Archive for agosto, 2007
Blog Day
Hoxe é o día mundial dos “blogueiros”, o chamado Blog Day. Esta data consiste en recomendar cinco blogs diferentes “á nosa propia cultura, punto de vista e posición”, tal e como din os creadores desta idea.
Recomendar algo nunca é doado, porque seguro que se che queda algo ou alguén no tinteiro, e moito máis distinto á cultura propia. Pero de tódolos xeitos as miñas recomendacións son as seguintes, xa que é o que leo habitualmente:
-
A mis 95. O gran descubrimento. A avoa da rede que nos conta as súas historias, e a verdade é que con 95 anos ten moitísimo que ensinarnos.
-
Galpón de Breogán. Un blog no que de xeito irónico tratan a actualidade de Galicia.
-
Xaime. Trata un pouco de todo, aínda que destaco o seu sentido do humor e as súas creacións.
-
Andrés Milleiro. Non fai moito que empecei a ler o seu blog, pero enganchoume xa que trata asuntos diversos, en especial temas tecnolóxicos e da rede.
-
Marcus. Sempre aporta unha visión especial da actualidade máis diversa. Trata de todo un pouco pero dun xeito moi persoal.
De tódolos xeitos, quero saudar neste día a Loli, Paula, Lage, Iván, Miguel, Eladio, Pepe, Julio, Nacho, Nelly, Alfonso, Marco, Nacho Escolar, …, en resumo, a todos e todas que facedes que poida estar máis cerca de vós grazas aos vosos opinións e comentarios.
¡¡Más madera, es la guerra!!
A verdade é que no Partido Popular as augas non baixan nadiña tranquilas, e esa aparente calma e unidade en torno á figura mesiánica de Mariano Rajoy é fundamentalmente unha sociedade limitada con data de caducidade: as eleccións xerais do 2008. Se hai sorte e Rajoy gaña as eleccións, todos contentos porque todos gañan; e se perde, todos contentos tamén porque o único derrotado vai a ser o candidato proclamado a dedo por Aznar.
E que a estabilidade dentro do PP é dubidosa vese, por exemplo, cando aparece Ruiz-Gallardón en público amosando a súa ambición: a de ser candidato ao Congreso dos Deputados polas listas de Madrid. Entón nese momento aparecen as “vacas sagradas” do PP (Esperanza, Zaplana e Acebes) para poñer firme ao alcalde da capital de España e sobre todo para ir marcando o seu territorio de cara ao futuro.
Que Gallardón non é querido e apreciado polo “brazo armado” popular non é ningún segredo, porque tampouco ningún dos mercenarios de Aznar fai nada por ocultalo, e aí están as declaracións realizadas tras a entrevista que Europa Press lle fixo. Acebes, dixo que agora cada un debe estar ao seu traballo, Esperanza Aguirre que non lle sorprende o anuncio de Gallardón, pero si que o faga despois de dicir que non falaría máis do asunto, e para Zaplana é un erro falar agora das futuras candidaturas do PP ao Congreso e asegurou que é o que menos lle convén ao partido.
Pero como na película “Los Hermanos Marx en el Oeste”, todos se dedican a botar madeira á caldeira da locomotora popular porque … ¡¡es la guerra!!. Á madeira aportada por Acebes, Aguirre e Zaplana sumáronse outros membros do PP (Antonio Basagoiti, Javier Arenas, Martínez Pujalte ou Jorge Fernández Díaz) que continuaron botando madeira; Manuel Cobo (man dereita de Gallardón no concello de Madrid) e o propio Alcalde seguiron enchendo a caldeira. E Rajoy de corpo presente –como case sempre- axudou a que o lume non se apagara. Ata o propio José Bono, amigo de Gallardón, axudou a quentar máis a desbocada locomotora do PP. En definitiva, que o PP pode estoupar en calquera intre, só fai falla unha razón para que alguén diga algo que sexa considerado pecado pola curia popular é: ¡¡Más madera, es la guerra!!.
Dúbidas: Unha de tenis
¿De verdade que este traxe que luce Maria Sharapova é para xogar ao tenis?. Entón, ¿como se viste cando vai a unha gala ou de cea?.
Eu aínda lembro os uniformes que levaban Arancha Sánchez Vicario, Steffi Graf, Navratilova ou Sabatini.
Espe cabalga a rede
Sorprendente a foto de portada do xornal “La Razón” que nos amosa a unha “espectacular” Esperanza Aguirre nunha postura bastante comprometida.
“La Presidenta”, á que sempre lle gusta pasar inadvertida, posúe un amplo book fotográfico: xogando ao golf ou o pádel, facendo aerobic cun abrigo de visón, tocando a guitarra, facendo ximnasia, saíndo dun helicóptero accidentado, etc.. Só lle falta saír na portada da Interviu, aínda que os amigos de despuesdegoogle.com xa o fixeron posible cunha montaxe.
Pero a foto de “La Razón” amósano a unha Espe preparada para xogar ao pádel cunha indumentaria pouco apropiada, xa que ademais da súa chaqueta vermella, leva unha saia longa e vai descalza. O que non acabo de entender de todo é o intre da instantánea, xa que se atopa cabalgando a rede, non sei se porque xa rematou o partido e vai a felicitar a Gallardón –imaxínome que sería o contrincante-, ou porque aproveitou que estaban os fotógrafos e quixo situarse no centro da pista para amosar que ela non é tan de dereitas nin tan conservadora como din.
¡¡Unha pregunta!!
Segundo as enquisas é a persoa máis valorado do PP e o político máis valorado polos españois.
A hipocresía de Rajoy
Mariano Rajoy ten varias varas de medir, e emprégaas sempre en función das responsabilidades e a que partido lle afectan. Estes días vemos como pide a dimisión da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, por todo o que está a acontecer en Catalunya coas infraestructuras. Nembargantes esa mesma vara de medir non a empregou cando en Valencia aconteceu un desgraciado accidente de metro no que morreron máis de corenta persoas; a pesares de que o accidente foi debido á falla de investimento da Generalitat Valenciana –gobernada polo PP-. Nin tampouco me lembro de ningunha dimisión no PP, nin petición expresa por parte de Rajoy con outros accidentes lamentables acontecidos cando el formaba parte do goberno.
Pero o descaro e a desvergonza de don Mariano chega ao extremo de que cualifica simplemente coma un “erro” o fraude de incluír nas candidaturas do PP de Euskadi, sen o seu consentimento, a veciños de O Grove, encubrindo así un claro delicto penal. O normal e o desexable sería que Rajoy, tan propenso a pedir dimisións alleas, lle esixise responsabilidades aos responsables do seu partido en Galicia.
¿Onde está a ética política de don Mariano?
Unha perla musical do grupo Ialma
A semana pasada descubrín a través do Chuza unha perla musical dun grupo de rapazas afincadas en Bélxica pero que cantan en galego.
O grupo Ialma, que así se chaman, atrévense a versionar a súper coñecida canción “Under the bridge” dos Red Hot Chili Peppers. O resultado como podedes comprobar no vídeo é impresionante, o que demostra que a música folk galega non ten porque limitarse unicamente ás xotas, muiñeiras ou mazurcas. Tamén pode ser atrevida e buscar outros rexistros máis innovadores.
Relacionadas:
Unha de leis raras, raras, raras
En moitas ocasións queixámonos da existencia de leis absurdas e sen sentido. Neso son especialistas os do PP que durante esta lexislatura cualificaron como absurdas –e inconstitucionais- case todas as que se aprobaron no Congreso.
Pero, sen dúbida Rajoy e os seus descoñecen a existencia dun ranking, elaborado por The Times, das vintecinco leis máis extravagantes e ilóxicas.
Este é o ranking:
-
Se aparece unha balea morta nas costas británicas, a cabeza é do rei. Con todo, a cola pertence á raíña no caso de que necesite os ósos para o seu corpiño.
-
En Bahrein, un doutor pode examinar os xenitais dunha muller, pero ten terminantemente prohibido mirar a eles directamente durante o exame, e só pode ver o seu reflexo nun espello.
-
En Londres é ilegal montar nun taxi se se ten a peste.
-
En Vermont (Estados Unidos), as mulleres necesitan un permiso asinado dos seus maridos para usar dentadura postiza.
-
Na cidade estadounidense de Boulder (Colorado) é ilegal matar un paxaro dentro dos límites da cidade, así como ser o dono dunha mascota (legalmente, os cidadáns só son «supervisores» destas).
-
Na cidade de York (Inglaterra), é ilegal asasinar a un escocés dentro das antigas murallas, pero só se el leva un arco e frechas.
-
En Chester (Inglaterra), os galeses non poden entrar á cidade antes da saída do sol, e non poden permanecer nela unha vez que se puxo.
-
En Kentucky (EEUU), é ilegal levar armas ocultas que excedan dos dous metros de longo.
-
En Florida (EEUU), as mulleres solteiras que salten en paracaídas os domingos poden ser encarceradas.
-
No Reino Unido, un home que sente obrigado a ouriñar en público pode facelo a condición de que apunte cara á roda do seu vehículo e manteña a súa man dereita apoiada nel.
-
No Salvador, os conductores borrachos poden ser castigados coa morte ante un pelotón de fusilamento.
-
Está permitido pasear un rabaño de ovellas ao longo da Ponte de Londres sen ter que pagar peaxe, o mesmo que ocorre cos gansos en Cheapside.
-
No Reino Unido, os homes menores de 14 deben practicar diariamente o tiro con arco.
-
En Indonesia, a masturbación está penada coa decapitación.
-
En Miami, é ilegal pasearse pola comisaría de Policía en monopatín.
-
En Lancashire (Inglaterra) , se un policía che parae na beira do mar, está prohibido que incites a un can a ladrar.
-
No Reino Unido, unha embarazada pode ouriñar onde queira, ata nun casco de policía.
-
Os barcos da Armada Real Británica que entran ao Porto de Londres deben proporcionar un barril de ron aos encargados da Torre londinense.
-
En Ohio (EEUU), é ilegal pescar bébedo.
-
En Alabama (EEUU) , é ilegal vendar os ollos a unha persoa mentres conduce o seu vehículo.
-
No Reino Unido, é ilegal non contarlle ao cobrador de impostos o que non queres que saiba. Con todo, podes ocultarlle o que non che importaría que soubese.
-
En Francia, é ilegal pór de nome a un porco Napoleón.
-
No Reino Unido, considérase un acto de traizón pór ao revés un selo de correos no que aparece unha imaxe da monarquía británica.
-
É ilegal morrer no Parlamento británico.
-
Vai contra a lei que un taxi transporte cadáveres ou cans rabiosos en Londres.
Como vedes hainas para todos os gustos. Sen dúbida os grandes mestres de leis raras son os ingleses e os americanos.
Comentarios