Feliz 2007

porta_do_sol.jpg

Xa marchou o 2006 e o novo ano xa está aquí. Quero desexarvos a todos os amigos e amigas, compañeiros e compañeiras, familiares, coñecidos, … a todas as persoas de ben que o 2007 veña cargado de felicidade e de concellos socialistas.

Anuncios

enero 1, 2007 at 12:16 am 2 comentarios

Os de Galicia e os de Galiza

Cartel de www.aduaneirossemfronteiras.org

Leo no blog de Iván un post sobre os incidentes no partido Galicia-Ecuador, co cal coincido ao cento por cento; pero non así cos comentarios escritos polos habituais defensores dun País que non existe, excepto na súa mente, e un sentimento de nación e independencia que é minoritario. Eu non considero negativo que este colectivo defenda o seu sentimento e as súas ideas, pero o que critico é que as queiran impoñer á forza, porque por desgracia en España coñecemos o que sucede cando se pretende impoñer a base de violencia unhas crenzas.

Algúns pretenden facernos cre que formamos parte de dous países, uns de Galicia e outros de Galiza, e que son os que habitan neste último os galegos con pedigrí, os defensores da cultura, da tradición, da lingua, … do País. E o resto, os de Galicia somos os invasores, os represores, os inquisidores. E, ¿en que son os de Galiza máis galegos ca min?, ou ¿porque son eu menos galego ca eles?. ¿Porque teño que demostrar cada día a miña galeguidade?.

Teño a obriga de explicar cada día que eu e as miñas fillas falamos e escribimos en galego, que nos gusta Carlos Núñez, Leilía ou Luar na Lubre, que lin “Os dous de sempre” ou “A Esmorga” e que me emociono lendo a Rosalía, e en definitiva que defendemos e loitamos porque non se perdan as nosas tradicións, a nosa cultura.

Eu négome a ter que levar colgado unha etiqueta que poña GZ, a escribir e a falar o que me impoñan os da Mesa, a pensar que somos mellores por sermos unha Nazón ou a estar afiliado a un partido nacionalista. Pero tamén teño claro que nunca defenderei a violencia, nin os radicalismos, nin os extremismos.

diciembre 30, 2006 at 6:03 pm 24 comentarios

¿Vale todo en política?

Creo que a política estatal está a coller un camiño que nos debe de facer reflexionar a todos. Habitualmente dise que “en política todo vale”, e non cabe dúbida de que os líderes do PP aplícana a “rajatabla”.

Non contentos coa postura mantida co proceso de paz, no que Rajoy e a Santa Compaña desenterraron desde o inicio a “hacha de guerra” para que este non prosperara, ou con outros asuntos de relevancia (11 M, inmigración, reformas dos estatutos, política exterior, …). Agora aparece Miguel Ángel Rodríguez asesorando ao dono de Air Madrid de como tiña que realizar o peche da empresa para causar o maior dano posible. Ademais, nesta estratexia orquestrada polo PP colaboraba El Mundo e a COPE –que raro, verdade?-.

Este é o exemplo da conspiración continua do Partido Popular para conseguir desgastar e derrocar –si se tercia- ao goberno que preside Zapatero. Porque eu imaxínome que Miguel Ángel Rodríguez cando asistiu a esta xuntanza foi co beneplácito de Rajoy, e polo tanto este é cómplice do peche voluntario de Air Madrid e das consecuencias do mesmo: a existencia de milleiros de afectados, os gastos extra ocasionados ao goberno e a tódolos españois.

Seguramente nos próximos días teremos que escoitar a Rajoy e aos membros do seu entorno darnos leccións de honestidade, de ética, de moralidade, pero a realidade é ben distinta. A Mariano, a Ángel, a Eduardo, a Ana, a Esperanza, a José María, e ao resto da ppandilla España e os españois non lles importa, só lles interesa volver a gobernar como sexa, aínda que para conseguilo teñan que pechar compañías aéreas, obstaculizar a paz, mentir, enganar, traizoar, etc..

¿Que será o próximo co que nos sorprendan?. ¿Cal será o primeiro bombazo do ano de Pedro J. e o seu xornal?.

diciembre 30, 2006 at 2:05 am Deja un comentario

Alonso xa está en campaña electoral

Alonso e López Outeiral. Foto de Simón Balvó para La Voz de Galicia

Fai varios días que non escribía nada sobre Boiro, aínda que estiven tentado en varias ocasións, pero sinceramente, teño que confesarvos que estaba pendente da tradicional celebración en Jealsa coa chegada do Nadal. Politicamente tiña dúbidas sobre como ía a afrontar Jesús Alonso as vindeiras eleccións municipais ao non ser el o candidato á alcaldía, e esta xuntanza navideña sirve para amosar cal vai a ser a súa estratexia electoral e o seu grao de participación na mesma.

Alonso nestes actos cos traballadores e traballadoras do seu grupo transfórmase, é outro, convértese nunha especie de telepredicador, un Jiménez Losantos que non deixa títere con cabeza e ataca sen piedade aos seus rivais políticos acusándoos de ser os grandes inquisidores do crecemento do seu holding. E nesta ocasión non variou nada o guión dos anteriores anos electorais. O cal nos amosa que nesta campaña vai a ter unha participación activa e un papel protagonista na película electoral.

Diante do persoal do grupo Jealsa-Rianxeira (1500 din na prensa) acusou ao goberno municipal de intentar frear o desenrolo da empresa, de perseguilo e acosalo, de boicotear as súas aspiracións de desenvolvemento, …, en definitiva de ser unha especie de demos con cornos e rabos que está en contra do progreso de Boiro. Non esquezamos aquela famosa frase súa de “lo que es bueno para Jealsa es bueno para Boiro”.

Pois o patriarca familiar e presidente do grupo, ademais de ex alcalde, fixo gala dos seus máis exitosos monólogos para chegar a dicir que se volvía a gobernar o tripartito –ou outro partido que non sexa o PP, que é o mesmo- que podería marcharse a outra parte: Se o tripartito gaña as eleccións, eu meditaría se sigo vivindo aquí ou me vou coa música a outra parte”. Tal ameaza non é nova, e puido ser que nalgunha ocasión ata tivese efecto, e cada un xoga coas bazas das que dispón, pero eu non sei ata que punto será ético intentar coaccionar mediante o medo e a estabilidade laboral aos traballadores para que o seu voto sexa o mesmo que desexa o empresario. Pero alá cada un coa súa moralidade, escrúpulos e honradez porque afortunadamente, o voto é secreto e cada un votará o que lle pareza máis oportuno.

Para rematar quería salientar dúas cousas. A primeira é que polos datos económicos da empresa –facilitados por Jesús Alonso Escurís– non lle foi tan mal co goberno do PSOE e o BNG, posto que conseguiron un crecemento do 15%, algo que non acadaban desde o 2002. E a segunda que este ano botouse de menos o xa tradicional xamón electoral.

diciembre 24, 2006 at 12:28 pm 1 comentario

En OT cántase en galego

Eva Carreras 

O famoso programa Operación Triunfo, que se emite en Telecinco (antes da Primeira), xa conta no seu repertorio cunha canción en galego. Aconteceu hoxe durante a actuación dunha viguesa chamada Eva Carreras que escolleu para a súa actuación a canción Lela. Esta popular canción que interpretou como ninguén a portuguesa Dulce Pontes e que lanzou ao estrellato o gaiteiro Carlos Núñez no seu disco “A Irmandade das Estrelas”,  foi escrita por Castelao para a obra de teatro “Os vellos non deben de namorarse” e púxolle música Miguel de Santiago.

Teño que confesarvos que sentín unha especial emoción ao escoitar nun dos programas de maior audiencia no panorama televisivo soar unha gaita galega e escoitar cantar na nosa lingua. Un acerto por parte da intérprete que presume de ser galega e de defender a nosa cultura, porque o máis sinxelo seguro que sería escoller unha canción de calquera grupo de éxito do momento.

Outro dato, o presentador, o tamén galego Jesús Vázquez, non puido escapar a facer un comentario nun dos seus pasos á publicidade sobre a proposta do BNG do cambio horario en Galicia.

diciembre 10, 2006 at 11:36 pm 3 comentarios

¡¡Os Reis Magos falan galego!!. E Papá Noel, ¿que?

Leo no xornal.com, con certo asombro que os Reis Magos aceptan cartas en galego tras chegar a un acordo coa Mesa, e a nova cáusame sorpresa, porque eu eso dábao xa por feito. As miñas fillas Paula e Nerea levan anos escribíndolle a carta aos Magos de Oriente na nosa lingua e ata o de agora nunca nos devolveran ningunha por non entendelas, e sempre atenderan ás súas peticións.

Sen ánimo de criticar as xestións de ninguén, non é dende logo a miña intención, estes da Mesa pola normalización estanse a volver un pouco frikis (imaxino que esta palabra non será admitida pola Mesa, pero é a máis adaptada que atopo nestes intres para definilos). Porque a nova en si xa é como para facer chiste, pero aínda por riba disque deron unha rolda de prensa cun representante do Rei Gaspar. Imaxínome que si o que viñese a dar a rolda fose o propio Rei entón na mesma estaría presente Quintana ou a conselleira de cultura; porque unha foto como esa non a podían perder ningún dos dous.

Aproveito desde este foro para reclamarlle a Carlos Callón (veciño meu de comarca) que se non o está facendo, entable xa negociacións urxentes con Papá Noel, e xa de paso, que intente que cando visite o noso país leve no trineo unha pegatina de GZ e mudo o traxe vermello e branco por un azul e branco. E xa posto, que dous asuntos tan importantes coma estes aparezan no Estatuto.

diciembre 3, 2006 at 7:38 pm 3 comentarios

En Boiro xa temos web

Un servidor e Ares durante a rolda de prensa

Os socialistas de Boiro xa contamos cunha páxina web. Hoxe celebramos unha rolda de prensa Juan Jesús Ares (1º tenente de alcalde e candidato á alcaldía) e eu na que a demos a coñecer publicamente.

As webs son un instrumento útil e necesario para estar en contacto coa xente -eu definina como “unha ventana aberta á sociedade”-, e Ares fixo un chamamento á participación dos veciños e veciñas de Boiro e destacou as facilidades que aporta internet, xa que un usuario pode presentar unha reclamación, facer unha solicitude ou calquera outra cousa desde a súa casa ou o seu posto de traballo.

O que si debemos de ter claro o que nos dedicamos a esto da política é a potenciar e promover o uso das novas tecnoloxías, e sobre todo facilitarlle o acceso aos usuarios; por unha banda reducindo os prezos das conexións a internet -coma no resto de Europa-, por outra facilitando e achegando os accesos ao maior número de zonas -en especial ao rural-, e por último, incrementando as velocidades -e incomprensible que nun pobo de case vinte mil habitantes a velocidade máxima sexa de 1 mega-.

Remato facéndovos unha invitación a visitar www.psoeboiro.com, e como non, a facernos todas as aportacións que queirades.

diciembre 2, 2006 at 3:01 am 8 comentarios

Entradas antiguas


Calendario

octubre 2019
L M X J V S D
« May    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.