Coidemos o noso!!

abril 2, 2009 at 8:51 pm 10 comentarios


Sempre en Galiza, sempre en galego, originalmente cargada por Adri_Gz.

Eu non quero que ninguén me vexa coma un talibán do galego, nin moito menos. Eu sinxelamente son un galego ao que lle gusta e defende que no noso País se fale en galego, sen prexuízo nin discriminación de ningunha outra lingua. Pero sen dúbida o noso idioma forma parte importante e esencial da nosa cultura, e polo tanto estamos na obriga de defendela e protexela, porque corremos o risco, co paso do tempo, se non é así que poida ser algo residual, ou aconteza como nos anos da represión franquista e de dereitas, que falar galego era síntoma de incultura e só a falaban, e ás agachadas, as clases sociais baixas.

Escribo isto, porque estou preocupado polo que está a acontecer co noso idioma, e chego a esta conclusión por algo que comprobei o pasado venres en primeira persoa. Isto que vos vou a contar non é nada científico, non é ningún estudo sesudo nin subvencionado por ninguén, é unha constatación propia e persoal. O pasado venres a miña filla Paula celebrou o seu cupreanos, e xuntou en torno a uns quince rapaces e rapazas da súa idade. Eu estiven por alí con eles, mirando como xogaban, charlando, …, e comprobei que agás Valeria, todos falaban en castelán. O noventa e nove por cen dos nenos eran castelán falantes, e alí había nenos e nenas do centro de Boiro, pero tamén de parroquias menos “urbanitas”, vamos o que se di da aldea.

A verdade é que estou sorprendido, porque eu pensei que o galego tiña máis aceptación entre os máis novos, pero polo visto, non é así. E quen pode ter a culpa de todo isto?. Pois fundamentalmente os pais, e eu entre eles –loxicamente-, porque a pesares de que na escola os nenos e nenas teñan clases en galego, cando chegan á casa falámoslle en castelán; e se me preguntades porque, pois non sabería respostarvos.

Eu son galegofalante desde sempre, e meus pais sempre falaron en galego, sobre todo miña nai, que ademais ten a teoría de que todo o mundo pode entenderse sexa cal sexa a lingua que fale, sempre e cando “teñan interese en facelo” –como di ela- . Meu pai estivo emigrado en Bélxica moitos anos, e fala francés e flamenco, e unha vez –aínda era eu pequeno- viñeron á casa uns amigos belgas de meu pai, e só estábamos na casa miña nai e eu. Pois miña nai falando en galego conseguiu dicirlle aos belgas que meu pai non estaba, que saíra de viaxe e que voltaría para cear, e eles conseguiron entendela perfectamente a pesares de que só falaban francés. Entendérona tan ben, que á hora da cea alí apareceron os franceses. Miña nai niso da lingua sempre tivo as ideas claras, ela ademais dicía: “porque vou a falar en castelán con alguén si non o falei nunca nin o sei falar; eu falo no que sei”.

Pois agora, os pais falámolle en castelán aos nosos fillos porque pensamos que é máis “chic”, e porque non queda “fino” falar en galego; pero o que si queda fino e elegante é falar o castelán con ese acento de Valladolid que temos todos. Eu creo, polo tanto, que entre o radicalismo dos membros da Mesa ou dalgúns nacionalistas, e a deixadez e a desidia da meirande parte dos pais e das nais, creo que hai un termo medio, e que polo tanto debemos de respectar e coidar algo que é noso, porque falar galego non exclúe que falemos tamén en castelán. A nosa riqueza é precisamente esa. Coidemos o noso!!

Anuncios

Entry filed under: Boiro, Galicia, Persoal. Tags: .

Palabras para ti Entrevista a Loli en PSdeGTV

10 comentarios Add your own

  • 1. Marcus  |  abril 2, 2009 en 9:27 pm

    Para min o problema ten moitas causas, pero a máis doada de arranxar sería a do consumo televisivo, porque se os cativos ven series de animación en galego, asocian a nosa lingua a algo normal e divertido, melloran o seu coñecemento e poden chegar por adoptala.
    Por desgraza, a TVG leva varios anos deixando de lado aos cativos, e o fenómeno de Son Goku non tivo sucesor, pese a que houbo oportunidades desaproveitadas (se a TVG mercase no seu momento unha serie como Naruto, e a emitisen en galego á hora da merenda, teriamos unha nova Xeración Xabarín). Tampouco tivemos uns equivalentes aos Teletubbies ou a Pocoyó, polo que os referentes televisivos non falan galego,e os rapaces quedan coa copla de que a nosa lingua está restrinxida ao Luar e a series de televisión costumbristas.

  • 2. Carlos Callón  |  abril 2, 2009 en 10:39 pm

    Boa noite.

    Con certeza, é necesario coidarmos o noso e é moi importante sermos conscientes de que, se non o coidamos nós, ninguén o vai facer no noso lugar.

    Outra cousa é que, como é obvio, non podo compartir a idea de “radicalismo” que se expresa, como non sexa no senso etimolóxico de tentar procurar atallar os problemas de raíz. Se se observa as propostas e motivos de queixa da Mesa, verase que sempre son de defensa do cumprimento da legalidade vixente, de evitar as discriminacións por dereitos lingüísticos e procurar unha convivencia xusta na cal haxa unha igualdade xurídica e social entre a lingua propia de Galiza e o castelán. De aí, claro, non nos baixaremos nin claudicaremos, a pesar das moitas dificultades ou terxiversacións do noso traballo que teñamos que afrontar (e non me refiro a este texto).

    Unha aperta e parabéns polo traballo blogueiro.

  • 3. Charo  |  abril 2, 2009 en 11:17 pm

    Ola Blas:
    Encántame este tema!!!
    A problemática coa lingua é moi complexa.
    Coincido contigo en que, sen dúbida, unha das razóns pola que os nosos fillos e fillas non falan galego ten que ver co feito de que nós, os seus pais e nais, non falamos en galego con eles.
    Aínda que, a realidade demóstranos que tamén a maioría dos nenos e nenas que se relacionan en galego no seu ambiente familiar, medran como castelán falantes. Coñezo moitos casos deste tipo.
    Os rapaces, en xeral, van falar a lingua maioritaria do seu grupo de iguais, do seu grupo de amigos, daqueles cos que se identifican. E a gran maioría, non nos engañemos, son castelán falantes.
    Nas escolas do Barbanza levamos anos escolarizando en galego. De feito eu traballo nun centro no que máis do 70% do curriculum se imparte en galego. O que non evita que, ao sair ao patio, a grande maioría dos nosos nenos e nenas falen case únicamente en castelán.
    Con todo, eu non penso que se trate de digloxia.
    De feito, o meu caso é moi similiar ao dos meus alumnos. Na escola falo galego pero cando chego á casa paso a ser castelán falante e o son porque sempre o fun, porque así foi como me relacionei sempre cos meus pais e coas miñas irmás e tamén co meu marido e as miñas amigas e amigos. Polo que o normal para min e para a miña familia é falar en castelán.
    Pouco a pouco, de todos formas, vamos abríndonos ao galego. A familia foise ampliando con galego-falantes que consiguen que nos “pasemos” ao galego máis a miudo e que o fagamos dun xeito natural, sen presións nin imposicións.
    Na miña opinión, diso se trata..
    Evidentemente, a escolarización en galego é imprencindible porque sin competencia lingüística non hai falantes de ningunha lingua. Polo que potenciar o galego ten que ver con escolarizar en galego.
    Pero tanto a escolarización como a potenciación en xeral do galego debe alonxarse de mensaxes catostrofistas e apocalípticos. Para potenciar o galego temos que ter en conta aos milleiros de persoas que temos ao noso redor e que falan galego simplemente porque é a súa lingua, sen plantexarse se teñen que salvala ou deixala morrer. Falan a lingua coa que se identifican, coa que se sinten a gusto, lonxe de concepcións ideolóxicas ou académicas. Falan en galego e non nos recriminan a outros que non o falemos. Falan en galego invitándonos, cada día , sin siquera darse conta, a que o compartamos con eles.
    Son os nosos pais, os nosos fillos, os nosos amigos ou parientes…
    Son eses, os que están conseguindo que, pasiño a pasiño, nos pasemos ao galego.
    Eu aspiro a, pouco a pouco, chegar a formar parte dese grupo.
    Unha aperta.

  • 4. Eduardo  |  abril 2, 2009 en 11:55 pm

    O tema do idioma (ou a teima do idioma) foi moi explotado pola dereita nestas eleccións, pero, que me diga alguén se o castelán corre perigo en Galicia.
    Aínda que así fose, quen pode estar a favor de non conservar un idioma?

    Saúdos

  • 5. José-Luis Prieto  |  abril 3, 2009 en 12:04 am

    Dis: “E quen pode ter a culpa de todo isto?. Pois fundamentalmente os pais”. Suscitado así, parece como que falar castelán sexa algo reprochable. Eu, aínda que vou facendo os meus piniños co galego, falo aos meus mozos en castelán (¿Por que? Pois ¿por que non?) e non vexo que teña que ter ningún sentimento de culpa.

  • 6. Eva  |  abril 3, 2009 en 12:10 pm

    Moi bo post, particularmente xa sabes que eu son unha defensora do galego de sempre, e, sobre todo o meu, o de “Maszaricos”, que bonito é.

  • 7. XabierPita Wonenburger  |  abril 4, 2009 en 12:57 pm

    Boa reflexión como adoita ser habitual. Eu fago moitos esforzos para mellorar o meu “galego” pero non atopo facilidades para aprender. Desexaría falalo fluidamente pero, malia os meus esforzos, son moitas as dificultades. Creo que somos moitas as persoas que padecemos esta grave discriminación.

  • 8. Freiman  |  abril 4, 2009 en 9:18 pm

    * Boa reflexión. Eu facía tempo que non leía ni falaba galego, maís dende fai uns meses falo cós meus colegas e na actividade profesional procuró falaló. Dende Decembro as Follas de Traballo que se imprimirón se fixeron en Galego, denantes estaban en Castelán. Hai que defender ó galego pero sin imposicións. Eu teño ó segundo apelido transformado o galego dende 1978, cando troquei a “y” pola “i”

  • 9. José Manuel Lage  |  abril 9, 2009 en 12:45 am

    Moi boa reflexión dende o meu punto de vista. Moi real. apertas

  • 10. Carlos Insúa  |  abril 9, 2009 en 10:01 pm

    Ola Blas,
    Eu teño unha filla de 9 anos que está escolarizada en galego. É galego parlante coa súa nai, que tamén o é. Comigo fala castelán e coas súas amigas segundo sexa o grupo maioritario. Ademais vai a clases de inglés desde fai tempo e practícao coa súa nai. Estou orgulloso, a miña filla fala normalmente galego, coñece e fala español e empeza a defenderse en inglés. Estou seguro de que falar galego para ela nunca será síntoma de incultura e aínda que pertenza a unha clase social baixa, media ou alta, nunca o falará ás agachadas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Calendario

abril 2009
L M X J V S D
« Mar   May »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.

A %d blogueros les gusta esto: