Archive for agosto 11, 2009

Un soberbio recital de … tacos

Este fin de semana estiven de festa en Mazaricos; na famosa festa da Fervenza, á que acoden milleiros de persoas. Nunha explanada enorme no propio embalse da Fervenza, móntanse varios chiringuitos de bebida e comida, ademais dalgunhas atraccións típicas de festa, …, pero un dos grandes reclamos son as orquestras que actúan o sábado pola noite. Durante a noite do venres celébrase a festa da xuventude con actuacións de DJ´s. Paralelamente, celébranse durante o día varias actividades deportivas, como carreiras de cabalos ou de coches.

Pois como vos dicía, o sábado pola noite fomos a dar unha volta ata, e tamén de paso a gozar das superorquestras que actuaban esa noite: Panorama e Olympus, segundo din os entendidos nisto do mundo das festas e romarías, dúas das mellores orquestras de Galicia (xunto coa París de Noia e a Philadelphia, e non sei se algunha máis).

Teño que dicir que a montaxe de ambas as dúas é espectacular: Dous escenarios inmensos, monstruosos, cunha iluminación impresionante e do máis actual, e un son inmellorable. A escenografía, ademais de moi coidada, é carísima; xa que ambas montan varias cortinas de LED que ocupan todo o fondo do escenario, na que proxectan tanto imaxes, como fan xogo de luces ao ritmo das cancións que interpretan. A música, cada vez leva máis son enlatado, e tamén deriva cada vez máis a temas discotequeros; co cal entendo agora que á xente maior cada vez lle guste menos este tipo de orquestras espectáculo, e prefiran as máis tradicionais.

Pero, o que de verdade me sorprendeu, iso si, negativamente, foi a pouca dialéctica e vocabulario dos “presentadores-cantantes”, vamos, dos animadores de toda a vida. Tanto o da Panorama, coma o da Olympus, amosaban unha mala educación e unha falla de clase vergonzosa. Eu, que non me asusto facilmente, teño que confesarvos que en certos instantes sentín moita … moita vergonza.

Empezou o “delgado” da Panorama –non sei como se chama-, cun vocabulario no que non faltaban cada tres palabras as “ostias”, os “joderes”, os “coños”, …; esas palabras que empregan para animar, e que indican que o que as di carece doutro tipo de recursos léxicos. Entre cumbia e tema pop, gritaba o animador: “vamos ostia, esas mans arriba joder, non sexades mariquitas!!”. Ou un soberbio: “Cajo en Dios bendito”, ao iniciar o seu segundo pase

A segunda quenda chegou da man do animador da Olympus, o cal, como si sentise envexa do amplo vocabulario do delgado da orquestra Panorama, nada máis empezar xa abriu a boca de tal maneira, que cantar non cantaba moito, pero “xurar” como din na miña terra, non deixou un “taco” sen pronunciar. Ademais dos que dixo o da Panorama, aumentoulle os clásicos: “cago en mi madre” ou “cago en la puta”, non deixou sen citar o “carallo”, os “güevos”, ou a “cona”. Pero o punto álxido desta orquestra espectáculo chegou cando sacaron o seu punto homófobo, e mentres interpretaban unha canción –a cal non lembro agora- gritaba o animador: “este é un maricón, … si, si, un mariconaso; que perde moito aseite”, “e un gai, …, sale daquí maricón, …, que eres un maricón. Gai, eres un gai!!.

Realmente, debo confesarvos que foi vergoñento e alucinante; creo que estas orquestras espectáculo, que invirten varios milleiros de euros en montar unhas escenografías inmensas e de calidade; deberían de gastar algo, un pouquiño, en mandar ás súas estrelas a unha academia de lingua e de educación; porque actúan diante de moita xente ao cabo dun verán; e ademais actúan para todos os públicos, e creo que o exemplo que dan non é o mellor.

AM

Anuncios

agosto 11, 2009 at 6:54 pm 4 comentarios


O máis ollado

Calendario

agosto 2009
L M X J V S D
« Jul   Sep »
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.