Posts filed under ‘Galicia’

Adeus e grazas a Manuel Velo

Acábome de enterar de que Manuel Velo Velo non vai a tomar posesión como concelleiro. Esa nova para Boiro e o Barbanza é das máis importantes, alomenos por sorpresiva, que un se podían imaxinar.

Velo é un persoaxe singular, dos que moitos fixeron mofa e burla (en ocasións propiciaba) pero hai que decir que foi alcalde de Boiro por méritos propios en dúas lexislaturas completas (1983-1987 e 1991-1995) e gañou con maioría absoluta (11 concelleiros de 17) no ano 1987, aínda que case dous anos despois viuse na obriga de abandoar o cargo por unha inexplicable e interesada moción de censura con catro tránsfugas do PSOE. Tras abandonar o Partido Socialista no ano 2001 ao ser expedientado e posteriormente expulsado, creou IC Boiro, un partido independiente, co que se presentou ás elecciónns do 2003, 2007 e 2011 obtendo sempre representación (no 2007 sacou dous concelleiros) e formando parte do goberno tripartito no ano 2003.

A Velo hai que recoñecerlle a súa dedicación á alcaldía e especialmente o desenvolvemento do Boiro que agora coñecemos, e conseguindo infinidade de actuacións para o concello; pero tamén tivo a súa parte obscura, que foi especialmente ese carácter autoritario e dictatorial.

Eu só quero plasmar aquí a miña sorpresa por unha decisión que comparto e que respecto, sobretodo porque a política local de Boiro non vai a ser a mesma sen un personaxe coma el. Outros que foron discípulos seus e que o intentaron imitar seguen aí a pesar dos resultados, e cunha diferencia importante, nunca chegaron a ser alcalde, nin siquiera a ser primeira forza política.

Eu desde o meu blog pido que o novo goberno de Boiro rompa cos habituais enfrontamentos, e amose unha clara disposición ao diálogo e á non beligerancia, e lle faga unha homenaxe a Manuel Velo Velo, o cal algún día deberá de ter unha rúa en Boiro, no seu pobo.

Grazas Velo, polo bo e polo malo.

mayo 27, 2011 at 1:26 pm 2 comentarios

SENTIDIÑO!!!


Creo que non queda a menor dúbida de que os socialistas non estamos pasando por un bo momento. Despois do batacazo nas eleccións municipais o PSOE entra nunha situación pouco recomendable para calquera partido a un ano vista das eleccións xerais.

E o peor, é que comezan as discrepancias internas sobre como debemos de afrontar este proceso: se primarias, se congreso extraordinario, se dedazo, … e como sempre (ou case) son os chamados baróns os que opinan sobre este tema, mentres os militantes de base, os que realmente quedamos tocados do lamentable resultado electoral, temos que asistir impávidos a este cruce de opinións que en nada benefician ao noso Partido.

Eu en ocasións, cando contemplo estas situacións creo que os nosos dirixentes viven nun mundo paralelo (ou para lelos), porque son incapaces de entender á xente común, ao votante que se expresan cando lle toca cunha papeleta. Aínda foron incapaces de entender que o tsunami ou marea azul non é máis que un rexeitamento a unha situación moi concreta que os nosos dirixentes non foron capaces de xestionar. Está claro que debemos de dar novamente un xiro á esquerda, porque para aplicar políticas de dereita e liberais xa están os que teñen a patente.

Realmente pensan os dirixentes do meu Partido que aos votantes (é decir ás persoas) lles preocupa si congreso ou primarias? A xente normal quere solucións con rapidez, non quere asitir a unha obra de teatro onde os actores principais semilla que están máis preocupados por manter o seu status orgánico e institucional que por axudar a resolver os problemas que de verdade ten o meu Partido.

Desde este espazo, e como militante e dentro da miña libertade e usó pido SENTIDIÑO.

mayo 25, 2011 at 6:31 pm 1 comentario

Tivemos sorte

Eu traballei na loita contra incendios, eu fun o que chaman brigadista. Foi alá polo ano 1995, e tras anotarme para traballar os meses de verán, chamáronme para realizar as tarefas de extinción de incendios … A historía é bastante máis longa, pero hoxe non é o día de contar os chanchullos e “favores” que mediaron en todo isto.

No mes de xuño chamáronme a Noia (era onde tiñamos a central) presentáronse aos meus compañeiros, explicáronnos un pouco o que tiñamos que facer, e ao día seguinte ao lume. Así foi a cousa, tal cual. Nin un triste cursillo, nin unhas ensinanzas básicas de que facer ante as lapas.

Provistos dunha funda, unhas botas e uns “batelumes” marchamos no Nissan Patrol alugado a patear os concellos asignados á nosa circunscripción. Noia, Outes, Lousame, Rois, Negreira, Ames, Brión, Val do Dubra, A Baña, Dodro e Padrón. Nalgúns concellos non estivera na miña vida.

Afortunadamente, os incendios fortes (ese ano foi un dos que máis ardíu) non empezaron ata mediado o mes de xullo, co cal tivemos algo máis dun mes para patear a zona que nos tocaba cubrir. Percorremos montes, pistas, lugares de estanques de auga; fomos a todos os concellos a pedir mapas do seu territorio, controlamos os sitios máis altos, etc.

Avanzados o mes de xullo chegounos un casco, unhas gafas e unha mascarilla, … Xa estabamos preparados para ir a loitar contra o lume. Xa tiñamos todo o equipamento, xa coñecíamos o terreo, …, xa eramos uns profesionais!! Nin moito menos. Non tiñamos nin idea do que era o lume, de cómo se comportaba un incendio, de como tiñamos que actuar, etc. Éramos un obxectivo fácil para o enemigo, pero, o peor é que o éramos nós e o resto dos nosos compañeiros con máis experiencia.

Ao final, afortunadamente non pasou nada, traballamos moito, e no mes de outubro deixamos o traballo por remate de contrato. Tivemos sorte!!

Con este post pretendo dar a coñecer as condicións coas que os e as brigadistas acuden ao monte na época máis perigosa do ano. E despois din que “…tiñan unha longa experiencia como brigadistas”. Vaia por Deus!!, porque participaron en cinco e sete campañas de extinción de incendios!!. O triste é que sempre ten que morrer alguén para que collamos conciencia do que está acontecendo. Unha mágoa!!

AM

agosto 13, 2010 at 5:38 pm 2 comentarios

A Odisea de dar un alta en (Telefónica) Movistar

Non fai moito que Telefónica decidíu cambiar o seu nome comercial polo de Movistar. Segundo parece, entre outras causas, porque a marca Telefónica estaba moi desprestixiada, e en cambio á de telefonía movil pásalle todo o contrario, é unha marca ben valorada polos seus usuarios e usuarias.

Eu desde primeiros deste mes, concretamente desde o día 2 de xuño, estou intentando dar de alta en Telefónica-Movistar unha liña nova con ADSL, e podo confesarvos que ata o día de hoxe resultoume unha auténtica odisea. E atópome en disposición de afirmar con rotundidade que poden cambiar o nome da marca, pero non a prepotencia dos operadores/as do servizo técnico e moito menos a nefasta xestión comercial da empresa.

Podía detallarvos a infinidade de problemas que tiven desde fai case vinte días, e sobretodo as mentiras que esta empresa de telefonía me leva contando, pero voume a centrar en tres detalles para que comprobedes como “funcionan”.

Día 2 de xuño. O día da alta.

Para solicitar a alta non houbo ningún tipo de dificultade, pedíronme os datos que eu amablemente lles facilitei. Tiven certas dificultades para darlle a dirección, xa que a operadora que me atendeu non era española (deduxen polo seu acento) e custáballe entender nomes como: Rúa, Lavadoiro, Ortoño ou Ames; para atopar o concello botou preto de dez minutos, xa que ela me entendeu que o nome do concello era “Deames” e non o daba atopado … Son cousas que pasan, un erro teno calquera. Preto de vinte minutos despois conseguimos tramitar a alta.

Presuntamente tras chamarme o servizo técnico (que o fixo no mesmo día) tardaría entre 5 e 8 días.

Día 14 de xuño. A amable operadora

Deixei pasar máis dunha semana, e ao non ter máis novas da alta de liña e da ADSL volvín a chamar ao 1004. Tras a espera oportuna escoitando mensaxes publicitarias da marca, cólleme unha operadora. Explicolle que levo varios días esperando que me chamen e … A operadora pídeme os datos e pregúntame se estou noutro operador, contéstolle que non e ela dime que alí cónstalle que si.

Tras un breve debate sobre si estou ou non con outro operador de telefonía, e cousas sen interese a amable operadora dime que me tiveron que chamar xa do servizo técnico para informarme dunha incidencia. Eu pregúntolle a que número me chamaron, e dime que non o sabe, pero que cree que ao do outro operador … PERO SE NON TEÑO TELÉFONO NOUTRO OPERADOR!!.

Que si, que vale –dime a amable operadora- pero que se quero que me tramita outra nova alta e que teño que esperar outros 5 ou 8 días. Eu dígolle que non entendo como pode pasar iso, e pregúntolle cal é a incidencia. Ela dime cunha chulería impresionante … que lle conteste se quero que me tramite a alta, ou senón que me colga, eu que non acabo de entender a súa actitude, reitero a miña protesta e a amable operadora … CÓLGAME O TELÉFONO!!

Ese mesmo día e tras consultar no Facebook, Twitter, etc. a maioría das persoas dinme que Telefónica-Movistar é a empresa de telefonía que mellor servizo da. Polo que volvo a chamar e aténdeme un operador que me abre unha incidencia e dime que o que pasaba era que me faltaban algúns datos (entre eles o número de conta), pero que ao longo desa semena chamaranme do servizo técnico.

Día 21 de xuño. O desenlace

Antes desta chamada, volvín a poñerme en contacto co 1004 para informarme e sempre me decían o mesmo: “En los próximos días le llamará un técnico para instalarle el servicio solicitado”.

MENTIRA, MENTIRA E MENTIRA!! Non me chamou ninguén. Por iso hoxe volvo a chamar, e tras dúas chamadas previas, ás que unha me colgou despois de terme en espera, e outra se cortou. Por certo, contareivos que para acceder a través do 1004 tes que “introducir o número sobre o que quere realizar a consulta” (pídeche a grabación telefónica. E digo eu, se queres dar unha alta de liña nova, que número introduces?. Eu para que me atenderan “introducía” o de meus pais.

Pois como vos contaba, na terceira chamada do día cólleme un operador que me pide os datos e despois de estar en espera varios minutos dime que NON ME PODEN INSTALAR A LIÑA POR AGORA!! Como? –dígolle eu, tranquilo, pero enoxado. Si porque non sei que problema hain a centraliña, que non hai pares ou algo así, e que ESTOU EN LISTA DE ESPERA.

Mirade, non me queda máis remedio que estar en lista de espera para que me atenda un especialista no SERGAS, que remedio!! Pero, para contratar unha ADSL!! Nin de coña!! Que lle dean polo … a Telefónica, a MoviStar, a Alierta e a quen corresponda, pero este menda non está en lista de espera para unha ADSL. Será por operadores de telefonía, aos que só lles pido que non me engañen, que me digan a verdade.

Pois eso, que xa estou explorando outras alternativas. Eso si, teño que romper unha lanza na defensa das persoas que xestionan @movistar_es en Twitter, xa que amosaron interés en axudarme e solucionarme o asunto, pero pouco pudieron facer porque tampouco a eles lle facilitaban información.

junio 21, 2010 at 5:32 pm 1 comentario

Novo vídeo: Preparad@s

Un novo vídeo da Conferencia Política está colgado na rede (en YouTube). Este vídeo gravado durante as últimas semanas ten como característica principal que conta como actores/actrices con persoal que traballa na Rúa do Pino. Víctor Rodríguez (Política Municipal, Institucional, actos públicos, etc. etc.), Eva Tomé (Política Municipal, actos públicos, etc.), Carmen Rodríguez (Comunicación), Javier Castiñeiras (Coordinador de Repografía e envíos, e agora tamén responsable de locomocións -como dicimos aquí-); e a participación estelar de Mar Barcón, Pablo García e María Torres.

Non me quero esquecer do responsable de son e axudante de dirección no vídeo, de Dieguiño (Diego Pérez), que tamén ía a ter un papel de actor, pero ao final a súa apretada axenda impediulle poder gravar unhas esceas. Diego no Pino é o que se encarga de todo o tema informático e tecnolóxico.

Simplemente apuntar dúas cousas: Que como comprobaredes aquí no Pino somos todoterreo e facemos de todo un pouco, e a outra é que nos xa estamos preparados e preparadas para a Conferencia Política. Esperamos que ti tamén o estés.

E darlle as grazas a todos os actores e actrices pola súa colaboración, algunha forzada … Grazas!!!

AM

abril 28, 2010 at 1:01 pm 1 comentario

Conferencia Política

Logo Web da CP

Logo Web da CP

Estes días estiven traballando no desenvolvemento da Conferencia Política, coa axuda e colaboración de Anxo López. Logotipos, vídeos, planificación, páxina web, redes sociais, etc. E aínda queda. Tal e como explicou Pablo García durante a rolda de prensa de presentación, nesta Conferencia Política terán “protagonismo absoluto as ideas e o Partido”, e as ideas teñen que xurdir non só do documento base que se presente, senón que tamén queremos que as aporten a sociedade galega. Queremos escoitar!!

Para iso, desenvolveremos ao longo dos vindeiros días unha serie de mecanismo aos que os galegos e galegas se poidan dirixir para aportar ideas, para opinar, para colaborar, para debatir, … A través da páxina web da Conferencia (www.conferenciapolítica.com), do correo electrónico (participa@conferenciapolitica.com), dun apartado postal (2007), dun teléfono, e como non, das redes sociais: Twitter, Facebook, YouTube. pero tamén coa presencia física dos e das socialistas galegos na rúa, falando e escoitando á xente.

En definitiva, o éxito desta Conferencia Política depende de vós, da vosa participación. esperamos e queremos que o fagades. E esperamos e desexamos que vos guste o traballo que estivemos desenvolvendo.

AM

abril 22, 2010 at 12:19 am 1 comentario

As barbaridades de Feijóo

Sen dúbida que Feijóo estase a convertir nunha das máximas atraccións do PP en Galicia, e case xa empezan a exportar o produto fóra das fronteiras do noso país.

Neste ano de goberno, o presidente da Xunta regalounos xa varios momentos estelares, dignos dun humorista cutre co que Gayoso, o do Lúar podería contar sen ningún problema. Non hai tema que o bo de Feijóo non tocara, é capaz de facer monólogos sobre a igrexa, a igualdade, o machismo e incluso insinuarse a xóvenes actrices. É un “crack” da interpretación, a verdade é que se no PP tiveran que facer un concurso, sería difícil atopar gañador no xénero do humor; no do drama gañaría sen problema Mayor Oreja.

Pois entre Aznar, cos seus cortes de mangas en directo ao público, e esas poses chulescas; Rajoy que é capaz de darnos tan bos momentos como o exemplarizar a Matas, como de deixalo tirado, ou contarnos eses chistes tan bos con acento de “pshhhh”; a xenial Esperanza, que tanto torea un hospital, como inaugura un toro; Nacho Uriarte, que conta uns chistes de borrachos xeniais; ou, Albertito Feijóo, que é capaz de plantarse no Vaticano diante do Papa coa querida. Menudo elenco para un programa de chistes.

Pero agora o noso presidente, como cando fai “bolos” polas ceas lánzase a decir barbaridades, e non se mide, e é capaz de insinuarse a unha rapaza de “vintepoucos”, invitándoa a tomar copas, e presumir diante de centos de mozos, ao que lle di que vai a ir de festa ata as seis da mañá, e que ao día seguinte non ten pensado traballar; como é capaz de facer eses chistes malos, despois arrepíntese a actúa como censor eliminando vídeos que están colgados na rede coas súas actuacións.

Menos mal que o Galicia Confidencial, que ademais foi o primeiro en sacar a nova (grazas) gardou unha copia, e podemos seguir avergoñándonos do humor negro e machista de Feijóo, dos seus chistes de vello verde, que semella que con dúas copiñas de viño se esquece de quen é e empeza a decirlle babosadas as rapazas mozas.

Menudo presidente nos tocou en gracia, somos afortunados. Ao final ata vai a facer bo a Fraga.

AM

Enlaces á nova:

Galicia Confidencial (2)
Público
Xornal

marzo 25, 2010 at 7:59 pm 2 comentarios

Preparádevos

Que pasará? Este vídeo do PSdeG deixanos coa dúbida de saber que sucederá nos próximos días.

Hoxe empezou a rular este vídeo por Twitter e por Facebook anunciando algo, e non sabemos o que é. Como dicía aquela canción: “Que será, … será?”

Esperaremos entón a que nos sorprendan. Por certo, que pensades que será?

AM

marzo 23, 2010 at 2:58 pm 7 comentarios

SPM 07

Portada do SPM07

Portada do Boletín SPM07

Un novo boletín da Secretaría de Política Municipal sae á luz, e xa van sete!! Neste número contamos cunha nova sección que decidimos chamar “Na Oposición”, e nela intentaremos darvos a coñecer aos concelleiros e concelleiras que se atopan na oposición. Aos homes e mulleres que diariamente traballan por defender os intereses dos seus veciños e veciñas.

Nos últimos tempos vemos como os políticos saen perxudicados en todas as enquisas, e como a sociedade teñen certo de reparo cara eles; pero unha cousa son os políticos profesionais, e outra son os políticos por vocación. Non podemos comparar a Teresa García e Andrés Rey, concelleiros na Pobra do Caramiñal, e protagonistas deste novo espazo, con outros políticos que se adican en exclusividade. Estes viven pegados á rúa, e teñen que escoitar diariamente aos seus veciños e veciñas, coñecen a realidade.

Espero que sexa do voso agrado este novo boletín, e se non o é esperamos tamén as vosas aportacións para melloralo.

marzo 16, 2010 at 7:02 pm 1 comentario

E Puy chateando … !!

Chamádeme raro, pero eu hai certas cousas que non entendo e moito menos comparto. O Parlamento de Galicia celebra dous plenos ordinarios ao mes en sesións de dou días.

Pois resulta que ao deputado do Partido Popular de Galicia, Pedro Puy, e ao seu grupo político non se lle ocorre mellor idea que participar hoxe (10 de marzo) día de sesión parlamentaria nun chat a través da web do PPdeG.

Durante máis dunha hora abandonou o portavoz de economía do PPdeG no Parlamento de Galicia o seu escano para respostar ás preguntas dos afiliados e simpatizantes populares. Pero o bo, é que no PPdeG considérano algo normal, porque, segundo eles: “A ausencia é dunha hora dentro de dous días de pleno. E repetimos que Pedro, ademais, segue o pleno dende o seu despacho”. Tale como me respostaron a través do seu Twitter.

Está claro que aos membros, tanto do PPdeG coma do goberno da Xunta dalle todo igual, e pásanse as institucións polo forro. Ao presidente da Xunta dalle igual que o Papa o reciba como séquito, e levar á súa parella como colaboradora; permítense frivolizar coa igualdade e disfrazar de chacha a un conselleiro; cambiar a toponimia dos concellos galegos e mentirlle ao Parlamento; apropiarse de xeito indebido de cartos de todos os galegos e galegas e recoñecelo publicamente e non dimitir; ou –como agora- abandonar o seu escano, e polo tanto o seu traballo, para ir a participar en actos de partidistas.

Non deixan de sorprenderme, que pode ser o próximo. Só Feijóo noso señor o sabe!!

AM

marzo 10, 2010 at 2:45 pm 3 comentarios

Entradas antiguas


Calendario

octubre 2020
L M X J V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

O meu Twitter

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.