Posts filed under ‘Fene’
DdC. Xa estamos en campaña!!
Xa estamos en campaña!!. Esta noite pasada foi o día do comezo da carreira, o inicio da conta atrás. Antes deste acto simbólico fomos co Presidente a facer un mitin ao Carballiño, e como sempre que imos alí o recinto do acto estaba a tope, xente de pé polos pasillo e na entrada, e por primeira vez había overbooking na sala de prensa; xa que como hai un plasma colocado no lugar onde seguen o acto os xornalistas,
que retransmite en directo o acto, habia moitas persoas vendo o acto pola tele.
Ir a calquer lugar da provincia de Ourense sempre é un pracer, xa que os compañeiros e compañeiras son estupendos. Osorio, Miguel Fidalgo, Lalo, María Quintas, Laurita,…, todos –bueno case todos- son moi boa xente.
Ao rematar o acto do Carballiño, coller o coche e saír pitando para Santiago. Castiñeiras e eu no noso Voyager, que por certo, consume un mogollón só tivemos que facer unha parada técnica para repostar, tanto o coche coma nós. Unhas pataquiñas ao xamón e unha Coca-Cola Light.
Xa en Santiago baixamos para o San Francisco, para a pegada. Alí nos demos cita case todo o Pino. Víctor, Castiñeiras, Dieguiño, Anxo, Eva, Ánxela, Marcos, Xusto, Paula, Esperanza, Fernando, …, case todos. E chegou o momento, como diría 009, o axente Feijóo. Luces, pantallas, carteis, cubos, directos de tele, aplausos, discurso, bandeiras, …, e remate. E ao acabar a comer un bocata. Non foi doado, estaba case todo pechado porque era a unha e pico da mañá, pero ao final atopamos un sitio no que sentarnos a cear algo. Ufff!!. Descansar un pouco, que ben!!. A verdade é que pasamos un bo rato, con nós estaba ademais Javier Carnota, Iván Puentes e a xefa, Mar.
Hoxe toca acto xoven, no cal estamos agora e á noite viaxar ata Vigo. Isto é a campaña, xa vos irei contando.
Se teño tempo, vou a facer de crítico musical e falarvos do “reggaeton”.
A.M.M.M.M.M.
DdC. Momentos da campaña

Esta campaña electoral é das máis duras que levo vivido, e asegúrovos que xa levos unhas cantas. A verdade é que non sei se é pola idade, é porque cada vez asumimos máis tarefas na organización dos actos electorais, ou son as dúas cousas.O certo é que levo sen entrar no blog desde o 19 de febreiro, pero é que desde ese día entramos xa na voráxine electoral. O martes mitin en Narón con Alfonso Guerra, ao día seguinte mitin de Felipe González en Vigo, o 21 en A Coruña e Lugo, e pola noite volta á Coruña para o inicio da campaña, e dahí para diante Burela, O Carballiño, Vilagarcía, Ribeira, Ribadavia, A Coruña con ZP, Pontevedra, Baiona, Fene, O Barco, Santiago, Caldas de Reis, Cee, Culleredo, Melide, e hoxe Vigo. En total creo que levamos percorridos preto de 5000 quilómetros. E aínda nos queda ir a Ferrol e a Ourense.
Tiña a intención de realizar o Diario de Campaña, ao igual que fixen nas últimas eleccións municipais, pero a verdade é que me resultou imposible, porque, como vos dicía ao principio, as tarefas cada vez son máis e os horarios máis longos. E iso que nesta campaña incrementamos o equipo de actos de xeito permanente coa presenza de Eva Tomé, co cal conseguimos cumprir a paridade. O equipo de actos públicos nesta ocasión está formado polo “incombustible” Víctor, o cal leva xa case tantos anos no partido como Pablo Iglesias, e vaiamos a onde vaiamos sempre atopa coñecidos; Víctor sempre ten un momento para tararearnos unha canción durante os longos desprazamentos en coche, o cal el é o encargado de conducir –porque se non di que se marea-. Eva Tomé, a nova compañeira, ademais de un soplo de aire fresco ao noso equipo e á organización do PSdeG-PSOE é unha especie de terremoto, que ademais do seu importante traballo apórtanos alegría polo seu entusiasmo e porque sempre está de bo humor.
MARÍA AMELIA E ZAPATERO
Anécdotas nesta campaña levamos xa unhas cantas, as cales espero contarvos noutra ocasión; pero sen dúbida desta campaña teño dous momentos moi especias. O primeiro é o día que coñecín en persoa a Maria Amelia, foi no mitin de A Coruña con Zapatero, e podo asegurarmen que vivín un dos días máis felices desde que traballo no PSdeG-PSOE. Días antes do mitin de Riazor Nacho e Chelis de Pontedeume chamáronme por teléfono para ver a posibilidade de que a avoa blogueira puidese coñecer ao presidente do Goberno, e a min ese encontro resultábame do máis bonito e entrañable, pero non vos nego tamén que me parecía extremadamente complicado, non porque Zapatero non quixese estar con ela, senón polas medidadas de seguridade que o rodean e polo entorno do presidente que de entrada sempre suelen poñer dificultades. Ese mesmo día púxenme en contacto coa xente de actos públicos de Ferraz, e teño que dicir que me facilitaron todo o seu apopio e colaboración e o que ao principio me resultaba bastante difícil resultou ser un momento inesquecible, sobre todo se temos en conta que a propia María Amelia non sabía nada do que lle tiñamos preparado.
A verdade é que ela algo sospeitaba, xa que unha vez que entrou no pavillón de deportes empezou a facer preguntas: “e logo porque me sentades en primeira fila”, cando lle dixen que íamos a subir a unha sala de espera dicía “e a donde me levades agora, non me iredes a facer algo, mira que me poño moi nerviosa”. Pero o gran momento foi cando ela estaba sentada ao carón dunha mesa con Chelis, e Zapatero entrou na habitación e lle dixo “buenas noches”, María Amelia levantou a cabeza e veu ao presidente e dun salto –a pesares da súa idade- levantouse coma un resorte da silla e se abrazou nel. O momento é difícil de contar, porque a emoción e a alegría que transmitía a avoa de muxía non se pode escribir nun blog; estiveron falando bastantes minutos, ata que tivemos que baixala ao recinto do mitin porque tiñamos que empezar. Polo camiño María Amelia dicíame que sentía admiración por Zapatero, porque o vía tan sensible e boa persoa, “tan bueniño” que era coma un neno. Sen dúbida poder participar nunha sorpresa como esta foi algo difícil de esquecer, e serve para sentirse contento polo traballo que facemos a diario.
EN FENE CON IVÁN
Outro dos momentos entrañables da campaña e que gardarei nese álbum de lembranzas e o día que visitamos Fene con Touriño, xa que ese día tiven ese sentimento de satisfacción por un amigo, ao que fai un ano era un compañeiro de traballo na organización socialista, un compañeiro máis que formaba parte do equipo do que vos falaba ao inicio, e agora é nin máis nin menos que o alcalde de Fene. Iván, aquel amigo que viña con nós no coche, o que colaboraba, participaba e traballaba con nós na Rúa do Pino era o que estaba recibindo ao Presidente da Xunta na súa calidade de alcalde, e era o que lle explicaba os proxectos que tiña para Fene e para a comarca de Ferrolterra. Iván psou de estar entre as bambalinas da política, a ser un dos actores protagonistas; e confésovos que me sinto orgulloso de que un amigo e un compañeiro triunfe.
DdC. Apoiando a Iván en Fene
O venres estiven en Fene na presentación da candidatura do PSdeG-PSOE. Como xa saberedes a maioría esta candidatura encabézaa o meu compañeiro e amigo Iván, polo que este acto non foi coma calquera outro. Este mitin foi máis emotivo e importante que calquera outro aos que acostumo a ir. Varios compañeiros de Iván desprazámonos desde Santiago para apoialo (Carnota, Diego e Víctor), estaba tamén Javi García, Tamara Canosa, Nacho de Pontedeume, Bernardo, Xaime, Silvia, …, en definitiva, moitos amigos e amigas de Iván; pero tamén estaban algúns e algunhas que agora finxen unha grande amizade, pero que no seu momento se dedicaron a poñer tódalas pedras posibles no camiño de Iván para que non encabezase a candidatura socialista de Fene.
Neste acto interviñeron Ricardo Varela, secretario de organización do PSdeG-PSOE e antigo xefe de Iván, o cal amosou a súa satisfacción polo ambiente que se respiraba no acto, e afirmou que a súa experiencia e participación en distintos actos electorais facíalle amosarse convencido de que en Fene se ía a producir o cambio político, e que Iván ía a ser o próximo alcalde.
Iván na súa intervención falou de Fene, dos seus proxectos para cambialo, e nela podíase apreciar a ilusión que posúe, ademais dun enorme cariño polo seu pobo e un tremendo respecto polos seus veciños e veciñas. Tamén me vexo na obriga de dicir que esta intervención foi demasiado larga, aínda que Carnota, Diego e eu no coche camiño do acto xa fomos facendo aposta sobre a duración do discurso e todos tiñamos seguro que ía a pasar da media hora, e así foi. ¡¡Durou máis de corenta e cinco minutos!!.
Pero non quero rematar este post sen destacar dúas cousas da presentación: por un lado a boísima intervención de Loli Rodríguez da que destaco unha frase sobre Iván, “os feneses e as fenesas tendes moita sorte, porque Iván quere cambiar o mundo, e para cambialo vai a empezar por Fene”. E polo outro é o magnífico lacón cocido que se serviu nos pinchos.
Iván quero rematar este post dicíndoche que cando sexas alcalde de Fene nunca esquezas nin quen es, nin de onde vés, e por favor, non cambies.
O vídeo de Iván
Non me cabe dúbida de que en Fene vai a producirse o cambio ao fronte da Alcaldía. Xa falei en varias ocasións neste blog de Iván Puentes: da súa ilusión, do seu traballo, da súa valía, do boa persoa que é –en ocasións bo de máis-, … , que queredes que vos diga, ¡¡é amigo meu!!. Hoxe preséntovos, case en primicia –xa está na web do PSdeG-PSOE-, o seu vídeo de campaña; o que como comprenderedes é unha enorme alegría para min.
O camiño que tivo que percorrer Iván para ser o candidato socialista á alcaldía non foi doado, a pesares de que logrou a unanimidade dos militantes da súa agrupación desde o primeiro momento; pero, como case sempre apareceron os envexosos, resentidos e mezquinos que só saben poñer pedras no camiño para intentar disimular á conta dos demais a súa incompetencia e necidade. Pero, en definitiva, o importante é que superadas as zancadillas iniciais podo asegurarvos que Iván vai ser un gran alcalde de Fene.
Mirade o vídeo dun amigo.
Iván Puentes alcalde de Fene
Ultimamente estámonos acostumando aos erros (ou erratas) dos medios de comunicación, e o xornal La Voz de Galicia é un dos habituais, lembro aquel do Lunnis que inmortalizou Xaime no seu blog.
Agora tócalle ao “diario decano da prensa nacional”, El Faro de Vigo, que o 24 de decembro fixo alcalde a Iván Puentes. Sen dúbida para min é un motivo de satisfacción poder contar cun amigo que sexa rexedor municipal, aínda que sexa por error, porque ademais sei que Iván vai a ser o próximo alcalde de Fene, polo que o aparecido no “Faro” é só unha profecía do diario vigués que se vai a cumprir o 27 de maio.
Agora Fene
Continuamos coa elección de candidatos socialistas ás alcaldías, e hoxe tócalle o turno ao meu bo amigo Iván Puentes, que saíu elidido candidato á alcaldía de Fene por aclamación.
Sinto unha alegría especial por dúas razóns: a primeira porque Iván é un bo amigo, pero ademais por que é unha persoa nobre, desas das que –por desgracia- non hai moitas; unha persoa traballadora, responsable e íntegra. A segunda razón é porque este partido con tantos anos de historia sigue a renovarse pouco a pouco, e os militantes de Fene apostaron por un cambio, cando o máis seguro sería a continuidade cun candidato que obtivo un bo resultado nas pasadas eleccións, pero que se creu –ou alguén llo fixo crer- que era o único artífice dese resultado. Arriscar en política non é doado, pero ás veces é bo facer apostas pola xente xoven. O camiño de Iván nos último meses non foi doado, algúns compañeiros e compañeiras estiveron máis preocupados en poñerlle obstáculos no camiño que en axudalo e defendelo, pero iso neste mundo da política é bastante habitual. Pero Iván tivo a capacidade e a valentía –co apoio da súa agrupación- de saír adiante, aínda que en moitos momentos, seguramente, se lle pasaría pola cabeza de apartarse, porque ten toda unha vida política por diante.
Na vida hai que tomar decisións, e asegúroche Iván que ti tomastes a acertada, porque por riba daqueles que che puxeron a zancadilla, tes o apoio dos compañeiros e compañeiros de Fene, de moitos da comarca, e , sobre todo o apoio dos teus amigos e da túa familia. Os «inimigos» só se teñen a eles, e sabes que é por conveniencia e por intereses. Pero tampouco dubides que cando che vai ben son os primeiros que che van a pasar a man polo lombo e dicirche que es marabilloso e estupendo.
Ánimo Iván, a loitar e a gañar , porque como dicía no me anterior post: FENE NECESITA UN ALCALDE COMA TI, e a maiores digo: E O PSdeG PERSOAS XÓVENES E ÍNTEGRAS COMA TI
Comentarios