Posts tagged ‘Goberno’
Fumar ou non fumar? Mellor non facelo!!
Eu son exfumador. Desde fai quince meses deixei de queimar Ducados; sobre dous paquetes consumía diariamente, en función dos nervios e do nivel de “stress”. E teño que confesarvos que é algo do que máis satisfeito me sinto, de ter a forza de vontade suficiente para poder aguantar todo este tempo sin levarme un pitillo á boca e, sobre todo, de non botar nada de menos ese horrible vicio.
Que gañei con deixar de fumar?. Pois máis saúde, un aforro económico importante (máis de 1500 euros ao ano), recuperei sentidos que antes tiña atrofiados: o gusto e o olfato, …, en definitiva, que deixar de fumar son todo vantaxes.
Teño que decir tamén, que eu non son agora un deses exfumadores talibáns, que non poden ver o tabaco e que non insultan e persiguen aos fumadores; non, para nada!! Pero, si teño que decir que apoio e respecto a prohibición total de fumar en lugares públicos, pero por unha sinxela razón: os fumadores son unha tremenda minoría (o 30% da poboación). E polo tanto, non é lóxico que os fumadores poidan campar ás súas anchas e reivindicar o seu dereito a fumar con total liberdade e impunidade.
Creo tamén, que a escusa dos representantes da hostelería non ten base, e carece de toda lóxica e razón. Resulta que estes poñen como escusa que con esta nova lei van a perder a súa clientela e moitos locais de hostelería terán que pechar, co cal se incrementará enormemente o paro; o mesmo que dicían fai catro anos, e por certo, por onde eu vivo non pechou ningún local hosteleiro por mor da prohibición de fumar. Ademais, todos e todas sabemos como aplicaron a legislación antitabaco a maioría dos locais hosteleiros: cunha permisividade total cara os fumadores. En cantos sitios que había o cartel de sitio sen tabaco deixaban fumar? En demasiados.
Lembro un día que fun a cear a Vigo coas miñas fillas (5 e 10 anos daquela) e nos sentaron nunha mesa ao carón dunha columna da que colgaba un deses carteis que poñían que non se podía fumar, e se había menores de 16 moito menos. Pois a realidade é que na mesa había cinceiros, e que podíase fumar con total liberdade, …, ata o camareiro che daba lume.
Remato, e digo que o que queira fumar que fume, pero que respecte aos que non queren respirar o seu fume. A liberdade dun remata onde empeza a dos demais. E quero darvos un consello aos fumadores: intentade deixar de fumar, custa traballo, moito, …, sobretodo os primeiros quince días. Pero vale a pena. E se necesitades axuda, aquí estou!
AM
Machismo puro e duro
Antonio Burgos, columnista de ABC
«¿Les parece poco que una flamenquita llegue a ministra del Batallón de Modistillas de ZP?»Juan Manuel de Prada, columnista de ABC
«Para abastecer su gabinete de tías, Zapatero ha buscado debajo de las piedras»Federico Jiménez Losantos, axitador social
«No sé qué habrá hecho Bibiana. Como no haya ganado algún torneo de peteneras».
Iñaki Ezkerra, columnista de La Razón
Nombrar a Aído parece «del Gran Hermano, no sé bien si orwelliano o televisivo».Grupo de Estudios Estratégicos. Chiringuito de opinión fascista
¿Puede un ministerio como el de Defensa ponerse en manos de quien probablemente cogerá la baja dentro de pocos meses?
O nomeamento do novo goberno por parte de José Luis Rodríguez Zapatero trouxo infinidade de comentarios, como non podía ser doutro xeito; e, comentarios de todo tipo e todos –ou case- respectables, xa que cando un fala de nomes e de persoas as opinións sempre son diversas. Antón Losada dicíao onte no programa 59 segundos: “… en cada español hai un seleccionador nacional ou un presidente do goberno …”.
Pero o que non é nin respectable nin moito menos tolerable son certos comentarios tremendamente machistas que veñen de persoeiros indignos que se atreven a xulgar a varias das novas ministras non polas súas cualidades ou a súa valía, senón polo simple feito de ser muller, e algunha ata a xulgan por ser xoven.
A calidade moral e a falla de argumentos destes misóxinos e trasnoitados opinadores da dereita máis rancia queda patente nos seus absurdos e ofensivos comentarios, que nos amosan aos típicos “chuloputas nun puticlú de carretera”. Ao mellor pretendían ser graciosos, ou orixinais pero estes “cultos” homes amosan por un lado a súa baixeza, e pola outra o servilismo cara aqueles que os alimentan.
Pero tampouco se podía esperar moito máis destes “machos” que se xa con anterioridade lle lanzaran todo tipo de “eloxios e cariños” a Soraya Sáenz de Santamaría cando Rajoy a nomeou portavoz do PP
Comentarios