Posts filed under ‘Persoal’
Cambio de sitio: www.blasgarcia.com
Pois si, despois de tantos anos con este blog decidín cambiar de espazo e mudarme a un dominio propio. Coa axuda de Anxo López, el foi o que me fixo a web nova, márchome para o dominio blasgarcia.com. Alí poderedes atoparme sempre que queirades e dicirme o que consideredes, e en función do humor e o día que tivera contestareivos dunha maneira ou doutra. Os que me coñecedes xa sabedes que son un borde por natureza.
Grazas atodos e a todas os que compartístedes tantas cousas aquí, neste blog, e espero seguir contando coas vosas visitas na miña nova web.
Bicos e abrazos
DdC. Madrid, parada e fonda
Fai tempo que non visito estas páxinas do meu blog; a verdade é que agora temos tantas formas para comunicarnos que en ocasións os “frikis” desto das redes non temos tempo de ocuparnos de todo.
O motivo da visita de hoxe ao blog é o de compartir con vós unhas parrafadas é porque, como algúns xa saberedes, vou a instalarme en Madrid durante uns días para facer a precampaña e a campaña cos compañeiros e compañeiras do PSOE. Unha experiencia nova e tremendamente ilusionante para min, que si vos apetece, gustaríame compartir con todos e todas vós; non por nada concreto, sinxelamente por intentar seguir aquel Diario de Campaña (DdC) que inicie na precampaña das eleccións xerais do 2007.
Nesta ocasión os desplazamentos van a ser moito máis longos, e os actos multiplicados por 3 ou por 4 aos que facemos en Galicia, pero, como xa dixen, será unha experiencia interesante e que espero que me sirva para aprender cousas novas para desenvolver no PSdeG (se me deixan).
Saúdos a todos e a todas e espero que nos atopemos por aquí.
De políticos e helicópteros
Paréceme bochornosa a imaxe dos deputados e deputadas cataláns entrando no Parlament en helicóptero. Esa é a imaxe que nos amosa o nivel dos políticos que nos gobernan.
Nun pleno no que CiU ía a aprobar uns recortes no orzamento catalán, debido á crise e á débeda da Generalitat de Catalunya, uns cantos elixidos organizan o seu desplazamento e acceso ao Parlament en helicópteros públicos, polo tanto pagados por todos os contribuíntes; e iso, porque non son capaces de dar a cara e entrar polos accesos normais, como fixeron outros parlamentarios e parlamentarias, que tiveron a valentía de enfrontarse aos manifestantes.
Eu nunca estou, nin estarei dacordo con ningún tipo de violencia; e creo que nesta ocasión os indignados “pasáronse de frenada”, e se queren seguir contando co afecto e o apoio da cidadanía deben de evitar este tipo de accións.
Aínda así, o espectáculo de Mas e os 23 deputados máis (entre o que se atopaba Joaquim Nadal, do PSC) paréceme bochornoso e un síntoma claro de que os políticos (demasiados) non viven na realidade das persoas normais, viven noutro mundo paralelo, no que ademais de ser uns privilexiados (moitos) adoptan esa postura de superioridade e de imprescindibles. NON!!! Non é así.
A política (e os políticos) necesita un cambio, outra mentalidade; necesita xente normal que viaxe en autobús e que pague o sei billete, que conduza o seu propio coche, que pague a súa hipoteca, que teña o seu traballo, …, en definitiva, que sexa normal. E sobretodo, que sepa escoitar e entender o que lle din, que fale coa xente e que acepte as críticas. Joder!! Non é tan difícil, non? Pois parece que si.
AM
SENTIDIÑO!!!
Creo que non queda a menor dúbida de que os socialistas non estamos pasando por un bo momento. Despois do batacazo nas eleccións municipais o PSOE entra nunha situación pouco recomendable para calquera partido a un ano vista das eleccións xerais.
E o peor, é que comezan as discrepancias internas sobre como debemos de afrontar este proceso: se primarias, se congreso extraordinario, se dedazo, … e como sempre (ou case) son os chamados baróns os que opinan sobre este tema, mentres os militantes de base, os que realmente quedamos tocados do lamentable resultado electoral, temos que asistir impávidos a este cruce de opinións que en nada benefician ao noso Partido.
Eu en ocasións, cando contemplo estas situacións creo que os nosos dirixentes viven nun mundo paralelo (ou para lelos), porque son incapaces de entender á xente común, ao votante que se expresan cando lle toca cunha papeleta. Aínda foron incapaces de entender que o tsunami ou marea azul non é máis que un rexeitamento a unha situación moi concreta que os nosos dirixentes non foron capaces de xestionar. Está claro que debemos de dar novamente un xiro á esquerda, porque para aplicar políticas de dereita e liberais xa están os que teñen a patente.
Realmente pensan os dirixentes do meu Partido que aos votantes (é decir ás persoas) lles preocupa si congreso ou primarias? A xente normal quere solucións con rapidez, non quere asitir a unha obra de teatro onde os actores principais semilla que están máis preocupados por manter o seu status orgánico e institucional que por axudar a resolver os problemas que de verdade ten o meu Partido.
Desde este espazo, e como militante e dentro da miña libertade e usó pido SENTIDIÑO.
En primeira persoa
Puf!! Levo case un ano sin escribir nada no blog!! E non é porque non teña cousas que decir ou que contar, moitas. Pero a verdade é que esto do blog vai quedando un pouco atrasado, xa que co Facebook ou co Twitter cumples todas esas gana de decir algo, e ademais falo no momento e dunha maneira máis rápida e doada.
Aínda que vos vou a confesar que levo varios meses dándolle voltas á idea de cambiar o blog e adaptalo á realidade actual.
Pois hoxe douseme por entrar por aquí para contarvos que estamos en eleccións, -non sei se vos destes conta- e que xa estou canso de percorrer Galicia. Esta campaña estáseme facendo moi dura. Seguro que algúns pensades: “é pola idade”. Pois non, non é por iso, é por … bueno, xa o contarei outro día.
Realmente, ademais da comunicación con vós, quería falarvos do derradeiro proxecto da factoría das ideas da rúa do Pino; neste caso foi Anxo López, colaborador habitual, o que tivo a idea de Galicia en primeira persoa. Este proxecto que rematamos onte (15/05) consiste na visita a distintos concellos de Galicia para presentarvos a moitos candidatos e candidatas do PSdeG, 121 en total.
Durante un mes dous equipos formados por Víctor e Anxo, e Diego e eu; axudados e coordinados por Eva, percorremos as catro provincias galegas localizando e gravando aos candidatos e candidatas. Foron moitos quilómetros de carretera, moitas horas de coche e moitos “gigas” de imaxes, … pero tamén foron moitas anécdotas. E o mellor foi coñecer a tanta xente do PSdeG, e poder charlar con eles e coñecer a fantástica labor que fan moitos alcalde e alcaldesas socialistas, que manteñen un contacto diario cos seus veciños. Lémbrome agora de Chisco, o alcalde de Corcubión, que ten o número do seu móbil na porta do concello para que a xente poida falar con el cando queira. Lébrome tamén do día que Diego e eu fomos a gravar a Paula de Silleda, e non paraba de vir xente a falar con ela constantemente; lembro o entusiasmo co que Fran de Piñor nos ensinaba todas as obras que leva feitas e nos levou a visitar a antiga fábrica de papel ao carón do río Arenteiro, para explicarnos o que pensaban facer alí.
Xa vos digo que foron moitos días e moitas vivencias para desenvolver un proxecto, que segundo a miña opinión –non é obxectiva- é innovador, fresco e con IMPACTO, e sobretodo que sirve para que podades coñecer a moitas persoas que forman o Partido Socialista e que suelen ser anónimos para a maioría das persoas; porque, afortunadamente, o PSdeG compóñeno milleiros de persoas que traballan a diario e que cren en que no socialismo e no que representa; persoas que non só non gañan un peso, senón que poñen cartos do seu bolsillo, por esas persoas é polas que paga a pena ser socialista e traballar día a día, … pero non me enrollo máis, só vos recomendo que lle botedes un ollo á web de Galicia en primeira persoa e que coñezades a unha mínima representación dos homes e as mulleres que forman esta gran casa.
Tivemos sorte
Eu traballei na loita contra incendios, eu fun o que chaman brigadista. Foi alá polo ano 1995, e tras anotarme para traballar os meses de verán, chamáronme para realizar as tarefas de extinción de incendios … A historía é bastante máis longa, pero hoxe non é o día de contar os chanchullos e “favores” que mediaron en todo isto.
No mes de xuño chamáronme a Noia (era onde tiñamos a central) presentáronse aos meus compañeiros, explicáronnos un pouco o que tiñamos que facer, e ao día seguinte ao lume. Así foi a cousa, tal cual. Nin un triste cursillo, nin unhas ensinanzas básicas de que facer ante as lapas.
Provistos dunha funda, unhas botas e uns “batelumes” marchamos no Nissan Patrol alugado a patear os concellos asignados á nosa circunscripción. Noia, Outes, Lousame, Rois, Negreira, Ames, Brión, Val do Dubra, A Baña, Dodro e Padrón. Nalgúns concellos non estivera na miña vida.
Afortunadamente, os incendios fortes (ese ano foi un dos que máis ardíu) non empezaron ata mediado o mes de xullo, co cal tivemos algo máis dun mes para patear a zona que nos tocaba cubrir. Percorremos montes, pistas, lugares de estanques de auga; fomos a todos os concellos a pedir mapas do seu territorio, controlamos os sitios máis altos, etc.
Avanzados o mes de xullo chegounos un casco, unhas gafas e unha mascarilla, … Xa estabamos preparados para ir a loitar contra o lume. Xa tiñamos todo o equipamento, xa coñecíamos o terreo, …, xa eramos uns profesionais!! Nin moito menos. Non tiñamos nin idea do que era o lume, de cómo se comportaba un incendio, de como tiñamos que actuar, etc. Éramos un obxectivo fácil para o enemigo, pero, o peor é que o éramos nós e o resto dos nosos compañeiros con máis experiencia.
Ao final, afortunadamente non pasou nada, traballamos moito, e no mes de outubro deixamos o traballo por remate de contrato. Tivemos sorte!!
Con este post pretendo dar a coñecer as condicións coas que os e as brigadistas acuden ao monte na época máis perigosa do ano. E despois din que “…tiñan unha longa experiencia como brigadistas”. Vaia por Deus!!, porque participaron en cinco e sete campañas de extinción de incendios!!. O triste é que sempre ten que morrer alguén para que collamos conciencia do que está acontecendo. Unha mágoa!!
AM
Hipocresía
Gústame leer e/ou escoitar a algunhas persoas que alzan a “voz” en público para opinar sobre a igualdade e o machismo, erixíndose en arietes contra o machismo ou sendo as primeiras en agarrar o mástil da bandeira da igualdade. Pero que, despois, en privado, non lle trema a voz nen teñen dúbidas en chamarlle lerdas ou ignorantes a outras mulleres que non coñecen de nada, ou atrévense a xulgalas polo seu físico.
Pero esta sociedade é así, plagada de hipócritas e fariseos/as, que por diante teñen unha careta, e por detrás non son máis que inquisidores/as e resentidos/as.
AM
Unha humilde homenaxe
Nunca destaquei polas miñas aptitudes nin para o baile nin para a canción. Aínda que sempre disfrutei escoitando aos bos (e boas) cantantes, e vendo aos bos (e boas) bailaríns. Pero poucos e poucas fixeron o que fixo Michael Jackson, que foi misturar unha estupenda voz cun manigfico xeito de moverse.
Gustábame tanto Michael que tiña a habitación chea de posters (foi do único que os peguei), e que tiven un dóberman que lle puxen de nome Michael; pero tamén vos contarei que na intimidade imitaba os seus bailes e as súas cancións, e os que me coñecedes podedes imaxinarvos a escena … eu botando gritiños: uaahhhh!! e dando voltas, e levantando a perna, e cantando: «is clous tumí nai, a sanzin ivos sunorkin in de dark …». MJ durante a miña xuventude foi un ídolo, un dos poucos dos que poido decir que fun “fan”.
Non vos vou a volver a contar outra vez a historia de Manolo Casais ou Josecho, porque xa o fixen fai case u ano, pero si vos vou a decir que Jacko ben merece unha lembranza nun día coma hoxe, no día no que nos deixou o máis grande, … no día en que nos reixou o Rei do pop.
AM
A Odisea de dar un alta en (Telefónica) Movistar
Non fai moito que Telefónica decidíu cambiar o seu nome comercial polo de Movistar. Segundo parece, entre outras causas, porque a marca Telefónica estaba moi desprestixiada, e en cambio á de telefonía movil pásalle todo o contrario, é unha marca ben valorada polos seus usuarios e usuarias.
Eu desde primeiros deste mes, concretamente desde o día 2 de xuño, estou intentando dar de alta en Telefónica-Movistar unha liña nova con ADSL, e podo confesarvos que ata o día de hoxe resultoume unha auténtica odisea. E atópome en disposición de afirmar con rotundidade que poden cambiar o nome da marca, pero non a prepotencia dos operadores/as do servizo técnico e moito menos a nefasta xestión comercial da empresa.
Podía detallarvos a infinidade de problemas que tiven desde fai case vinte días, e sobretodo as mentiras que esta empresa de telefonía me leva contando, pero voume a centrar en tres detalles para que comprobedes como “funcionan”.
Día 2 de xuño. O día da alta.
Para solicitar a alta non houbo ningún tipo de dificultade, pedíronme os datos que eu amablemente lles facilitei. Tiven certas dificultades para darlle a dirección, xa que a operadora que me atendeu non era española (deduxen polo seu acento) e custáballe entender nomes como: Rúa, Lavadoiro, Ortoño ou Ames; para atopar o concello botou preto de dez minutos, xa que ela me entendeu que o nome do concello era “Deames” e non o daba atopado … Son cousas que pasan, un erro teno calquera. Preto de vinte minutos despois conseguimos tramitar a alta.
Presuntamente tras chamarme o servizo técnico (que o fixo no mesmo día) tardaría entre 5 e 8 días.
Día 14 de xuño. A amable operadora
Deixei pasar máis dunha semana, e ao non ter máis novas da alta de liña e da ADSL volvín a chamar ao 1004. Tras a espera oportuna escoitando mensaxes publicitarias da marca, cólleme unha operadora. Explicolle que levo varios días esperando que me chamen e … A operadora pídeme os datos e pregúntame se estou noutro operador, contéstolle que non e ela dime que alí cónstalle que si.
Tras un breve debate sobre si estou ou non con outro operador de telefonía, e cousas sen interese a amable operadora dime que me tiveron que chamar xa do servizo técnico para informarme dunha incidencia. Eu pregúntolle a que número me chamaron, e dime que non o sabe, pero que cree que ao do outro operador … PERO SE NON TEÑO TELÉFONO NOUTRO OPERADOR!!.
Que si, que vale –dime a amable operadora- pero que se quero que me tramita outra nova alta e que teño que esperar outros 5 ou 8 días. Eu dígolle que non entendo como pode pasar iso, e pregúntolle cal é a incidencia. Ela dime cunha chulería impresionante … que lle conteste se quero que me tramite a alta, ou senón que me colga, eu que non acabo de entender a súa actitude, reitero a miña protesta e a amable operadora … CÓLGAME O TELÉFONO!!
Ese mesmo día e tras consultar no Facebook, Twitter, etc. a maioría das persoas dinme que Telefónica-Movistar é a empresa de telefonía que mellor servizo da. Polo que volvo a chamar e aténdeme un operador que me abre unha incidencia e dime que o que pasaba era que me faltaban algúns datos (entre eles o número de conta), pero que ao longo desa semena chamaranme do servizo técnico.
Día 21 de xuño. O desenlace
Antes desta chamada, volvín a poñerme en contacto co 1004 para informarme e sempre me decían o mesmo: “En los próximos días le llamará un técnico para instalarle el servicio solicitado”.
MENTIRA, MENTIRA E MENTIRA!! Non me chamou ninguén. Por iso hoxe volvo a chamar, e tras dúas chamadas previas, ás que unha me colgou despois de terme en espera, e outra se cortou. Por certo, contareivos que para acceder a través do 1004 tes que “introducir o número sobre o que quere realizar a consulta” (pídeche a grabación telefónica. E digo eu, se queres dar unha alta de liña nova, que número introduces?. Eu para que me atenderan “introducía” o de meus pais.
Pois como vos contaba, na terceira chamada do día cólleme un operador que me pide os datos e despois de estar en espera varios minutos dime que NON ME PODEN INSTALAR A LIÑA POR AGORA!! Como? –dígolle eu, tranquilo, pero enoxado. Si porque non sei que problema hain a centraliña, que non hai pares ou algo así, e que ESTOU EN LISTA DE ESPERA.
Mirade, non me queda máis remedio que estar en lista de espera para que me atenda un especialista no SERGAS, que remedio!! Pero, para contratar unha ADSL!! Nin de coña!! Que lle dean polo … a Telefónica, a MoviStar, a Alierta e a quen corresponda, pero este menda non está en lista de espera para unha ADSL. Será por operadores de telefonía, aos que só lles pido que non me engañen, que me digan a verdade.
Pois eso, que xa estou explorando outras alternativas. Eso si, teño que romper unha lanza na defensa das persoas que xestionan @movistar_es en Twitter, xa que amosaron interés en axudarme e solucionarme o asunto, pero pouco pudieron facer porque tampouco a eles lle facilitaban información.
A censura da Cadena SER
Fai uns día Daniel Anido, Director da Cadena SER, e Rodolfo Irago, Director de informativos da mesma cadea, recibiron o premio José Couso á liberdade de prensa. Este premio vén dado pola condena dun xuíz de Madrid a penas de prisión e inhabilitación para o exercicio da profesión xornalística por revelación de segredos tras facer pública unha lista de afiliacións irregulares ao PP de Madrid.
A Cadena SER empezou desde ese día unha campaña de apoios aos dous xornalistas, nas que unha infinidade de persoeiros público e privados se puxeron do lado da liberdade de prensa, e polo tanto de Anido e Irago, xa que ambos a simbolizaban nese intre.
Non fai moitos días, creo lembrar que o pasado martes día 11, o recén premiado Daniel Anido inicio una Cadena que dirixe unha campaña de persecución e censura contra toda persoa que queira manifestar unha opinión sobre Paco González, un compañeiro de profesión (Director do Carrusel Deportivo durante 18 anos) e de emisora.
Segundo as informaciónns aparecidas, ambos mantiveron unha forte discusión por non coincidir nunha serie de criterios na programación da Cadena SER de cara ao vindeiro mundial, discusión que rematou en insultos e coa apertura de expediente disciplinario e suspensión de emprego e soldo contra Paco González. Desde ese momento houbo unha orde de Anido (secundada polo xefe de Deportes José Ramón de la Morena) para que ninguén en antena citase ao compañeiro expedientado. Pola súa parte nas redes sociais, unha vez se deu a coñecer o acontecido con Paco González empezou a medrar a onda de apoio e solidaridade co xornalista, organizándose grupos de apoio en Facebook, Tuenti, comentarios en Twitter e ata webs que piden a súa volta.
Pero o peor de todo esto é a censura imposta nesta cadea de radio, que ata o de agora enarbolaba a bandeira da liberdade de expresión e da imparcialidade. Os compañeiros de Paco González no Carrusel celebrado o mércores non podían falar so seu antiguo xefe, e a emisora decidiu censurar e prohibir calquera comentario dos ointes (mediante chamadas, mensaxes, foros, etc) que se referisen a Paco González. A censura da Cadena SER e de Daniel Anido chegou a cortar no podcast entrevistas (como a de Gerard Piqué) porque facían unha mención ao xornalista.
En conclusión, que a actitude amosada polos directivos da Cadena SER é realmente vergonzosa e totalmente repudiable, e máis a censura aplicada por Daniel Anido, un xornalista do cal se descoñecen os seus méritos profesionais, pero que como xefe non deixa de ser un mero inquisidor.
Eu, que son ointe habitual da Cadena SER desde fai moitos anos, teño que manifestar a miña decepción e dor, especialmente polo camiño que está a tomar esta empresa que deixa de atender aos seus ointes, de facerlles caso, só para ver cumplidos os egos dos seus mediocres directivos, os cales prefiren poñer unha venda nos ollos.
Un ejemplo é que agora mesmo o Grupo de apoio a Paco González en Facebook ten 88570 seguidores (desde o pasado mércores), máis do doble que o de Carrusel, El Larguero ou a propia Cadena SER. E a cousa na rede segue medrando.
Eu quero rematar dicindo, ánimo Paco, e viva a Liberdade de Expresión.
AM
Comentarios