Archive for agosto 11, 2007
O poderío de Susana Seivane
Teño comentado xa a miña devoción pola música folk, en especial polo mestre Carlos Núñez, aínda que hoxe quero recomendarvos que escoitedes, e a poder ser en directo á gaiteira Susana Seivane.
Eu téñoa visto varias veces actuar en televisión e escoitado en CD, aínda que nunca tivera a oportunidade de vela en directo. Hoxe tiven a ocasión de disfrutar da súa actuación en Boiro, con motivo do Vai de Camiño que organiza o Xacobeo, e teño que confesarvos que estou fascinado pola súa forza e o seu poderío sobre o escenario, pero ao mesmo tempo pola naturalidade, a sencillez e a sensualidade que transmite; ademais de saber rodearse dun fantástico grupo de músicos, entre os que se atopa o baixista noiés Kin García.
Mentres estaba vendo e escoitando actuar a Susana víñanme á cabeza recordos doutra popular gaiteira de pelo verde, que abusaba en exceso da esaxeración e o desenfreo, aparte de que musicalmente deixaba bastante que desexar, alomenos coa gaita –como pianista non teño opinión-. A andaina musical de Susana Seivane non foi tan sonada nin meteórica como a de Cristina Pato, quizais porque non tivo a sorte de saír nun anuncio de cava, pero a diferencia é que a de Cambre naceu entre foles, roncos e punteiros, e leva tocando en escenarios desde nena, polo que a gaita non ten secretos para ela.
Polo que, se tendes ocasión e vos gusta a música galega, non deixedes de ver un concerto da Gaiteira Seivane
Comentarios