Archive for agosto, 2009

Alucinadito con Santiago Rey

“Alucinadito” estou, despois de ler o demagóxico artigo do inefable presidente-editor-censor-amo dese xornal que é exemplo de obxetividade e imparcialidade política. Si señor, este individuo, que ten no seu peto máis medallas e homenaxes ca calquera medallista olímpico, atrévese a erixirse na voz da rúa; pero, de que rúa?. Da rúa dos galegos e galegas que traballan máis de oito horas ao día –os máis afortunados- por un salario reducido, que pagan unha hipoteca polo seu fogar e que conducen un coche mercado cun crédito persoal, …. Ou dos galegos e galegas, coma el, que posúen un status alto, e son desos que declaran máis de cincuenta mil euros ao ano e atacan ao goberno, porque pretende que paguen máis impostos nun momento de crise.

De verdade o señor Rey fala por boca dos meus veciños de Cespón?. Acaso escoitou as queixas do Charro, de Joaquín, de Óscar, de …, no bar de Moncho do Correo. Ou chamouno por teléfono, ou mandoulle un mail Maruja, Pepa ou María del Mar, contándolle as dificultades que teñen porque os seus netos, fillos ou maridos non teñan traballo, e o Banco Pastor ou as caixas galegas os apreta, ou non lle dea un peso –perdón, un euro-.

Non cabe dúbida, que o señor Rey, atina en algunhas cousas que escribe, faltaría máis!!. Pero que sexa el o que as diga; e, que sexa el o que se erixa en voceiro dos galegos e galegas, e pregone aos catro ventos cales son os males dos gobernos, os erros dos políticos, as causas da crise, … Este “notario” escribe o que lle dá a gana, e di o que lle apetece, porque por eso o xornal no que escribe é seu; pero non di que somos os galegos e galegas de a pé, os da rúa, esos aos que nos quere dar voz, …, que somos nós os que financiamos o seu xornal. Non conta o señor Rey cantos cartos das arcas públicas recibe o seu poderoso Grupo en concepto de subvencións, publicidade, e pagos varios. Non di o señor Rey, que el tamén se beneficia –o seu Grupo– dos derroches e dispendios da Administración. E eu pregúntome se o poderoso Grupo Voz sería capaz de sobrevivir sen eses ingresos.

La voz de la calle é un claro exemplo de como hai individuos que se creen seres superiores. Señor Rey, despois de ler o seu artigo só podo dicirlle: Felicidades no seu 71 aniversario, e que cumpra vostedes moitos máis, …, para poder seguir poñendo a man para recibir máis axudas da Administración, pero que veñen do peto dos galegos e galegas. E por certo, ser un demócrata e ser un defensor da liberdade, da igualdade, de dereitos que vostede cercena no seu xornal, xa que a equidade, e a imparcialidade non son virtudes que vostede practique de xeito habitual.

AM

agosto 31, 2009 at 2:12 am 10 comentarios

Un soberbio recital de … tacos

Este fin de semana estiven de festa en Mazaricos; na famosa festa da Fervenza, á que acoden milleiros de persoas. Nunha explanada enorme no propio embalse da Fervenza, móntanse varios chiringuitos de bebida e comida, ademais dalgunhas atraccións típicas de festa, …, pero un dos grandes reclamos son as orquestras que actúan o sábado pola noite. Durante a noite do venres celébrase a festa da xuventude con actuacións de DJ´s. Paralelamente, celébranse durante o día varias actividades deportivas, como carreiras de cabalos ou de coches.

Pois como vos dicía, o sábado pola noite fomos a dar unha volta ata, e tamén de paso a gozar das superorquestras que actuaban esa noite: Panorama e Olympus, segundo din os entendidos nisto do mundo das festas e romarías, dúas das mellores orquestras de Galicia (xunto coa París de Noia e a Philadelphia, e non sei se algunha máis).

Teño que dicir que a montaxe de ambas as dúas é espectacular: Dous escenarios inmensos, monstruosos, cunha iluminación impresionante e do máis actual, e un son inmellorable. A escenografía, ademais de moi coidada, é carísima; xa que ambas montan varias cortinas de LED que ocupan todo o fondo do escenario, na que proxectan tanto imaxes, como fan xogo de luces ao ritmo das cancións que interpretan. A música, cada vez leva máis son enlatado, e tamén deriva cada vez máis a temas discotequeros; co cal entendo agora que á xente maior cada vez lle guste menos este tipo de orquestras espectáculo, e prefiran as máis tradicionais.

Pero, o que de verdade me sorprendeu, iso si, negativamente, foi a pouca dialéctica e vocabulario dos “presentadores-cantantes”, vamos, dos animadores de toda a vida. Tanto o da Panorama, coma o da Olympus, amosaban unha mala educación e unha falla de clase vergonzosa. Eu, que non me asusto facilmente, teño que confesarvos que en certos instantes sentín moita … moita vergonza.

Empezou o “delgado” da Panorama –non sei como se chama-, cun vocabulario no que non faltaban cada tres palabras as “ostias”, os “joderes”, os “coños”, …; esas palabras que empregan para animar, e que indican que o que as di carece doutro tipo de recursos léxicos. Entre cumbia e tema pop, gritaba o animador: “vamos ostia, esas mans arriba joder, non sexades mariquitas!!”. Ou un soberbio: “Cajo en Dios bendito”, ao iniciar o seu segundo pase

A segunda quenda chegou da man do animador da Olympus, o cal, como si sentise envexa do amplo vocabulario do delgado da orquestra Panorama, nada máis empezar xa abriu a boca de tal maneira, que cantar non cantaba moito, pero “xurar” como din na miña terra, non deixou un “taco” sen pronunciar. Ademais dos que dixo o da Panorama, aumentoulle os clásicos: “cago en mi madre” ou “cago en la puta”, non deixou sen citar o “carallo”, os “güevos”, ou a “cona”. Pero o punto álxido desta orquestra espectáculo chegou cando sacaron o seu punto homófobo, e mentres interpretaban unha canción –a cal non lembro agora- gritaba o animador: “este é un maricón, … si, si, un mariconaso; que perde moito aseite”, “e un gai, …, sale daquí maricón, …, que eres un maricón. Gai, eres un gai!!.

Realmente, debo confesarvos que foi vergoñento e alucinante; creo que estas orquestras espectáculo, que invirten varios milleiros de euros en montar unhas escenografías inmensas e de calidade; deberían de gastar algo, un pouquiño, en mandar ás súas estrelas a unha academia de lingua e de educación; porque actúan diante de moita xente ao cabo dun verán; e ademais actúan para todos os públicos, e creo que o exemplo que dan non é o mellor.

AM

agosto 11, 2009 at 6:54 pm 4 comentarios

Sentencias, traxes, “amiguitos del alma”, e a tila de Rajoy

Agora xa podo confesar con total tranquilidade, que eu tamén recibín regalos. Unha vez polo nadal regaláronme un estuche con tres botellas de albariño. Non estou orgulloso de ter aceptado semellante presente, aínda que iso si, o que mo regalou non forma parte de ningunha trama de corrupción, nin lle fixo regalos a ningún membro da miña familia, nin necesitaba que eu lle adxudicase ningún negocio millonario. Pero aínda así, direivos que o albariño era Terras Gauda.

Agora, desde logo, grazas ao Tribunal Superior de Xustiza do País Valenciano, ábrese a veda dos regalos aos políticos. Cun resultado axustado (2-1), pero agora calquer “amiguito del alma” pode regalarche traxes máis caros ca o de Supermán, ou xoias á muller ou as fillas, sen que sexa delito. Pero, se o “amiguito del alma” consigue contratos millonarios da institución que dirixes non pasa nada, iso para os xuíces é algo normal, algo que non ten nada que ver cos regalos que recibes.

O PP e Rajoy, están tremendamente contentos, e satisfeitos coa sentencia do TSXPV, presidido, por certo, por outro “amiguito del alma” de Camps. Cantos “amiguitos” ten o President, que home máis afortunado!!.

Rajoy ata se atreveu a receitarlle tila a algúns, que gracioso é este home, e que caradura. Rajoy, ese home de barbas, ao que non lle colle a lingua na boca, atrévese a darlle consellos aos demais, cando o Tesoureiro do Partido que preside, un Deputado, varios Parlamentarios autonómicos, varios ex alcaldes, e outras persoas vinculadas ao PP, e polo tanto a el mesmo, están imputados nesta trama de corrupción do caso Correa. E na que eu, coa súa parsimonia habitual, e falla de liderado e decisión, non foi capaz de tomar ningunha decisión drástica; non foi capaz de saír aos medios e censurar e castigar a todos estes personaxes involucrados nesta trama.

Pero, despois dunha sentencia polémica, na que “exculpan” a Camps, atrévese a sacar peito, no canto de pedirlle explicacións a Camps, porque na sentencia non negan que recibise regalos.

Así que, a partires de agora, todos e todas tranquilos: recibir regalos dos “amiguitos del alma” non é pecado.

AM

agosto 4, 2009 at 2:01 pm 1 comentario


Calendario

agosto 2009
L M X J V S D
« Jul   Sep »
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

O meu Twitter

Error: Twitter no responde. Por favor, espera unos minutos y actualiza esta página.

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.