Posts tagged ‘Muxía’
Un aniversario especial
Lembro aquel blog que atopei por casualidade fai hoxe xustamente un ano, e no que unha muller de 95 anos nos contaba historias sobre a súa longa vida. Durante este ano tanto Mª Amelia como o seu blog viviron unha chea de acontecementos e novidades, desde varios premios e recoñecementos de prestixio ata innumerables aparicións en medios de comunicación de diferentes países.
Eu creo que nin Mª Amelia, nin Esteban –o seu neto e o que lle regalou o blog- se imaxinaron nunca semellante éxito, pero as case un millón de visitas e os seus millerios de netos –como ela os chama- fixeron que a avoa de Muxía fose capaz de vivir e desfrutar dunha segunda xuventude.
Eu non quero deixar de felicitar a Mª Amelia polo seu noventa e seis aniversario, e polo “aniño” que cumpriu o seu blog, e desexarlle que continúe a darnos moitos máis instantes memorables coa lectura das súas historias.
¡¡Felicidades!!
Xuntos por Galicia
A verdade é que este vídeo vén cuns días de retraso, pero nunca é tarde para lembrar os erros cometidos no pasado.
Este vídeo foi proxectado no V aniversario do afundimento do Prestige que organizou a Fundación Iniciativas 21 en Muxía, e á que asistiu, entre outros, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; e no que participou tamén o cantante Jorge Drexler.
O vídeo é moi bo e amosa en poucos minutos o traballo, a loita e a unión dun pobo.
Mª Amelia: noraboa e moitas grazas
O 26 de decembro do pasado ano dando un paseo polo Chuza descubrin unha nova na que falaban dunha señora de Muxía que acababa de cumprir 95 anos e o seu neto lle regalara un blog, a miña curiosidade ante unha nova tan extrana levoume a visitar este espazo na rede, e quedei tan sorprendido e tan namorado das historias de Mª Amelia que non dubidei en poñer un post no meu blog –creo que fun dos primeiros-. Pero o efecto “amis95” empezou a correr como a polvora por este incrible mundo da rede, e aos poucos días a avoa de Muxía xa formaba parte dos xornais de toda España, dos informativos e outros programas da televisión, e concedía entrevistas nas radios; un fenómeno que nos indica a forza que ten internet, e como unha nova anecdótica e singular pode convertirse nun fenómeno a nivel mundial.Ademais de en España, tamén en Italia, Alemaña, Reino Unido, Holanda, Bélxica, Rusia, Croacia, …; ou en países x amáis alonxados como Argentina, Brasil, Estados Unidos, Chile, India, Australia ou Xapón se fixeron eco da avoa blogueira. Polo que o seu blog e a súa autora pasaron a ser coñecidos nos cinco continentes e a recibir unha media de máis de 2000 visitas diarias.
Mª Amelia sempre se amosou sorprendida con todo este éxito mediático, e desde a súa sabiduría e experiencia reclamou incesantemente o necesario e útil que é internet, e anima aos pais a “compren el Internet para los niños”, e anima aos maiores a que “lo compren y les digan a sus hijos o sus nietos que les enseñen”. Non cabe dúbida de que a avoa cibernáutica, como a chaman os seus netos da rede, este ano foi moi especial, e cambioulle bastante a vida, tal e como ela afirma: “Internet fue lo que mejor me pudo pasar, porque yo necesitaba amigos para pasar el rato y ahora estoy muy acompañada, muy respaldada. Son tantos los que me escriben… ¡Estoy contentísima!. Me siento muy querida.”
Pero o colofón a todo este ano remata –polo de agora- co galardón nos premios BOBs ao mellor blog en castelán. Un premio que é merecido pola frescura que Mª Amelia lle aportou á rede, e porque coas súas historias e as súas reflexións a moitos nos enganchou e nos fixo ver que internet non ten idade, e moito menos límite. Nos demostrou que con ganas, interese e dedicación unha persoa, teña a idade que teña, pode ser tremendamente útil e necesario para moitas persoas.
Tamén existen internautas que critican que se lle concedese este premio a Mª Amelia, e os seus motivos terán e son enormemente respectables, pero a rede e os blogs afortunadamente non é un recuncho exclusivo para profesionais das novas tecnoloxías, e a revolución e o que significou Mª Amelia ben merece este premio e outros que de seguro lle chegarán.
Mª Amelia, só dicirche unha cousa, felicidades e moitas grazas polos bos momentos que me fixeches pasar lendo o teu blog, e polos que de seguro vou a seguir pasando.
Comentarios