Posts tagged ‘Boiro’
Palabras para ti
E xa van once. Como pasa o tempo!!. Outro 30 de marzo no que lembrar aquela mañá en Santiago, o despacio que pasaban os minutos, o sufrimento e a espera. Pero non cabe dúbida de que valíu a pena. Só hai que vela, mirala, e ver cando se ríe.
Din que é coma min, e pode ser, parécese moito. O seu carácter, os seus xestos, os seus silencios, …, si parécese moito a min.
A canción é para ti, que sei que che emociona, e que che trae recordos. A min tamén, …, e moitos.
Sabes que sempre estarei ao teu lado, e que … que che quero.
A.M.
6 anos
Nerea cumpre 6 anos. Leva varias semanas falando do seu cumpreanos: a quen invitar, onde ía a celebralo, que regalos lle farían, que tarta comería, … E despois de tanto tempo pensando, facendo plans sobre a súa festa, …, xa rematou. Que mágoa!!. Dúas horas xogando coas súas amigas, tarta, regalos e xa rematou. Pero Nerea está contenta, está feliz porque ten moitos regalos: muñecas, roupa, un patinete, colonia, etc. Esto é o mellor dos “cumples”.
Nerea xa cumpriu seis anos!!. O tempo pasa. É difícil esquecer aquel 30 de novembro ás sete da tarde, cando un bebe pequeno, moi pequeniño, empezou a chorar. Desde aquel día ata agora pasaron moitas cousas, pero o importante é que Nerea segue medrando e cumprindo anos, celebrando festas e recibindo regalos. E chorando coma o primeiro día.
Felicidades Pitufa!!.
Son de Estrelas
Dous boirenses están concursando no programa Son de Estrelas da TVG. Débora e Roosevelt representan a Boiro, aínda que Roosevelt naceu en Brasil e leva vivindo aquí fai algo máis dun ano. Débora pola súa banda é boirense de nacemento e é bastante coñecida porque leva bastante tempo actuando en festas e outros actos que se realizan no concello, ademais de formar parte do trío Reflejos que actúa no Restaurante Chicolino.
Mañá hai programa, creo que a semifinal, e van a facer un par de conexións en directo desde Boiro, e con tal motivo celebrarase unha festa na Rúa Peonil. Polo que, estades todos e todas invitadas.
Eu, espero que este concurso, imitación de Operación Triunfo, o gañase un boirense, así que desde este blog o meu apoio e o meu ánimo para Débora Silva e Roosevelt Rodrigues, e darlle as grazas por pasear e dar a coñecer o nome de Boiro.
Un mail moi cariñoso
Só quería compartir con vós este fantástico mail que me enviou unha tal Marga a través do blog. Sen dúbida que indica o talante, a tolerancia e o respecto dunha persoa que pode ter moitas cualidades, pero que seguramente non destaca polo sentido do humor, nin pola súa ortografía
Este é o mail tan cariñoso:
eres un puta racista de mierda
metete el dedo del amor por donde te quepa ( si es que te cabe por el culo claro y si no por la nariz)
Ijo de puta
Incendio en Boiro
Non pasou nada grave, porque houbo sorte, pero as circunstancias eran as propicias para que se producira unha catástrofe, xa que un cortocircuito nunhas das caixas que a empresa Fenosa ten situadas nos edificios que están entre a antiga cafetería Oasis e a Ferretería de Gerardo –na rúa Manuel María- orixinou que comezasen a arder os cables e as caixas e que o lume se entendese a unha parte (pequena) da fachada do edificio e ás tuberías do “gas cidade”. A aparatosidade inicial do lume era preocupante, e máis se temos en conta que ámbolos dous edificios están habitados e as lapas coincidían xusto enriba da porta dun dos edificios. Por outra banda a ferretería de Gerardo ten –como é lóxico- no seu interior materias inflamables; ao que hai que sumarlle que había aparcado, xusto diante do incendio, un coche.
Afortunadamente, coa chegada dos bombeiros controlouse rapidamente o lume, e a cousa non foi a máis, excepto o susto e uns pequenos danos materiais. Foi un día con sorte!!.
10 anos!!!!
Paula cumpriu 10 anos. Xa 10 anos!!!. Hoxe foi o día das amigas, da tarta, dos regalos, dos xogos, da festa, …; pero a única realidade é que o tempo pasa e aquela neniña tranquila, a “peque” vai medrando –afortunadamente-.
Felicidades Paula, e que cumpras moitos máis.

Deira para ser feliz quería un camión
Dando unha volta polo blog de Carlos Insúa leo a súa última anotación na que fala do novo camión de recolleita de lixo que a Consellería de Medio Ambiente, que dirixe Manuel “Pachi” Vázquez, lle regalou ao Concello de Boiro. Na nova do xornal La Voz de Galicia aparece unha foto na que o alcalde Xosé Deira se amosa feliz e contento sentado aos mandos do vehículo ao cal, segundo este medio, ata deu varios bocinazos.
Non cabe dúbida de que o rexedor municipal se amosaba moi contento e feliz con este obsequio do conselleiro socialista Vázquez, ao cal, por certo, lle deu plantón fai case un ano e non o quixo recibir. Queda demostrado polo tanto que non todos son iguais, e «Pachi» Vázquez, alomenos non é rencoroso, e a pesares do desplante de febreiro deste ano foi capaz de facer feliz a Deira.
Carlos, xa o decía Loquillo: “Yo para ser feliz quero un camión”; e a Deira este vehículo motorizado deulle unha grande alegría. ¡¡Grazas “Pachi” por non terlle en conta ao noso alcalde a súa falla de educación!!
Nerea ten cinco anos
Onte Nerea estivo de cumpre e celebrouno por partida dobre. Primeiro no cole con todos os seus compañeiros e compañeiras, porque é tradición no Santa Baia que o último venres do mes celebren o cumpreanos de todos os alumnos que durante ese mes estiveron de aniversario, e onte ela foi unha das afortunadas.Despois celebrou novamente o cumpre con grupo de amigos, esta vez en Xoanes. Ela di que o pasou moi ben, sobre todo á hora de abrir os regalos.
O tempo pasa e os fillos, afortunadamente, van medrando e cumprindo anos, pero: ¿hai maior ledicia para un pai –ou nai- que ver como cumpren anos e medran os fillos?.
Que cumpras moito máis Nerea e eu que o siga disfrutando e contándoo neste blog.
Paula e Nerea en Radio Boiro
Escoita aquí o programa de Radio Boiro
Os que seguides habitualmente este blog sabedes que me gusta presumir de fillas. E, novamente, quero compartir con vós as afeccións de Paula e Nerea.
En Radio Boiro, o seu director Xose Triñanes, dirixe e presenta un programa chamado «La Hora Meteora» na que participan rapaces da localidade, e Paula durante os últimos meses participa de xeito habitual. Pero Nerea, cada vez que a súa irmá ía á radio ela tamén se presentaba voluntaria, aínda que nunca deixamos que fose.
A miña filla pequena, como fan todos os nenos e nenas, intenta sempre copiar e imitar á súa irmá maior, e unha das cualidades de Nerea é a súa insistencia e perseverancia; e a base de insisitir e ofrecérselle a Xose en reiteradas ocasións logrou participar na tertulia infantil de Radio Boiro, e a verdade, direivos -sen nengunha obxectividade, desde logo- que estivo bastante ben.
Aquí vos deixo a súa participación, a de Paula e a de Álvaro -outro participante na tertulia- no programa da pasada semana.
Unha agresión televisada
Fai varios días que non accedo ao blog, porque xunto coa familia tomeime uns días de vacacións nos que estiven intentando desconectar de case todo. Pero a gran sorpresa foi o pasado mércores cando chegamos ao hotel no que estivemos de vacacións e vendo o canal internacional da TVE (o único ao que tiñamos acceso) unha das novas da cabeceira era a brutal agresión sufrida por un rapaz de Boiro.Observar desde a distancia acontecementos negativos do lugar onde vives non é doado, máis cando días despois ves como a nova é recollida por tódolos medios de comunicación do teu país aos que tes acceso, e máis cando se trata dunha nova deste tipo, que resulta xa por si mesma vomitiva pola violencia da malleira entre nenos de catorce e quince anos, pero moito máis porque un desgraciado se atreveu a gravala en vídeo co seu móbil e a defundila despois pola rede; sen esquecernos que durante o ataque animal había varios “voyeurs” que animaban e aplaudían.
As imaxes difundidas polos medios de comunicación, así coma o posterior desembarco e toma de Escarabote só demostran outra cousa que o carroñerismo informativo que existe neste país, onde a información que prima e que interesa é aquela na que se amosan os instintos máis baixos dos individuos, e nas que a sangue, a violencia, a crueldade ou o salvaxismo protagonizan as historias. Non é agradable, desde logo, que o teu pobo sexa o protagonista dunha nova como esta, aínda que Boiro acostuma a ser portada informativa por desaparicións de nenos, accidentes, frikies –coma Tonecho o enterrador-, contrabandistas e drogadictos, ou ladróns de berberechos; pero aos que son de fóra e non coñecen aos boirenses explicarlle que os estes son casos aillados, malos exemplos da forma de ser dos que nacemos e vivimos en Boiro, xa que a inmensa maioría somos persoas normais que traballamos, temos hipotecas, desfrutamos coa familia, tomamos unha cervexa, …
Este incidente en Boiro xa é historia para a maioría dos medios informativos, porque durante estes días xa atoparon carnaza noutra esquina do país da que facerse eco, pero detrás desta presa informativa queda algo que vai a durar moito tempo, algo ao que a ninguén lle interesou demasiado: as familias dos protagonistas desta espantosa historia, tanto a do agresor como a do agredido. Estas familias que, seguramente, atravesaron durante estes días un momentos dos máis duros das súas vidas quedarán marcadas para sempre por esta historia, e sobre todo cando vives nun pobo pequeno no que todo o mundo se coñece. Pero as televisións apagaron as cámaras e os focos e marcháronse.
Comentarios