Archive for julio, 2008

Grazas a todos!!

Os da "O"

Xa rematou o Congreso, despois de meses de duro traballo o día 27 veuse cumprido un novo reto. Tivemos fallos, pero iso é normal, é como lle dixen a Eva, os fallos son de dous tipos: os que só vemos os que organizamos os actos e os que aprecia todo o mundo. Nós afortunadamente tivemos do primeiro tipo.

A verdade é que o fin de semana foi duro e moi…moi axetreado, pero mereceu a pena os nervios, o “stres”, o cansancio, os quilómetros percorridos polo Pazo de Congresos, as horas roubadas ao sono, as discusións. Todo pagou a pena. Aínda que o peor deste Congreso foron as decepcións que me ocasionaron algunhas persoas pola súa falla de respecto e polo nulo tacto nas relacións humanas, xa que os que non valoran o traballo moito menos son capaces de valorar ás persoas.

Para min o traballo en equipo é fundamental para que as cousas saian ben, porque non existen os superheroes, por iso non me cansarei de agradecer o traballo dos meus compañeiros e compañeiros de RÚA DO PINO -así, en maiúsculas- cada un na súa faceta: Chus, ao teu ritmo, pero cumprindo; Cruz, vales máis do que cres; Casti, que grande es; Diego, sempre preocupado e tan responsable; Víctor, o home tranquilo; Fernando, unha gran persoa e un excelente profesional; Eva, que podo dicir que non che dixera; non quero esquecerme de Xusto, Pauliña e Patricia, nin de Ánxela, que aínda que non estivera –polo seu matrimonio- e parte da equipa (como di Casti). Pero ademais dos da “O” tamén están os que nos botaron unha man durante a fin de semana: Palomi, Mila, Conchi, Bea, Fontenlos, Javi García, Marisa e o marido, Eva, Loli, Ana, Oli, Natalia e a xente de Santiago, os de Vigo, os de Lugo –non poño os seus nomes porque non me lembro-; seguro que me esquezo de alguén, e se é así perdoade. Grazas tamén aos Albertos, sempre está todo OK; á xente de Konkret; á rapaza das fotocopiadoras; e, como non a Manuela e ao persoal do Pazo de Congresos. Moitas grazas a todos e a todas.

Pero ademais das satisfacción polo traballo ben feito, o fin de semana deparoume varias alegrías, as máis importante foron poder ver a tres amigos na nova executiva, tres amigos que son a nova xeración do PSdeG, que son o presente dun Partido polo que merece a pena seguir loitando e traballando. Noraboa Lage, Loli e Iván, merecedes estar onde estades, e máis arriba, pero todo chegará, non me cabe dúbida.

O 11º Congreso rematou, e ábrese unha nova etapa no PSdeG, a cal, espero vivir con intensidade e con ilusión, entregado á causa, loitando polo socialismo e por unhas siglas nas que creo por enriba de todo.

julio 29, 2008 at 1:38 am 7 comentarios

Vaia día!!

Son as dúas e media da mañá e seguimos currando no Pazo de Congresos. Javier Castiñeiras e Eva Tomé preparando o guión para o acto de clausura; Diego coas resolucións das ponencias, e eu rematando a escaleta. Bueno tamén está Fernando Martínez, ao cal agradecemos pola súa compaña.

O sábado foi moi intenso, e empezou dun xeito bastante gafe. Ás dez e media –media hora antes de empezar- fallaron todas as impresoras –e tiñamos varias-, xusto cando máis falta facían. Pero ao final, e un minuto antes de empezar conseguimos que funcionase unha. Moito me lembrei do anuncio ese da compañía de seguros que di que cando pasa algo, sempre pasa do peor xeito.

Os quilómetros percorridos durante este día foron varios, pois calculade: se Casillas durante un partido da Eurocopa percorría catro quilómetros –aínda non son capaz de entender como- nos hoxe case fixemos o Camiño de Santiago desde Triacastela.

Por eso, entenderedes que non puidese escribir nada e que agora tampouco teña moitas ganas. Ademais, aínda queda algo de traballo.

Un saúdo, e grazas a todos os bloggers que asistiron a este Congreso, e que lograron un éxito na rede; en especial aos compañeiros de Madrid: César Calderón, Dani Casal, Carlos Hidalgo, Verónica Ruíz e José Luis Prieto, ao cal xa temos adoptado como galego.

julio 27, 2008 at 2:57 am 11 comentarios

Que pasaría??

Eva Tomé, o que escribe e Fernando Martínez

Non me lembro do que acontecía, pero tiña que ser algo moi interesante para que os tres ao mesmo tempo mirásemos para o mesmo sitio.

Máis fotos do 37 Congreso do PSOE

julio 19, 2008 at 3:07 am 10 comentarios

Un Congreso distinto

Blog do 11º Congreso

Blog do 11º Congreso

O 11 Congreso está a punto de empezar falta pouco máis dunha semana, e na Secretaría de Organización seguimos a traballar –como non podía ser doutro xeito- para preparar esta cita tan importante para os socialistas en particular, e para os galegos e galegas en xeral; xa que desta cita van a saír resolucións e conclusións importantes que influirán de maneira positiva- con seguridade- para todo o País.

Ademais dos temas de intendencia do propio Congreso, desde a organización socialista queremos que este evento teña unha presenza importante na rede, ese instrumento tan importante e necesario nos tempos no que vivimos, por esa razón estamos creando e poñendo en funcionamento as ferramentas necesarias para que todo o mundo que o desexe e que traballa coa rede de xeito habitual ou é usuario temporal poida coñecer o que acontece no Pazo de Congresos de Santiago o fin de semana do Apostol.

Nesta edición os bloggers van a ter unha presencia importante e fundamental, xa que van a ser os encargados de trasladar o desenvolvemento e as súas opinións sobre o que acontece en cada momento no Congreso. Máis de medio cento de persoas, entre Delegados e Delegadas, Observadores e Observadoras, Invitados ou membros da propia organización nos dedicaremos a postear a través das nosas bitácoras as sensacións e o traballo dos e das socialistas. Ademais traballaremos coas redes sociais Facebook e Twitter, teremos un espazo no Flickr, e desde fai uns días abrimos unha web específica do 11º Congreso con información diversa e de interese, especialmente para os participantes no mesmo, e contamos cun blog, no que pretendemos dar unha visión distinta desta xuntanza; ademais de restransmitir en directo por internet –pola PSdeGTV– as ceremonias de apertura e a clausura. En definitiva, facer un acto aberto e público, unha festa para os e as socialistas nos que todo o mundo poida participar.

Como vedes, desde esta casa ademais de predicar sobre as novas tecnoloxías tamén queremos que sexa unha realidade que todo o mundo poda palpar e comprobar.

julio 17, 2008 at 5:27 pm 4 comentarios

Ja sóc aquí

Xa voltei de Madrid, fai máis dunha semana. Aclaro isto, porque hoxe Loli díxome que segundo o meu blog, parecía que aínda que non regresara. Pero si, “ja sóc aquí” –como dixo Tarradellas-.

Loli, como case sempre, ten razón, teño o blog moi esquecido. Eu penso que esto dos blogs é como unha relación sentimental: o primeiro ano mímalo, coidalo, daslle cariño, queres estar con el a todas horas; pero, o segundo empezas a pasar del, a darlle plantóns, a mirar para outros blogs, e en ocasións pensas en poñerlle os cornos. E eu, por desgracia, estou nese momento de monotonía cibernautica.

Pero, hoxe vou a dedicarlle un anaquiño, por iso de cumprir. E, vouvos a regalar un vídeo que fixo Yaiza Canosa. É un making off de “E ti, que queres ser de maior?”, o vídeo que as XSG fixo durante a campaña das eleccións xerais.

Botádelle un ollo, está moi ben.

julio 17, 2008 at 12:26 am 1 comentario

37C.PSOE=Futuro

Non me cabe dúbida que este 37 Congreso do PSOE serviu para trasladar á sociedade a imaxe dun Partido, ademais de moderno, que traballa e se preocupa dos cidadáns. Entre os Delegados e Delegadas que asisten a debater e a traballar polo futuro de España e do socialismo hai persoas de todo tipo, con distintas forma de pensar, pero que son capaces de participar nunha comisión, de debatir e opinar sobre temas como a auga e os trasvases, a lei do aborto, o Partido que queremos, o camiño a percorrer cara o laicismo de verdade ou a eutanasia, a lingua, etc. E o bo de facer estes debates, e de que a xente fale e defenda a súa opinión é que ademais o resto da sociedade sepa de que se fala, non sexa un secreto que quede pechado no interior do Pazo de Congresos no que se celebra o evento.

Por eso, eu quero destacar que é moi importante a participación dos centos de bloggers que participaron no Congreso, e que grazas aos seus blogs están a trasladar á rede o que acontece. Este é o verdadeiro avance, conseguir que o PSOE estea á vangarda e que as novas tecnoloxías e a ciberparticipación non sexa só palabrería que queda moi ben nun discurso, senón que sexa algo real e palpable que milleiros de persoas poidan certificar e comprobar facendo un paseo pola rede.

Nestes días durante o escaso tempo que tiven achegueime varias veces pola zona wifi e pola Agrupación do Futuro, e podo garantirvos que estaba sempre a tope de compañeiros e compañeiras de todas as idades que tecleaban nos seus ordenadores.

O verdadeiro avance e a forza do cambio está na aposta que fixo o PSOE de Zapatero e de Pepe Blanco, e aínda que sei que algúns compañeiros e compañeiras da rede están un pouco decepcionados por non ser aceptada a emenda facebook, creo que a cibermilitancia tardará algo máis do previsto en facerse efectiva nos termos que propoñían, pero que será unha realidade nuns anos, e tampouco debemos de esquecer todo o que ata o de agora se avanzou.

julio 5, 2008 at 8:55 pm 1 comentario

37C. A mañá do día 1º día

«A veces no se sabe si Mariano piensa lo mismo que Rajoy», esta foi unha das frases de Pepe Blanco durante a súa intervención na apertura do 37 Congreso, e coa que coincido plenamente.

Este Congreso está transcurrindo de maneira tranquila, ata o de agora, o certo é que só se celebrou a apertura. Polo que respecta a nós, pois pódese dicir que ocupados durante toda a mañá, repartindo os vales das comidas e as habitacións. Ao comezo do Congreso estivemos dentro escoitando a Blanco, a Vara –o presidente do 37 Congreso-, e Chaves e aos invitados que lles tocou intervir.

Agora está na súa intervención Zapatero, facendo o informe de xestión da Executiva Federal, co cal vou a rematar así de rápido, xa que antes quero tomarme un café con xeo, porque me empeza a dar o sono.

julio 4, 2008 at 5:25 pm 1 comentario

37C. Madrid…Madrid…Madrid

Xa estamos en Madrid. Cunha puntualidade asombrosa chegamos ao Aeroporto de Barajas, á famosa T4. Madrid recíbenos con bastante calor tal e como me pronosticou xa o meu amigo Manolo Fontenlos, un experto nesto da meteoroloxía –nunca falla-; cando saímos de Santiago empezaba a chover miudiño.

No aeroporto en Santiago, coma sempre que viaxo en avión, ao pasar o contro tocou cacheo; non sei porque?, debode ter pinta de sospeitoso que sempre me cachean. A viaxe no avión foi agradable e tranquila, a verdade é que a compaña de Eva –Chis- sempre é moi amena e divertida.

Ao chegar estivemos visitando o Pazo de Congresos, e se vos teño que definir a montaxe deste 37 Congreso do PSOE só podo dicir: ESPECTACULAR!!. É unha escenografía moderna, na que priman as novas tecnoloxías: a zona wifi, a zona do da PSOE TV, e un plenario innovador. Podedes ver fotos do interior no blog de César Calderón.

Durante a visita que Paula, Eva, Xusto e eu realizamos ao Pazo de Congresos puiden aproveitar para saudar a algúns dos amigos e compañeiros de Ferraz, eses que realizan o traballo e dos que ninguén despois se lembra: Alex, Sergio, Inma ou Isla. Tamén nos atopamos ao chegar con Óscar López e con Antonio Hernando.

Creo que non vos vou a contar moito máis, xa que son as dúas da mañá e creo que é unh boa hora para deitarse, xa que mañá hai que erguerse cedo e temos que currar. Dicirvos só que afortunadamente ao final teño habitación, xa que cando cheguei non me fixeran reserva e pensei que ía ter que durmir na hall do hotel, pero ao final solucionouse todo e xa estou ubicado.

Non quero rematar sen informarvos que podedes seguir o Congreso do PSOE de varias formas (relación gracias a Netoratón):

PSOE TV

YouTube

Twitter ou Facebook

— Blogs de varios asistentes:
César Calderón, Marc Vidal, Carlos Guadián, José Antonio Donaire, Aintzane Conesa, David Martos, Carme Sánchez, José Luis Prieto, Rosa Jimenez Cano, Pablo Pando, Goyo Tovar, Sergio Sánchez, Ana Concejo, Ruth Carrasco, Carlos Hidalgo, Raul Pleguezuelo, Geógrafo Subjetivo, Jose M. Pérez, César Ramos, Alfonso Gil, Idoia Mendia, Paco Escobar, Silvia Acebes, Verónica Ruiz, Guillem Espriu, Diego Cruz, Cristobal Herrera, Fátima Ramirez, Alberto Ginel, etc.

Blog oficial do 37 Congreso.

julio 4, 2008 at 2:38 am 1 comentario

37C. Viaxe á Capital do Reino

Hoxe marchamos para Madrid a currar ao Congreso Federal do PSOE. Eva, Paula, Xusto e eu saímos as nove da noite de Lavacolla para cubrir o Congreso. Tres días –unha fin de semana- na capital do Reino de España pasando calor e coidando que non se nos perda ningún dos membros da delegación do PSdeG.

Máis dun cento de compañeiros e compañeiras de toda Galicia van a asistir a este Congreso e traballar duramente por marcar o que vai a ser o futuro do PSOE. Espero poder contar, se o tempo mo permite, todo o que vaia acontecendo nesta xuntanza madrileña; na que ademais espero atoparme con algún amigo/a blogueiro/a que non vexo con asiduidade ou incluso que non coñezo persoalmente.

A min ir a Madrid sempre me causa un pouco de medo, xa que é unha cidade que me agobia moitísimo, e aínda que vaia mil veces seguirei angustiándome. Co ben que estaría eu esta fin de semana en Boiro!!; xa que este venres empezan as festas. Pero, que lle imos facer!!.

Mañá, ás 12, é a apertura do Congreso, e despois todo o día ocupado, pateando polo Pazo de Congresos do IFEMA. Se todo vai ben, volveremos o domingo, e ás cinco da tarde xa estaremos en Santiago.

Xa vos contarei as andanzas e aventuras en Madrid.

julio 3, 2008 at 1:35 pm 1 comentario

Un premio ao traballo

Xavi Hernández é un deses xogadores que non pasa desapercibido nun campo de fútbol, pero que non chega nunca á categoría de crack. É un futbolista humilde, calado, …, un currante con clase que pasa desapercibido durante un partido, porque son outros os que levan os trofeos, os parabéns e saen nas fotos. Pero que cando non xoga todo o mundo o bota en falta, xa que na engranaxe do motor do equipo unha parte importante non está.

Xavi xoga para o equipo, é deses xogadores que é capaz de facer estrelas a outros, porque é o que dá o último pase para que o dianteiro meta o gol que o levará á fama, é o que canaliza, dirixe e distribúe o xogo para que todo o equipo sexa capaz de gañar os partidos.

Pero de vez en cando alguén é capaz de recoñecer e valorar o traballo de persoas como Xavi, e danlle un premio. Por iso, que o xogador de Tarrasa fose recoñecido como o mellor futbolista da Euro2008, non é un premio só para el, tamén o é para todos os que son como el.

Xavi non vende camisetas, nin ten contratos publicitarios millonarios, pero el xoga ao fútbol. Bravo Xavi!!

julio 2, 2008 at 12:49 am Deja un comentario


Calendario

julio 2008
L M X J V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.