Posts tagged ‘Fútbol’
Un premio ao traballo
Xavi Hernández é un deses xogadores que non pasa desapercibido nun campo de fútbol, pero que non chega nunca á categoría de crack. É un futbolista humilde, calado, …, un currante con clase que pasa desapercibido durante un partido, porque son outros os que levan os trofeos, os parabéns e saen nas fotos. Pero que cando non xoga todo o mundo o bota en falta, xa que na engranaxe do motor do equipo unha parte importante non está.
Xavi xoga para o equipo, é deses xogadores que é capaz de facer estrelas a outros, porque é o que dá o último pase para que o dianteiro meta o gol que o levará á fama, é o que canaliza, dirixe e distribúe o xogo para que todo o equipo sexa capaz de gañar os partidos.
Pero de vez en cando alguén é capaz de recoñecer e valorar o traballo de persoas como Xavi, e danlle un premio. Por iso, que o xogador de Tarrasa fose recoñecido como o mellor futbolista da Euro2008, non é un premio só para el, tamén o é para todos os que son como el.
Xavi non vende camisetas, nin ten contratos publicitarios millonarios, pero el xoga ao fútbol. Bravo Xavi!!
Adeus á Copa

Non sei que lle pasa a este Barça!!. Hoxe os barcelonistas sufrimos a nosa enésima decepción esta tempada, porque este equipo non acaba de arrancar. Eu, alomenos, levo desde o comezo esperando que o xogo mellore e empecemos a gañar, pero nada de nada, cada partido é unha pequena desilusión.
Esta vez foi en Valencia, coa resaca das fallas o equipo que dirixe Koeman e Bakero –dous ex barcelonistas ilustres- acabou por prenderlle lume ao “ninot” blaugrana. Nin Eto’o, nin Puyol, nin Valdés, nin Milito, nin Xavi, nin Iniesta, …, ningún estivo á altura das circunstancias e sucumbiron ante un equipo mediocre que está dando máis que falar polo espectáculo extra deportivo que polo seu xogo.
Cada vez que vexo un partido do Barça lembro con nostalxia a aquel equipo que daba espectáculo, que presionaba e atacaba con orden, e que transmitía unha maxia especial; agora só vexo un grupo de xogadores sen ideas, sen clase, que semella que estean aburridos ou cansos de xogar ao fútbol. ¡¡Canto boto de menos ao Dream Team!!
E a pesares de todo o FC Barcelona ata hoxe aínda aspiraba a gañar tres títulos, pero de seguir así, de non xurdir unha milagre as vitrinas do museo do Nou Camp van a quedar como estaban.
Comentarios