Archive for abril 2, 2009

Coidemos o noso!!


Sempre en Galiza, sempre en galego, originalmente cargada por Adri_Gz.

Eu non quero que ninguén me vexa coma un talibán do galego, nin moito menos. Eu sinxelamente son un galego ao que lle gusta e defende que no noso País se fale en galego, sen prexuízo nin discriminación de ningunha outra lingua. Pero sen dúbida o noso idioma forma parte importante e esencial da nosa cultura, e polo tanto estamos na obriga de defendela e protexela, porque corremos o risco, co paso do tempo, se non é así que poida ser algo residual, ou aconteza como nos anos da represión franquista e de dereitas, que falar galego era síntoma de incultura e só a falaban, e ás agachadas, as clases sociais baixas.

Escribo isto, porque estou preocupado polo que está a acontecer co noso idioma, e chego a esta conclusión por algo que comprobei o pasado venres en primeira persoa. Isto que vos vou a contar non é nada científico, non é ningún estudo sesudo nin subvencionado por ninguén, é unha constatación propia e persoal. O pasado venres a miña filla Paula celebrou o seu cupreanos, e xuntou en torno a uns quince rapaces e rapazas da súa idade. Eu estiven por alí con eles, mirando como xogaban, charlando, …, e comprobei que agás Valeria, todos falaban en castelán. O noventa e nove por cen dos nenos eran castelán falantes, e alí había nenos e nenas do centro de Boiro, pero tamén de parroquias menos “urbanitas”, vamos o que se di da aldea.

A verdade é que estou sorprendido, porque eu pensei que o galego tiña máis aceptación entre os máis novos, pero polo visto, non é así. E quen pode ter a culpa de todo isto?. Pois fundamentalmente os pais, e eu entre eles –loxicamente-, porque a pesares de que na escola os nenos e nenas teñan clases en galego, cando chegan á casa falámoslle en castelán; e se me preguntades porque, pois non sabería respostarvos.

Eu son galegofalante desde sempre, e meus pais sempre falaron en galego, sobre todo miña nai, que ademais ten a teoría de que todo o mundo pode entenderse sexa cal sexa a lingua que fale, sempre e cando “teñan interese en facelo” –como di ela- . Meu pai estivo emigrado en Bélxica moitos anos, e fala francés e flamenco, e unha vez –aínda era eu pequeno- viñeron á casa uns amigos belgas de meu pai, e só estábamos na casa miña nai e eu. Pois miña nai falando en galego conseguiu dicirlle aos belgas que meu pai non estaba, que saíra de viaxe e que voltaría para cear, e eles conseguiron entendela perfectamente a pesares de que só falaban francés. Entendérona tan ben, que á hora da cea alí apareceron os franceses. Miña nai niso da lingua sempre tivo as ideas claras, ela ademais dicía: “porque vou a falar en castelán con alguén si non o falei nunca nin o sei falar; eu falo no que sei”.

Pois agora, os pais falámolle en castelán aos nosos fillos porque pensamos que é máis “chic”, e porque non queda “fino” falar en galego; pero o que si queda fino e elegante é falar o castelán con ese acento de Valladolid que temos todos. Eu creo, polo tanto, que entre o radicalismo dos membros da Mesa ou dalgúns nacionalistas, e a deixadez e a desidia da meirande parte dos pais e das nais, creo que hai un termo medio, e que polo tanto debemos de respectar e coidar algo que é noso, porque falar galego non exclúe que falemos tamén en castelán. A nosa riqueza é precisamente esa. Coidemos o noso!!

Anuncios

abril 2, 2009 at 8:51 pm 10 comentarios


O máis ollado

Calendario

abril 2009
L M X J V S D
« Mar   May »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.