Pois si, despois de tantos anos con este blog decidín cambiar de espazo e mudarme a un dominio propio. Coa axuda de Anxo López, el foi o que me fixo a web nova, márchome para o dominio blasgarcia.com. Alí poderedes atoparme sempre que queirades e dicirme o que consideredes, e en función do humor e o día que tivera contestareivos dunha maneira ou doutra. Os que me coñecedes xa sabedes que son un borde por natureza.
Grazas atodos e a todas os que compartístedes tantas cousas aquí, neste blog, e espero seguir contando coas vosas visitas na miña nova web.
Xúrovos que me está entrando un complexo de vago terrible. Cada vez que entro no Google Reader, onde teño «fichados» a todos os blogs de xente do Partido e das Agrupacións, entrame unha «depre» terrible.
Hai compañeiros e compañeiras que actualizan os seus blogs case a diario. Buffff!!!. E eu non son capaz de actualizalo con cousas serias nin unha vez á semana. Son un vago!?
O traballo ocúpame todo o día -como é lóxico-, e pola noite estou tan farto de ordenador que non poido nin achegarme a el. No traballo subo vídeos, fago e maqueto boletíns, actualizo as redes do PSdeG, …, varias cousas. E claro, cando quero facer algo teño os dedos e o cerebro entumecidos.
Bahh! que non me enrollo máis. Que si, que seguramente serei un «cibervago», pero tamen vos digo unha cousa: hai persoas que moito tempo libre teñen.
E xa van once. Como pasa o tempo!!. Outro 30 de marzo no que lembrar aquela mañá en Santiago, o despacio que pasaban os minutos, o sufrimento e a espera. Pero non cabe dúbida de que valíu a pena. Só hai que vela, mirala, e ver cando se ríe.
Din que é coma min, e pode ser, parécese moito. O seu carácter, os seus xestos, os seus silencios, …, si parécese moito a min.
A canción é para ti, que sei que che emociona, e que che trae recordos. A min tamén, …, e moitos.
Sabes que sempre estarei ao teu lado, e que … que che quero.
Mañá fai unha semana que non probo o Ducados. Algo incrible, especialmente para os que están comigo todos os días, xa que creo que ningún deles pensou que puidera aguantar tanto. Eu tampouco, a verdade!!.
Teño que confesarvos que o primeiro e o segundo día paseino mal, Fernando conta por aí que estaba moi irascible. Mentira!!. Pero o que si é certo que houbo algúns momentos que sería capaz de fumarme unha folla dunha planta das que hai polos despachos do Pino. Confesareivos tamén que Eva ten un Ducados gardado por si algún día me da o mono, e necesito unha dose urxente de nicotina, grazas!!
Pero o problema de deixar de fumar é que case gasto máis en caramelos de eucalipto que no propio tabaco, e como me dixo alguén estes días –non me lembro quen foi-: “agora respiras de marabilla, pero vaiche a subir o azucre no sangue”; e é certo, esta semana, entre os caramelos de eucalipto e a abstinencia de nicotina teño os pulmóns abertos a tope.
Non sei o que aguantarei sen volver a caer no vicio do Ducados, aínda que espero que sexa por moito tempo, a última e única vez que o intentei estiven once meses. Tamén sei que non é doado, e sobre todo agora que empeza a pre campaña e a campaña electoral, pero por intentalo que non quede.
Contareivos tamén que a mellor frase que levo escoitado ata o de agora sobre a miña rehabilitación foi de Nerea, a miña filla pequena, que cando llo dixen dille en voz alta a meu pai: “papi deixou de fumar!!, como dirían os italianos, mamma mia!!”.
Lendo hoxe La Voz de Galicia atópome cunha entrevista a José Luis Prieto, un blogger nado en Madrid pero que recentemente adoptamos como galego, xa que se veu a vivir a Bertamiráns coa súa familia.
O blog de José Luis é o máis visitado de toda Galicia e o octavo de toda España –segundo o raking de Wikio– no apartado de política, por diante de algúns tan importantes coma o de Pepe Blanco, Juan Carlos Escudier, Luis Solana ou Iñaki Anasagasti –tan popular ultimamente coas súas opinións sobre a monarquía-. Aproveito para indicar tamén que a miña humilde bitácora ocupa o posto 65.
O motivo deste post é para, ademais de para felicitar a José Luis polo seu blog, para darlle as grazas polo que comenta nesta entrevista sobre o meu blog:
“La bitácora de Blas García, secretario general de Barbanza es buenísima, es muy crítico y políticamente incorrecto”.
Entenderedes que é unha honra que alguén comente algo semellante, porque como diría o monarca de todos os españois “me llena de orgullo y satisfacción”. De agora en diante procurarei sendo politicamente incorrecto, e intentarei non defraudar a ninguén.
Xa fai un ano que empecei con esta aventura do blog, o 25 de novembro do pasado ano colguei o meu primeiro post, e desde aquel día logrei manter unha actividade que nin eu mesmo me imaxinaba que podería desenvolver; a verdade é que dubidada que puidese aguantar tanto, xa que eu son dos que acostumo a cansarme rápido, pero nesta ocasión teño que confesarvos que esto do blog chegoume a enganchar ata tal punto que diariamente acudo a visitar este espazo persoal que posúo na rede.186 posts e 547 comentarios, 57.339 visitas e un máximo de 2.033 nun só día, un dos meus post apareceu na portada de La Voz de Galicia, ademais de no Xornal.com, en Vieiros, no Galicia Confidencial, no Chuza, etc. Aínda que todo isto está ben e serve para subir o ego, o máis importante e o que máis valoro destes 365 días na rede e saber que hai persoas que che seguen a diario, que len e opinan o que escribes, que fas amigos e compañeiros de opinión, e en definitiva, que sempre hai alguén ao outro lado do portatil.
Comentarios