Archive for octubre, 2008
DE-MA-GO-XI-A !!!
Moi ben debe de estar a facelo o presidente Touriño cando os membros do Partido Popular de Galicia centran as súas críticas no prezo dun coche oficial. Levamos xa varios días onde os grandes ideólogos Populares tomárono co vehículo oficial do Presidente da Xunta de Galicia, e non son capaces de articular un discurso máis serio e de maior interese para os galegos e galegas que non sexa o custe do xa famoso Audi A8 presidencial.
Pero o peor, é que están empregando uns argumentos demagóxicos e quitados de todo contexto, aínda que eu persoalmente creo que é pola envexa que sinte o señor Núñez Feijoo, porque sería a el ao que lle gustase disfrutar dese vehículo.
Hai que dicir, que o A8 presidencial non é novo –de paquete, como se di vulgarmente-, posto que xa está cumpriu un ano, e ademais que este xa foi encargado no ano 2006. Loxicamente o prezo do coche non é ese, e pódese comprobar en calquera concesionario de Audi (ronda os cen mil euros). Pero o que incrementa o seu valor é a blindaxe que se lle incorpora, como é habitual nesta clase de vehículos, e por motivos de seguridade.
Pero non é Touriño o primeiro presidente da Xunta que usa un vehículo blindado, pero ao mellor resulta que Núñez Feijoo e o PP queren agora que o presidente de todos os galegos e as galegas prescinda das medidas de seguridade que outros presidentes tiveron con anterioridade. Ou é que o presidente Fraga non tiña un coche blindado??. Pero claro ao PP de Núñez Feijoo todo lle vale para facer carnaza política, que non oposición.
Que será o próximo que denuncie o PP de Galicia?. Quizais, que Touriño compra carne de tenreira en vez de comprala de porco, que é máis barata?. Ou se gasta moito de luz en Monte Pío?. Non sei, ao mellor pensa Núñez Feijoo que con eses argumentos tan de peso pode chegar a ser presidente da Xunta de Galicia, e se algún día chega a acontecer, xa o quero ver eu viaxando nun Seat Ibiza, igualiño que fai agora, ou que facía cando era membro do goberno galego.
Unha satisfacción mediática

Paula e eu na foto de Lavoz de Galicia. (Foto de Dani Gestoso)
Esta fin de semana tiven a honra de saír coa miña filla no xornal La Voz de Galicia. Confesareivos que é un orgullo tremendo para min compartir un espazo con Paula, pola cal, vos confesarei, que me sinto unha tremenda devoción e satisfacción.
La Voz de Galicia, na súa sección “de tal pau tal, tal acha” pensou en nós pola nosa afición polos blogs e as novas tecnoloxías; e aí estamos os dous sentados diante dos nosos ordenadores e coas nosas bitácoras contando porque decidimos entrar neste apaixonante mundo.
O problema desta entrevista, e que xa viñamos carrexando desde fai uns meses, é que agora Nerea tamén quere ter un blog. Eu sempre lle poñía como escusa que aínda non sabía ler nin escribir ben, pero agora insísteme que xa sabe ler e escribir, e que ademais vai a clases de informática. Vamos a intentar convencela de que aínda é moi noviña para ter un, pero non vai a ser tarefa doada, xa que é moi “cabezona”.
O menú da discordia
Esto da rede non deixa de sorprenderme. Resulta que onte Eva colgou un post sobre o Congreso de Política Municipal do PSOE, que se está a celebrar en Vigo. E no que comenta o bonito que é o hotel, é ademais di que no hotel o prezo do menú é de 45 euros. E con ironía di que é barato.
Pois resulta que certos internautas, que carecen de ironía, ou como ela di: “de retranca”, asustanse e misturan o prezo do menú do hotel, coa xuntanza do PSOE e coa crise. E o post de Eva está a incrementar notablemente as visitas ao seu blog, xa que colgáronlle a nova no Chuza e no Meneame.
Está claro que esto da rede serve para potenciar novas, aínda que as veces sexan interesadas, positivas ou negativas. Pero é o bo que ten.
Consejo Federal de Política Municipal
Este fin de semana, no noso xa tradicional percorrido por Galicia, tocamos en Vigo (Eva, Víctor e eu). Como di Eva: “parecemos a Panorama”. Onte saímos de Santiago á unha do mediodía é ás dúas estábamos en Ourense nunha comida de Mar e Ricardo cos Alcaldes e Alcaldesas da provincia de Ourense. Por certo, xantou con nós o bo amigo e camarada nesto da blogosfera Eladio Osorio.
Ao rematar de xantar saímos cara a Vigo, ao Hotel Hesperia onde estamos aloxados, e despois cara ao Hotel Los Escudos, no que se celebra este quinto Consejo Federal de Política Municipal. Esta edición trata sobre as políticas de emprego nos concellos, e a organización consta cunha asistencia de medio cento de alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de toda España.
Hoxe, á unha é a apertura na que estará Emilio –o Presi-, xunto con Abel Caballero e Antonio Hernando –o Secretario de Política Municipal Federal. Ademais durante estes dous días de traballo e debate estarán, por exemplo, Ricardo Varela, os ministros Celestino Corbacho e Elena Espinosa, Pedro Castro (o presidente da FEMP), os alcaldes socialistas da grandes cidades, Paz Felgueroso (alcaldesa de Gijón), Pepe Blanco, etc.
Non cabe dúbida de que vai a ser un fin de semana interesante e productivo, pero sabedes que a min gústame darlle outra óptica a este blog, e do que levamos aquí quero destacarvos dúas cousas. A primeira que estou co compañeiro Dani Casal, blogger de pro que agora está traballando en Ferraz (en Política Municipal); e outra, as magníficas vistas que hai neste hotel, as cales podedes ver no meu Flickr.
Seguireivos contando.
Ese fistro de ecoloxista
Está claro que no PP eso do cambio climático non o teñen moi claro. Debe de ser porque se opoñen a todo por norma, pero está claro que o primo de Rajoy, non o que se dedica a secuestrar a empresarios, o outro, o físico; tamén asesora a Aznar.
O entendido de Jose Mari, que tanto fala en inglés ou italiano, como entende de ecoloxía, como deixa preñada a unha ministra francesa, como opina de fútbol, … ten a valentía de dicir que os ecoloxistas son uns inquisidores –sen dúbida deso sabe moitísimo-, ou de cuestionar o cambio climático.
Eu estou por propoñerlle aos do PP, ou aos da FAES que fagan un recopilatorio cos grandes éxitos deste enorme humorista –quen o ía a dicir fai uns anos-, digno sucesor de Chiquito de La Calzada.
Jaarrrrr!!. No puedorrr!!, no puedorrr!!.
Un comentario gracioso
Fai uns días no Chuza colgouse unha nova relacionada coa xuntanza de bloggers socialistas celebrada en Rúa do Pino:
Blogueiros que militan no PSOE a polo partido 2.0
Blogueiros que militan no PSOE botan a nadar a autodenominada «Rede Progresista de Galicia» coa finalidade de achegarse á cidadanía a través da rede. Carlos Pajares, Mar Barcón, Blas García, Lage e Iván Puentes participan na acción
Esta nova tivo varios comentarios, ademais duns cantos votos negativos. Algo moi habitual cada vez que aparece unha nova relacionada co PSdeG nesta web de promoción de novas -copiada do popular Menéame-.
Pero o que quero destacar neste post é un dos comentarios, o cal me fixo moita gracia e co que me rin un bo anaco:
Pois que lhes preste a Carlos Pajearse, Mar Lacón, Bluf García, Lage Uñas e Iván Cuentos. Enquanto não volvam fazer spam-sociata por Chuza… porque eu já estou afiando os meus negativos para a precampanha eleitoral
Sobra dicir, que o comentario, ademais da gracia, que a ten; amosa o afecto e o cariño que certos usuarios do Chuza lle teñen a todo aquelo que teña que ver co PSdeG; sen valorar a información da nova, o que sen dúbida adultera a verdadeira esencia deste espazo creado polo gran Berto.
Post asinado por Bluf García
Naceu a Galisfera
Naceu a Galisfera!!. O pasado 15 de outubro, durante a xuntanza de bloggers socialistas démoslla a coñecer aos asistentes; en principio a intención era mantela en segredo, pero non foi posible. Pero non pasa nada!!.
Teño que dicir, que este traballo non sería posible sen a dedicación do “camarada” Xosé Lois, si o Prieto. El foi o gran promotor desta idea e o que se currou a Galisfera. Agora tócanos a todos nós darlle vida a través das nosas bitácoras, e como non, ir invitando a outros compañeiros e amigos de ideoloxía socialista e progresista a integrarse nesta rede.
A todos e todas aquelas que esteades interesados en que o vosos blogs formen parte da Galisfera, podedes contactar co compañeiro Prieto ou cun servidor.
Ánimo, que queda moito traballo por diante. (A.M.)
Xuntanza de Bloggers Socialistas
Son as 16:45 horas, e damos comezo á I xuntanza de bloggers socialistas. Mar Barcón, Secretaria de Organización do PSdeG, e blogueira; daí que sexa tan sensible e coñecedora das novas tecnoloxías e promovese esta xuntanza que desde fai tempo lle levamos dando voltas e intentando organizar.
Preto de medio cento de compañeiros e compañeiras asisten a esta xuntanza, o cal podemos calificar de exitosa.
Somos afortunados/as
Este domingo saín con Paula e con Nerea a dar unha volta por Santiago, e paseando por Área Central, Paula contounos que unha vez que estiveron na praza había un vagabundo durmindo nun dos bancos. Nerea preguntou que era un vagabundo, e eu expliqueille que era unha persoa que non ten casa e que vive na rúa, que non ten para come re que ten que vivir das esmolas da xente. E Nerea non acababa de entender como era posible iso, que unha persoa non tivese casa e que non puidese nin comer nin cear, que non puidese comer un bocadillo ou un iogurt cando quixera, que non puidese durmir na súa cama todas as noites, que non se poda duchar, ou que non disfrute de cousas tan normais para ela como ver Disney Channel na tele, xogar á PlayStation, ir á piscina ou a clases de informática.
Por iso, cando ves cos ollos dunha nena de cinco anos –case seis como di sempre ela- cales son as súas necesidades máis básicas e a súa escala de necesidades te das conta de que vivimos nun mundo cargado de luxos; pero, desde logo cheo de diferencias e desigualdades, pero non hai que mirar moi lonxe para poder comprobalo e darse conta. Non só nos países terceiromundistas existen persoas pobres, que malviven e que carecen das necesidades máis básicas e elementais. Ao noso carón existen persoas que o pasan mal, moi mal; que viven na miseria máis absoluta.
Pero, nesta sociedade tan consumista e materialista, que actualmente só estamos centrado na crise, e falamos a cotío de millóns de euros que se lle inxectan aos bancos, das subidas ou baixadas das bolsas, das hipotecas e do IPC; non nos damos conta de que hai persoas que están en crise permanentemente.
Que afortunados somos!!
Grazas!!
Este post é simplemente para satisfacer o meu ego persoal, xa que este mes o meu blog –humilde blog, como digo sempre- aparece no posto 37 do ranking Wikio de blogs políticos de España.
Como diría ese entrañable funcionario do Estado: “me llena de orgullo y satisfacción” atoparme nun posto como este, xa que cando creei esta bitácora persoal nunca imaxinei que sería seguida por tanta xente. E iso que ultimamente estou en plan vago total e non o actualiza o que debería.
De todos os xeitos, grazas a todos e a todas os que seguides e entrades en blasgarcia.com. Cando sexa rico e famoso seguirei lembrándome de vós!!. Pero desde o Caribe.
Unha aperta. A.M.
Comentarios