Posts filed under ‘Medios de Comunicación’

Aminatou e o foco mediático

Desde logo que non vou a ser eu o que lle quite méritos –faltaría máis- a Aminatou Haidar. Hai que recoñecer que é unha loitadora, un exemplo a seguir para todos e todas.

Pero, eu creo que todo o asunto que está acontecendo agora estase a desmadrar u pouco, e penso que ocurre esto porque os medios de comunicación colocaron o seu foco informativo sobre Aminatou, e como non hai máis carnaza informativa fai que todo xire ao seu redor. Sen dúbida esto é moi bo para a causa saharaui que ela defende; e é un tremendo erro que está a cometer o pobo marroquí, xa que está a permitir que se fale en todo o mundo dun tema que a eles nada lles convén, e sobre todo que a están a convertir nunha mártir.

A min o que me sorprende de todos estes días –hoxe fai un mes- é a enorme popularidade adquirida por esta muller, que se convirteu nunha atracción na que non pasa un día na que non haxa político, actor, escritor ou famosillo que se achegue a Aminatou para sacarse unha foto ao seu carón. Nestes días vimos espectáculos tales como que os republicános pedían a intervención do Rey Juan Carlos ou a políticos como Rosa Díez –pouco amiga do protagonismo- que se convertía nunha especie de Isabel Gemio; en definitiva unha especie de esperpento mediático nalgúns casos.

Desgraciadamente os humanos temos unha memoria débil, e lembrámonos do que queremos en función de se nos interesa. E a min, dame moita pena que agora esta muller e causa pola que loita sexan portada de todos os informativos e todos debamos de ser solidarios. Pero tamén me lembro dun tal chaval de 25 anos, chamado Diego P.V. ao que todos quixemos linchar por ser o asesino e violador dunha nena de tres anos. Os medios de comunicación xulgárono e condenárono, e todos e todas lle fixemos seguidismo e aplaudiamos o linchamento público ao que foi sometido; pero despois demostrouse que non era certo e o asesinato resultara unha caida accidental e da violación non había probas. E Diego P.V. pasou das portadas ás colas dos programas, e ningún xornalista lle pediu perdón, e ningún político, actor, escritor ou famosillo se achegou a este xoven de 25 anos para solidarizarse con el polo dano que lle causaron. Quince días despois xa ninguén se lembra de Diego PV?.

Aínda que os casos son distintos, eu espero que a Aminatou Haidar non a deixen soa cando os medios de comunicación decida apagar o seu foco mediático, e os buscadores de protagonismo localicen outro branco sobre o que “revolotear”

AM

diciembre 15, 2009 at 7:15 pm 3 comentarios

Os «Perros Ovejicidas» de El Correo

El Correo Gallego

O de El Correo Gallego é como para facer un anecdotario de titulares, polo menos graciosos e orixinais. Se a semana pasada titulaban “La Policía esposa en el mercado de Amio a un octogenario con una oveja”, esta sorpréndennos co ataque duns cans «ovejecidas» que ademais deben de ser ateos, porque intimidaron ao cura.

O titular, que podedes ver na imaxe, di o seguinte: Los perros ‘ovejicidas’ de Figueiras huyen de nuevo e intimidan al cura

Vos valoraredes este soberbio titular, digno de estudio -e premio- dentro do mundo xornalístico e literario. Por certo, o adxetivo «ovejicida» non está contemplado no Diccionario da RAE, polo que estou pensando en crear un grupo no Facebook para que acepten este termo.

AM

noviembre 12, 2009 at 11:44 am Deja un comentario

A Policía, o vello e a ovella

Non é novo que El Correo Gallego titule ás veces as súas novas dunha maneira un tanto sensacionalista, e en ocasións de tal xeito que as novas levan a confusión, ou fai falla leelas varias veces para poder entendelas ben.

Nesta ocasión titula: «La Policía esposa en el mercado de Amio a un octogenario con una oveja»; e a verdade é que non de primeira lectura dá a impresión de que os esposan aos dous, ao vello e ao animal. Que farían os dous polo mercado para ter que intervir a Policía??, pregunteime.

Unha vez que se lee a nova en profundidade, xa se observa a realidade.

AM

octubre 29, 2009 at 12:17 pm Deja un comentario

U-lo coche de Touriño?

Neste luns de resaca electoral venme á memoria a campaña das pasadas elecciónns autonómicas; a fantástica, a limpa e pulcra campaña desenvolvida polo PPdeG e Feijóo.

Pois si, hoxe véñenme lembranzas do coche de Touriño, o famoso coche do Presidente da Xunta que tanto xogo lle dou a Feijóo, a Rueda e aos dirixentes populares; e que decidiron popularizar e convertir nun ariete contra o Partido Socialista. Pero desgraciadamente, transcurridos tres meses, xa ninguén se acorda do Audi de Touriño, ninguén pregunta onde está, que foi del, que fixo Feijóo e o novo goberno co famoso coche, con ese exemplo do despilfarro e do luxo do bipartito –tal e como o dicían os populares-, ese coche que valeu máis de catrocentos mil euros, que era máis caro que o de Obama. Pero que en realidade foi máis barato que o de Ruíz Gallardón, o Esperanza Aguirre ou de Camps; e o de Obama só valeu tres veces máis, coa salvedade de que ten tres iguais. Pero que sen dúbida o PP lle supo quitar un enorme rendimento a base de falsedades, mentiras ao prezo do Audi A8 do presidente da Xunta de Galicia, e aproveitandose ademais dunha situación de crise.

Pasados máis de tres meses, e como suele pasar coas novas estrela, xa ninguén se lembra do “coche de Touriño”, a ninguén lle preocupa onde está esa máquina que custou tantos cartos, ou que fixo Feijóo con ela. O normal é que vendera o coche para non perder semellante gasto do bipartito, ou que, alomenos, se non conseguiu comprador, que o teña ben coidado. Pero, segundo me din, e espero que algún xornalista deste pais recolla o guante que lle lanzo e investigue se o que vou a decir é certo; parace ser que está abandonado nos garaxes de San Caetano, cheo de polvo e lixo, e agachado para que ninguén o vexa. Agora xa non é actualidade, o Audi A8 ficou no olvido, xa ninguén fala del nas tertulias radiofónicas, nos confidencias, nin nos diarios dixitais; xa non se acorda del nin o ABC.

Polo tanto, o símbolo do despilfarro do bipartito e de Touriño, segundo dicía o PP, agora convertiuse en abandono e deixadez por parte da Xunta de Feijóo, que sen dúbida foi o dirixente político que mellor rendabilidade lle quitou a un coche oficial, sin nunca montarse nel.

Ademais, non é que Feijóo decidira castigar ao Audi A8 presidencial e agachalo, senón que tamén retirou da circulación aos outros dous Audis que usaba a Presidencia da Xunta, e que foran mercados na época de Fraga, porque como todo o mundo sabe, Alberto Núñez Feijóo é fiel a Citroen, e prefiere viaxar nun C6 fabricado en Francia.

Agora xa ninguén fala do Audi de Touriño, nin do Citroen de Feijóo, ao que non esquezamos que a fábrica de Vigo lle regalou un C6 cando era aspirante á presidencia da Xunta. Por certo, a quen lle poida interesar, o Secretario Xeral do PSdeG viaxa nun Peugeot 607 mercado polo propio partido, en reting, para máis información.

Eu só espero que algún día se faga xustiza, e os que mentiron e enganaron paguen as súas débedas; e tamén me gustaría que os xornalistas políticos deste país non se queden en meros comunicadores ou simple mercaderes do cotilleo político, e fagan xornalismo de investigación. E a ver quen é o primeiro que consigue unha foto exclusiva do Audi A8 defenestrado por Feijóo.

SQCQM

junio 8, 2009 at 5:53 pm 9 comentarios

Seguimento electoral na televisión

Nestes intres, cando son as oito e vintaecinco da tarde, estoume dando conta do profundo interese que teñen as eleccións europeas. dando unha volta polas cadeas de televisión, esto é o que te podes atopar a estas horas:

Na Primeira, España Directo, están a cociñar rabo de toro con zanahorias.

Na Segunda un programa titulado Trescatorce.

En Antena 3 a película Jerry McGuire, de Tom Cruise.

En Cuatro, o Zapping de Surferos.

En Telecinco o fantástico programa Pasapalabra.

Na Sexta as Noticias.

E na Televisión de Galicia a repetida película, creo que é a oitava vez, Greystoke.

Realmente apasionante a parrilla televisiva deste domingo electoral. E menos mal que rematou a liga de fútbol, senón eu creo que non lle facían nin caso.

A.M.

junio 7, 2009 at 8:30 pm 2 comentarios

O programa censurado pola TVG

Xa vedes, dous post seguidos. E que non teño término medio, ou por moito ou por pouco. Hoxe achégovos os vídeos do programa censurado pola TVG, por esa dirección imparcial nomeada por Núñez Feijóo, que adoptou como primeira decisión a suspensión dun programa das vacas tolas.

O resto dos vídeos aquí

A.M.M.A.

junio 4, 2009 at 7:23 pm 1 comentario

O blog de Touriño

Blog de Touriño

Blog de Touriño

A pasada semana O Presidente abríu o seu vídeoblog en touriño.tv. Pero para darlle un maior repercusión agora decidíu abrir tamén un blog no que colgue os vídeos do youtube e as transcripcións do que conta.

Este diario de campaña do Presidente (voulle a cobrar dereitos de autor polo nome) actualizarase a diario. Espero que vos guste esta nova ferramenta dixital, a que espero que sexa duradeira e a súa vida se prolongue máis alá da campaña electoral.

Blog do Presidente.

febrero 19, 2009 at 3:41 pm 4 comentarios

Campaña Electoral 2.0

blas_anosaterra.jpg

Días atrás propuxéronme colaborar de cando en vez cun artigo de opinión na edición dixital do diario A Nosa Terra, e a verdade é que non puiden dicir que non por varias razóns: por unha banda pola historia que posúe este xornal centenario no noso País, por outra porque iniciaban unha nova etapa na súa edición dixital, e por outra porque o director é Xurxo Salgado, un profesional e unha boa persoa coa que teño compartido bos momentos durante as duras e longas campañas electorais.

Esta é a miña primeira aportación, e espero que forme parte dunha longa serie de artigos.

Facebook, MySpace, YouTube, Second Live, Blog, … eran termos que ata non fai moito pasaban desapercibidas, ou simplemente non existían nas campañas electorais. Agora, nembargantes, a popularidade e a importancia da rede, especialmente entre os máis mozos, fai que os partidos políticos enfoquen unha parte importante da súa estratexia electoral cara internet para intentar pescar o maior número de votos posibles.

Esta campaña electoral que temos aí á porta preséntase moi interesante e sobre todo novidosa, xa que os comités electorais e os responsables de novas tecnoloxías dos partidos políticos están centrados na carreira dixital por conseguir ser os primeiros en acadar a meta da innovación. Agora non se entende un candidato sen unha web ou un blog, ou un partido sen un espazo no que colgar os seus vídeos de campaña, ou sen un foro no que os internautas poidan facer preguntas ou suxerencias, … ; e todo isto está moi ben, eu coincido en que os líderes políticos deben de ter presenza na rede, pero discrepo fundamentalmente nunha cousa, que esta avalancha internaútica debería de ser continua, e non só durante as campañas electorais. Se facemos un repasiño breve e real do uso da rede por parte dos políticos comprobamos que son moi poucos os que empregan esta ferramenta de xeito habitual. Pero, durante as campañas, como dicía ao principio, non hai candidato e candidata que non teña o seu blog, o cal desgraciadamente queda abandonado unha vez rematada a contenda electoral, por iso, ás veces os blogues electorais lémbranme a esas mascotas que regalamos polo nadal e que ao chegar ao verán deixamos tirados nunha estrada.

A verdadeira campaña electoral non dura quince días, nin tres meses dura toda unha lexislatura, por iso sería positivo que non mirásemos a rede como un filón propagandístico temporal e conseguísemos cambiar o “chip” e todos estes medios que despregamos en campaña conseguísemos que permaneceran despois do día D.

diciembre 26, 2007 at 10:49 pm 1 comentario

Sardá é un «crack»


O pasado sábado estivo invitado no programa La Noria de Telecinco Xavier Sardá, e volver a ver a este “showman” televisivo foi un pracer, foi lembrar aqueles momentos entrañables nos que trasnochaba diante da tele vendo Crónicas Marcianas.

Sardá foi e é –para min- o mellor expoñente do “late night” en España, moitos foron os que intentaron competir con el por restarlle audiencia, e moitos tamén os que intentaron superalo ou igualo unha vez que decidiu abandonar as noites –despois de oito anos-; pero ningún deles o conseguiu, porque Sardá combinaba no seu programa, ademais do seu inxenio, espontaneidade e humor; cun xenial equipo de colaboradores (Boris Izaguirre, Manel Fuentes, Paz Padilla, Carlos Latre, Deltell, o señor Galindo, Mariano Mariano, etc.); e, cun guión apto só para a medianoite.

Pois, como vos dicia, o sábado estivo de convidado nunha entrevista que lle fixo Jordi González, e na que sinxelamente estivo xenial. Analizou e comentou o incidente entre o Rey Juan Carlos I e Hugo Chávez, fixo valoracións de Rajoy ou Zapatero, amosou a súa simpatía por Acebes, pediu un trato humanitario para Jiménez Losantos, etc. En definitiva, unha entrevista do máis entretida e do máis divertida, por eso, para min Sardá segue a ser o número un.

Aquí vos deixo a entrevista a Sardá dividida en seis vídeos, grazas ao traballo de Azuuki.

Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3
Vídeo 4
Vídeo 5
Vídeo 6





noviembre 12, 2007 at 7:02 pm 1 comentario

Unha agresión televisada

Fai varios días que non accedo ao blog, porque xunto coa familia tomeime uns días de vacacións nos que estiven intentando desconectar de case todo. Pero a gran sorpresa foi o pasado mércores cando chegamos ao hotel no que estivemos de vacacións e vendo o canal internacional da TVE (o único ao que tiñamos acceso) unha das novas da cabeceira era a brutal agresión sufrida por un rapaz de Boiro.Observar desde a distancia acontecementos negativos do lugar onde vives non é doado, máis cando días despois ves como a nova é recollida por tódolos medios de comunicación do teu país aos que tes acceso, e máis cando se trata dunha nova deste tipo, que resulta xa por si mesma vomitiva pola violencia da malleira entre nenos de catorce e quince anos, pero moito máis porque un desgraciado se atreveu a gravala en vídeo co seu móbil e a defundila despois pola rede; sen esquecernos que durante o ataque animal había varios “voyeurs” que animaban e aplaudían.

As imaxes difundidas polos medios de comunicación, así coma o posterior desembarco e toma de Escarabote só demostran outra cousa que o carroñerismo informativo que existe neste país, onde a información que prima e que interesa é aquela na que se amosan os instintos máis baixos dos individuos, e nas que a sangue, a violencia, a crueldade ou o salvaxismo protagonizan as historias. Non é agradable, desde logo, que o teu pobo sexa o protagonista dunha nova como esta, aínda que Boiro acostuma a ser portada informativa por desaparicións de nenos, accidentes, frikies –coma Tonecho o enterrador-, contrabandistas e drogadictos, ou ladróns de berberechos; pero aos que son de fóra e non coñecen aos boirenses explicarlle que os estes son casos aillados, malos exemplos da forma de ser dos que nacemos e vivimos en Boiro, xa que a inmensa maioría somos persoas normais que traballamos, temos hipotecas, desfrutamos coa familia, tomamos unha cervexa, …

Este incidente en Boiro xa é historia para a maioría dos medios informativos, porque durante estes días xa atoparon carnaza noutra esquina do país da que facerse eco, pero detrás desta presa informativa queda algo que vai a durar moito tempo, algo ao que a ninguén lle interesou demasiado: as familias dos protagonistas desta espantosa historia, tanto a do agresor como a do agredido. Estas familias que, seguramente, atravesaron durante estes días un momentos dos máis duros das súas vidas quedarán marcadas para sempre por esta historia, e sobre todo cando vives nun pobo pequeno no que todo o mundo se coñece. Pero as televisións apagaron as cámaras e os focos e marcháronse.

noviembre 6, 2007 at 9:22 pm 3 comentarios

Older Posts


Calendario

May 2024
L M X J V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.