Archive for septiembre, 2007

Guerra contra Telefónica

Uns veciños de Porto do Son decidiron emprender unha “guerra” contra a compañía Telefónica. Segundo parece, a multinacional das telecomunicacións ocasionou unha serie de danos nun edificio do concello sonense, e agora os seus propietarios acordaron colocar este singular e “caseiro” cartel no que lle prohiben á empresa que toque a parede ata que “solte a pasta” polos danos causados.

A dúbida que me queda é saber cales foron os danos, e a canto ascende a cuantía dos mesmos. E, sobre todo, saber como rematará esta pugna entre “David e Goliath”, pero coñecendo á empresa que dirixe Alierta estaría por apostar que a guerra está perdida.

Vista en El Correo Gallego, e a foto é de Pablo Silva.

septiembre 25, 2007 at 11:28 am 5 comentarios

DdC.O que non se ve

Durante a pasada campaña das eleccións municipais fun contando, case a diario, o que nos acontecía. A través do Diario de Campaña (DdC) relateivos un bo número de aventuras e anécdotas que nos acontecían, tanto a min coma aos meus compañeiros de traballo (Carnota, Diego, Fariña, Víctor, Castiñeiras); así como en que consistía o traballo que realizabamos.

Tamén vos falei dos “Albertos”, os compañeiros da empresa (IGMAR) que dirixe Alberto Doce, e que é a encargada de montarnos os actos nos que participaba Emilio Pérez Touriño, e que desde a secretaría de organización nos encargamos de coordinar. Pois hoxe, a través deste post, quero que vexades en que consiste e como realizamos a montaxe dos mítines.

Esta especie de making off que vos deixo gravámola o día do mitin de Ferrol. Espero que vos guste. Por certo, aproveito para invitarvos a visitar o noso espazo en youtube e a web psdeg-psoe.tv.

septiembre 24, 2007 at 7:25 pm 3 comentarios

As mulleres tamén saben de política

tempos_novos

Chegoume hoxe un mail de Ana Míguez, a presidenta da Asociación Alecrín, no que pon o grito no ceo –e con razón- porque a revista Tempos Novos realiza un monográfico no que analiza o goberno bipartito da Xunta de Galicia. E para a realización desta análise conta con varias persoas que escriben a súa opinión, entre as que, desgraciadamente, non se atopa ningunha muller.

Resulta bastante sorprendente que esta publicación non fose capaz de contar coa opinión de ningunha “fémina” que puidese dar a súa visión sobre o bipartito, porque habelas hainas, e a min véñenme agora á cabeza unhas cantas.

Ao mellor é bo recordarlle ao director de Tempos Novos, Luis Álvarez Pousa, que no noso País existen mulleres suficientes como para poder debater e opinar sobre política, xa que este campo, por sorte, non é só cousa de homes. E máis se temos en conta que foi precisamente nesta lexislatura na que máis reformas se acometeron en favor da igualdade, é bo e necesario que puideran participar neste especial.

septiembre 19, 2007 at 8:14 pm 3 comentarios

56 mortos na Vía do Barbanza

Accidente na Vá do Barbanza -foto de www.canalriasbaixas.com-

Máis de medio cento de persoas (56) morreron na Vía Rápida do Barbanza, e outras moitas –non contabilizadas- resultaron feridas de gravidade, desde a súa inauguración aló polo ano 1994. Esta estrada, tristemente coñecida en toda Galicia e no resto do Estado pola súa alta siniestralidade, pasou de ser a vía de comunicación que ía vertebrar e achegar a comarca do Barbanza á capital de Galicia, a convertirse nun artefacto mortal que racharía coas ilusións vitais de moitas familias.

Desde que Manuel Fraga, en calidade de presidente da Xunta, procedeu á súa inauguración ata o día de hoxe ninguén dos seus “pais” foi capaz de asumir a súa responsabilidade, e nin moito menos pedir perdón polo letal trazado. Pero agora, transcorrido xa un ano da súa adxudicación, algúns dos seus promotores e defensores son capaces de saír á palestra para intentar “enmerdar” e sementar dúbidas sobre presuntas irregularidades na adxudicación e afirmando que existe unha vinculación entre a conselleira de Obras Públicas e a empresa concesionaria.

Núñez Feijoo, Alfonso Rueda ou Ruíz Rivas –todos eles membros do PP– realizan acusacións sen aportar unha soa proba, pero ningún deles é capaz de lembrarse dos falecidos, e moito menos foi capaz de arranxar –ou alomenos intentalo- as deficiencias da vía do Barbanza cando tiñan responsabilidades de goberno. Dos dous primeiros non me extraña, pero Manolo Ruíz seguro que coñecía a algún dos mortos na “gran obra” coa que o goberno do PP nos obsequiou aos barbanzáns.

Eu levo sete anos percorrendo diariamente esta Vía, e podo dar grazas de non sufrir ningún percance, pero si vos podo asegurar que si sufrín as súas trampas e vin varios accidentes mortais e incluso algún deles era coñecido. Descoñezo tamén se as acusacións do PP sobre a adxudicación son certas, pero o que si sei é que ao fin podo ver que se está construíndo unha autovía, cun trazado case novo en moitos tramos, e que para este desdobramento nunca debemos de ter que esperar trece anos, e moito menos a que morreran cincuenta e seis persoas (e esperemos que non sexan máis).

+ información

septiembre 19, 2007 at 1:24 am 2 comentarios

Un novo blog en Boiro

carlos_blog.jpg

O domingo atopeime coa grata sorpresa (e alegría) de que en Boiro nacera un novo blog. Carlos Insúa, profesor na USC e articulista habitual de La Voz de Galicia e outros xornais e revistas, decidiu crear unha bitácora persoal que pretende ser “un instrumento de debate, cada vez más urgente y necesario, sobre los problemas derivados del desarrollo económico y urbanístico de Boiro”, -tal e como di o propio autor-

Eu coincido con Carlos na necesidade de crear máis espazos de debate e participación no noso municipio, algo do que se carece; e en especial na rede, xa que cando palabras como internet, rede, wifi, adsl, blog, …, xa están arraigadas nos concellos máis desenvolvidos, en Boiro (con preto de 20 mil habitantes e inmerso nun proceso de crecemento e progreso importante) parece que as novas tecnoloxías forman aínda parte dun futuro lonxano.

Polo que teño comprobado ata o de agora, só existen catro blogs: O bazar de Nes, Paula de Boiro, Carlos Insúa e un servidor; e unha web persoal de fotos de Boiro (Webboiro.com). O concello, a través do portal Boiro cidadán deu a posibilidade de crear un blog, pero a esta iniciativa só se sumaron cinco persoas que puxeron un post inicial e deixaron de actualizar este blog. Existe algún proxecto máis por aí, na inmensidade da rede, que ou desaparecu ou está esquecido.

En conclusión, Boiro, a pesares de contar cun movemento cultural e xuvenil en auxe, está obviando unha ferramenta tan útil e importante como internet; e o debate e a participación que facilitan os blogs na actualidade, aquí é inexistente. Por iso, o nacemento dun novo espazo  coma o creado por Carlos, sempre é unha ledicia.

Saúdos, e ánimo Carlos!!

septiembre 10, 2007 at 6:46 pm 2 comentarios

«Paula azafata supermartes»

Paula de Ourense. Concursante de Gran Hermano 

Onte pola noite ao acceder ao blog atópome que as visitas subiran dun xeito espectacular, o cal me sorprendeu, sobre todo por ser un domingo, día que acontece precisamente o contrario.

Os post máis visitados do día foron Superpiñeiro returns e Superpiñeiro returns II, sorprendido sigo mirando as estadísticas e descubro que a culpable de todo isto é unha tal Paula de Ourense que traballou de azafata no Supermartes, e que entrou a concursar no Gran Hermano 9.

Pois dado que novos visitantes entran no meu blog por esta razón, a pesares de que nin coñezo a Paula de Ourense, nin nunca escribín nada sobre ela, deixarlle información que atopei na rede (polo de agora non hai moita):

E, como non, darlle as grazas a esta guapa ourensá e desexarlle moita sorte neste popular concurso de Telecinco.

septiembre 10, 2007 at 2:02 pm 2 comentarios

Festa d@s socialistas de Galicia

cartel da Festa Socialista

Estas últimas semanas estivemos traballando na organización da Festa d@s socialistas de Galicia que celebraremos o vindeiro domingo día 9. Este xa tradicional evento (é o sétimo ano) que celebramos no mes de setembro (a excepción do primeiro ano que foi en xuño) reúne a varios milleiros de militantes e simpatizantes socialistas de toda Galicia, co obxectivo fundamental de pasar unha xornada de lecer despois dun ano de traballo en cada un dos ámbitos que a cada quen lle corresponden dentro da organización socialista.

Este ano a ubicación elixida para celebrar a Festa é Vilagarcía de Arousa, tras celebrar as últimas cinco edicións na Carballeira de Caldas de Reis, e o primeiro ano en Culleredo. A razón principal pola que tivemos que cambiar o precioso entorno da carballeira caldense é o espazo, xa que se quedaba pequeno, ademais de que este paraxe vai a sufrir dentro de pouco unha actuación medioambiental. Por iso, nesta ocasión, decidimos ir a un lugar máis amplo e cuberto (lembro aínda hoxe o tremendo chaparrón que caeu o ano pasado e no 2004); así que nos decidimos polo recinto feiral de FEXDEGA.

Nesta edición contaremos con diversas actuacións musicais durante todo o día, contando coa Banda de Gaitas de Pontecesures, a Vilagarcía Big Band e o grupo Nievla de Vigo (si, con “v”, non é un erro); ademais do tradicional xantar: non faltará nin a empanada, nin os mexilóns da Arousa, entre outros pratos. Teremos tamén un parque infantil para o disfrute dos máis pequenos, e a mediodía as intervencións dalgúns dos “líderes” da UGT e do PSdeG: falarán a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García; o secretario de organización do PSOE, José Blanco; o secretario xeral da UGT, José Antonio Gómez; e, o secretario xeral do PSdeG-PSOE e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. En definitiva, unha xornada completa.

Espero e desexo que todo funcione á perfección, e que os que nos acompañen este domingo se divirtan, xa que o traballo que leva detrás a organización da Festa é enorme. Días e días de traballo e esforzo que espera ter como única recompensa que todo o mundo sala contento.

¡¡Estades invitados!!

septiembre 6, 2007 at 8:18 pm 1 comentario

¡¡Adeus Antón!!

 

¡Jo!. ¡Que disgusto me acabo de levar!. Resulta que Antón Losada, o fiel escudeiro do vicepresidente, o azote de socialistas, ese home que era un ídolo entre a militancia da UPG, decidiu “marcharse”.

Antón, canso xa da súa constante loita con socialistas e nacionalistas decide abandonar o barco do goberno bipartito, canso xa dos seus constantes enfrontamentos e pelexas “con tó quisqui”. Mandilóns, himnos, TVG, carteis, enquisas, transferencias, policía, Superpiñeiro, …, son lembranzas xa para este home tranquilo, pausado, moderado, respectuoso, educado, …, que despois de cumpridos dous anos no goberno como secretario xeral –e aprobada a Lei de Función Pública- decide marcharse (segundo a versión oficial).

Grazas Antón polos bos momentos que me fixestes pasar. ¡¡Moita sorte!!

septiembre 6, 2007 at 1:12 pm 6 comentarios

¿E para isto tanto follón?

Resulta que o primeiro día das galescolas e non hai nin mandilóns, nin himno, …, por non haber ata faltou o servizo de comedor.

¿E para isto tanto follón?.

Visto en La Voz de Galicia. (Por certo a foto é en Boiro, e o fotógrafo é Dani Gestoso)

septiembre 4, 2007 at 1:28 pm Deja un comentario

¿En que se diferencian Rajoy e Zapatero?

www.elmundo.es

O líder da oposición promete que, si chega á Moncloa, modificará a Lei Electoral para que goberne «el que gane».

O presidente do goberno anuncia unha suba para as pensións mínimas ao dobre da suba media das pensións.

Mentres ao primeiro só lle preocupa como gobernar primeiro e ter máis poder, o segundo quere mellorar as prestacións sociais dos que menos teñen. Esa é unha das grandes diferencias entre Rajoy e Zapatero, entre PP e PSOE

septiembre 3, 2007 at 1:09 am 5 comentarios

Entradas anteriores


Calendario

septiembre 2007
L M X J V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.