “e isto é todo, ata mañá”.

mayo 13, 2007 at 2:38 am 1 comentario

DdC.Carballiño-Pontevedra en 50 minutos

Foto da Cea en Pontevedra. (www.lavozdegalicia.es-Capotillo)

O primeiro día de campaña estivemos no Carballiño. Ás sete da tarde chegamos á vila do Arenteiro, o Auditorio Municipal foi o sitio elixido para dar a saída ao día 1 da campaña.

O auditorio carballiñés é un recinto bonito, fai xa varios anos que estiven nel por primeira vez, creo recordar que foi nun mitin de autonómicas do 2001 con Felipe González e Emilio P. Touriño. Ten unha aforo de cincocentas persoas, e uns accesos doados e amplos, ademais de contar cun escenario duns catorce metros de boca. Un sitio idóneo para realizar un acto coma o noso. Ao entrar no lugar do mitin chocoume que xa houbese xente sentada nas butacas –en torno a unhas vinte persoas-, xa que ese é un bo síntoma e unha garantía de abarrote. Os Albertos xa tiñan todo preparado, uns retoques de iluminación entre Pío e Javier Carnota, preparar os textos para os plasmas, e uns momentos de tensión xa que non éramos capaces de que se vise nos plasmas o que queríamos proxectar desde o portátil, ao final Manlli –o realizador- conseguiu que funcionase correcto.

Tocaba esperar a que chegase Emilio. A afluencia de xente era enorme, Víctor dime que está a tope, que os pasillos están abarrotados de xente. Empezamos o mitin entramos no auditorio e o calor da xente e tremendo. A cara de Pachi –o conselleiro de medio ambiente e ex alcalde de O Carballiño- e de Carlos –o alcalde- amosan a súa satisfacción.

O mitin discorre con normalidade, nós –Carnota, Víctor e eu- esperamos a que empece a intervir Emilio para saír pintando para Pontevedra, ás dez e media temos alí unha cea con seiscentas persoas.

Camiño de Pontevedra imos comentando o acto, e o aprecio e cariño que lle teñen a Pachi no seu pobo, Carnota comenta unha anécdota de dous nenos que pasaron por diante do auditorio en bicicleta:  

  •  “Hoxe hai un mitin aquí do Pachi para ser alcalde”, dille un ao outro 
  • “Pero agora o Pachi xa non é o alcalde”. 
  • “Como que non?.
  •  “Non, porque agora o Pachi é máis que alcalde.

Cea en Pontevedra Chegamos a Pontevedra xustiños, quince minutos antes de que chegara o Presi. Ao chegar saudamos a Antón Louro e a Teresa Casal. Tamén estaba Lola Villarino, Ismael Rego, Carmen Gallego –que chegou máis tarde-, e outros moitos convidados e convidadas.Á chegada de Emilio P. Touriño comezaron as intervencións. Tere Casal reivindicou o papel da muller e pediulle o voto a todos, pero especialmente ás mulleres, e fíxolle unha alusión a Núñez Feijoo que días antes lle había chamado Segolene Casal. Non faltou unha sentida homenaxe a Chano Esperón, concelleiro de Pontevedra que días atrás sufriu unha isquemia cerebral. Tras a intervención de Touriño, na que non deixou de citar a súa condición de pontevedrés, e de reclamar “menos tensión e máis serenidade, menos imposición e máis diálogo”.Tras as intervencións regreso para Santiago coa compaña de Teresa Facal. A volta foi tremendamente entretida, posto que Carnota veunos dando unha serie de receitas de cociña de emerxencia, todo composto por conxelados, envasados e para facer no microondas en poucos minutos. Destacar o arroz branco precociñado cunha lata de calamares en salsa americana; ou o bacallao desmigado con garbanzos cocidos e espinacas. Non me cabe dúbida de que Javier Carnota é un gran chef dos productor precociñados.

Á unha e media da madrugada cheguei á casa. Paula e Nerea xa durmían, Eva estábame esperando. Ceei algo, falamos un pouco e a durmir.

mayo 12, 2007 at 4:32 pm Deja un comentario

DdC. Xa empezou a campaña!!

Ás 2 da madrugada cheguei ao Hotel Puerta del Camino de Santiago para durmir. Empezamos a campaña en Ourense; ás 13:30 aterramos na Cidade das Burgas, xantamos cos compañeiros da montaxe –os famosos Albertos, dos que xa vos teño falado- e ás catro comezamos a montar o escenario e toda a parafernalia do simbólico acto da pegada de cartel.

A verdade é que os tempos cambiaron moito, agora a pegada realízase sen escoba e sen cola, foi o que se pode denominar unha pegada dixital. A tarde pasou lenta e pendentes do tempo, xa que ao ser ao aire libre –na Alameda- tiñamos medo de que puidese chover ou de que o vento nos fixese algún estrago. As intervencións comezaron ás 11:45 h., estaba todo medido milimétricamente, xa que ás 12:02 h. entrabamos en directo na TVG. Con anterioridade tiven un desgusto, o Barça acababa de perder 4-0 co Getafe e quedou eliminado da Copa do Rey, ¡¡menuda vergonza!!.

Paco Rodríguez e Emilio P. Touriño entraron no recinto, estaba abarrotado –en torno a seiscentas persoas-, palpábase o calor e o entusiasmo, a música soaba a tope –coma sempre que empezamos un mitin-. Paco foi o primeiro en falar, empeza forte, aínda que coa voz un pouco ronca: “hoxe iniciamos o cambio que poña a andar a Ourense e a Baltar no paro”, sigue afirmando que “ a partires do día 27 de maio rematarán os chanchullos, o despilfarro e as desigualdades en Ourense”. ¡¡Ben, todo vai saíndo ben!!. Ás 11:55 empeza a falar Emilio –tal e como estaba previsto-, fala de Ourense e da boa xestión realizada polos alcaldes e alcaldesas socialistas, ten que interromper en varias ocasións o seu discurso polos gritos dos asistentes: ¡¡Touriño, Touriño!!, ¡¡Presidente, Presidente!!. Ás 12:03 entramos no directo. Todo vai ben. Cravamos o directo. ¡¡Así da gusto!!.

Emilio remata a súa intervención e empeza a apoteose final, bandeiras ao vento, fórmase o cartel electoral, soa a música –o rock do PSOE-, soltamos o confeti, o fume, e os dous globos. Rematou o espectáculo. Todo saíu á perfección. ¡¡Só quedan quince días de campaña!!.

A volta foi, como sempre agradable, chareta con Víctor na que falamos de todo un pouco, e ata Carballiño.

mayo 11, 2007 at 2:46 pm 1 comentario

Aznar vs. Chiquito de la Calzada

Aznar foi nomeado “Bodeguero de Honor” e durante esa homenaxe ao viño de Castela e León atreveuse a criticar as campañas da Dirección Xeral de Tráfico e a defender o consumo de alcohol. Co cal o “moderno” e “antisistema” de José Mari acábase de cargar aquel famoso anuncio no que Stevie Wonder dicía o de “si bebes no conduzcas”. E el neste caso concreto non sei se tería que conducir, pero borracho si parece que está. 

Paréceme unha total irresponsabilidade e un saída de ton brutal as manifestacións realizadas por Aznar, sobre todo porque foi Presidente do Goberno de España –quen o diría-, e as constantes necedades e estupideces que este individuo acostuma a soltar en calquera foro público son indignas e censurables, xa que debería de amosar un mínimo de respecto. 

O cambio amosado por José María Aznar no seu comportamento durante os últimos anos é preocupante, porque entre esa melena que se deixou, e os comentarios que fai semella máis un imitador de Chiquito de la Calzada que un político de primeira liña, por iso non me estrañaría que aparecese na próxima edición de El Club de Flo como “monologuista” invitado.

mayo 6, 2007 at 12:59 am Deja un comentario

Outro/a Borbón. ¡¡Viva a Monarquía!!

SMS Infanta Sofá

Levo un par días intentando escribir algo sobre a nova da semana, pero ben por “vagancia”, ben por falta tempo fixo que non me tratara o tema real ata hoxe. Desde o pasado domingo os medios de comunicación estannos a bombardear co nacemento da Infanta Sofía. Que si foi de cesárea, que cal é o seu nome, que si a foi a visitar a irmá, que pesou non sei canto, os regalos que tivo, que a quen se parece, …, un exceso informativo para unha nova que debería ter unha repercusión non máis alá do anecdótico do feito que unha parella tivo o seu segundo fillo; aínda sendo todos conscientes de quen é a parella. Eu nestes casos sempre me pregunto quen elixe a importancia da nova, os medios de comunicación que nos bombardean a diario ou o cidadán que se senta diante da televisión.

Por outra banda quería comentar outro asunto que envolve este embarazo e posterior parto que me pon colorado, e que ningún medio de comunicación ou xornalista comentou ata o de agora –que eu saiba-, resulta que os partos da princeza Letizia tiveron lugar na Clínica Rúber, un hospital privado que se define como Desde su fundación en 1942, el Hospital Ruber se ha definido como una empresa cuya misión es dar servicios sanitarios privados excelentes. E o que me asombra de todo isto é que a Familia Real non poda ser atendida e tratada nun hospital público, o que amosa un desprezo real pola sanidade pública.

Remato deixándovos unha frase que lin no blog de Nacho Escolar:

Como cada día, han nacido en España alrededor de 1.287 niños. De ellos, cerca de 300 son hijos de inmigrantes. Sólo uno de esos bebés vivirá de tus impuestos”.

mayo 2, 2007 at 12:04 am 1 comentario

Entradas recientes


Calendario

mayo 2007
L M X J V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.