Posts tagged ‘Barbanza’

Palabras para ti

E xa van once. Como pasa o tempo!!. Outro 30 de marzo no que lembrar aquela mañá en Santiago, o despacio que pasaban os minutos, o sufrimento e a espera. Pero non cabe dúbida de que valíu a pena. Só hai que vela, mirala, e ver cando se ríe.

Din que é coma min, e pode ser, parécese moito. O seu carácter, os seus xestos, os seus silencios, …, si parécese moito a min.

A canción é para ti, que sei que che emociona, e que che trae recordos. A min tamén, …, e moitos.

Sabes que sempre estarei ao teu lado, e que … que che quero.

A.M.

marzo 30, 2009 at 11:45 am Deja un comentario

15 de decembro do 2008

O 15 de decembro do 2008 vai ser un día histórico para a comarca do Barbanza. Vai ser o día no que ao final as persoas que vivimos nesta comarca, as persoas de Ribeira, de Pobra, de Boiro, de Rianxo e de Dodro puxémonos a altura das comarcas mais importantes de Galicia, e por primeira vez un goberno nos ten en consideración e nos da a importancia que nos merecemos, un goberno que cumpre coas xentes do Barbanza.

O 15 de decembro do 2008, Emilio Pérez Touriño, o presidente da Xunta de Galicia, inaugurou a Autovía do Barbanza. Antes desta data só sufrimos humillacións e enganos, falsas promesas e escusas, desprezos, … e ata tivemos que comprobar durante moitos anos –demasiados- como morrían varias decenas de veciños destes concellos da comarca e de outros lugares; de comprobar con tristeza e con impotencia como moitas familias quedaban destrozadas ante a pasividade dun goberno e un partido que miraba para outro lado, un goberno e un partido que non facía nada, un partido que calaba.

O 15 de decembro do 2008, algo cambiou no Barbanza, e foi cando se quitaron a careta algúns políticos que preferiron boicotear o acto de inauguración da Autovía e a propia Autovía, antes que recoñecer que Touriño cumpriu a súa palabra e foi o presidente que nos colou na primeira división das comunicacións. Pero eso non é importante para eses políticos que prefiren antepoñer os intereses partidistas aos dos seus propios veciños, políticos que preferían que os milleiros de barbanzans tivesen que transitar por aquela vía da morte, a ter que desfrutar dunha autovía. Eses foron os políticos que estiveron obstaculizando desde o comezo esta obra, esta gran obra.

O 15 de decembro do 2008 foi o día no que se uniron o PP e o BNG para boicotear a Autovía do Barbanza, foi o día no que Torres Colomer, Isaac Maceiras e Xosé Deira se deron a man publicamente para deteriorar e danar esta importante infraestructura, e xuntos, cunha estratexia común, desprezar ao presidente da Xunta de Galicia. Pero non me cabe dubida de que a xente do Barbanza e intelixente e esta contenta porque xa temos Autovía. E eu so podo dicir: Grazas Touriño por cumprir!!. Oxalá outros cumpriran –e boicotearan- cando o tiñan que facer e seguramente nos aforrariamos moitas bagoas.

diciembre 17, 2008 at 12:54 am 1 comentario

Paula e Nerea en Radio Boiro

Paula e Nerea

Escoita aquí o programa de Radio Boiro

Os que seguides habitualmente este blog sabedes que me gusta presumir de fillas. E, novamente, quero compartir con vós as afeccións de Paula e Nerea.

En Radio Boiro, o seu director Xose Triñanes, dirixe e presenta un programa chamado «La Hora Meteora» na que participan rapaces da localidade, e Paula durante os últimos meses participa de xeito habitual. Pero Nerea, cada vez que a súa irmá ía á radio ela tamén se presentaba voluntaria, aínda que nunca deixamos que fose.

A miña filla pequena, como fan todos os nenos e nenas, intenta sempre copiar e imitar á súa irmá maior, e unha das cualidades de Nerea é a súa insistencia e perseverancia; e a base de insisitir e ofrecérselle a Xose en reiteradas ocasións logrou participar na tertulia infantil de Radio Boiro, e a verdade, direivos -sen nengunha obxectividade, desde logo- que estivo bastante ben.

Aquí vos deixo a súa participación, a de Paula e a de Álvaro -outro participante na tertulia- no programa da pasada semana.

noviembre 8, 2007 at 3:45 am 1 comentario

Unha agresión televisada

Fai varios días que non accedo ao blog, porque xunto coa familia tomeime uns días de vacacións nos que estiven intentando desconectar de case todo. Pero a gran sorpresa foi o pasado mércores cando chegamos ao hotel no que estivemos de vacacións e vendo o canal internacional da TVE (o único ao que tiñamos acceso) unha das novas da cabeceira era a brutal agresión sufrida por un rapaz de Boiro.Observar desde a distancia acontecementos negativos do lugar onde vives non é doado, máis cando días despois ves como a nova é recollida por tódolos medios de comunicación do teu país aos que tes acceso, e máis cando se trata dunha nova deste tipo, que resulta xa por si mesma vomitiva pola violencia da malleira entre nenos de catorce e quince anos, pero moito máis porque un desgraciado se atreveu a gravala en vídeo co seu móbil e a defundila despois pola rede; sen esquecernos que durante o ataque animal había varios “voyeurs” que animaban e aplaudían.

As imaxes difundidas polos medios de comunicación, así coma o posterior desembarco e toma de Escarabote só demostran outra cousa que o carroñerismo informativo que existe neste país, onde a información que prima e que interesa é aquela na que se amosan os instintos máis baixos dos individuos, e nas que a sangue, a violencia, a crueldade ou o salvaxismo protagonizan as historias. Non é agradable, desde logo, que o teu pobo sexa o protagonista dunha nova como esta, aínda que Boiro acostuma a ser portada informativa por desaparicións de nenos, accidentes, frikies –coma Tonecho o enterrador-, contrabandistas e drogadictos, ou ladróns de berberechos; pero aos que son de fóra e non coñecen aos boirenses explicarlle que os estes son casos aillados, malos exemplos da forma de ser dos que nacemos e vivimos en Boiro, xa que a inmensa maioría somos persoas normais que traballamos, temos hipotecas, desfrutamos coa familia, tomamos unha cervexa, …

Este incidente en Boiro xa é historia para a maioría dos medios informativos, porque durante estes días xa atoparon carnaza noutra esquina do país da que facerse eco, pero detrás desta presa informativa queda algo que vai a durar moito tempo, algo ao que a ninguén lle interesou demasiado: as familias dos protagonistas desta espantosa historia, tanto a do agresor como a do agredido. Estas familias que, seguramente, atravesaron durante estes días un momentos dos máis duros das súas vidas quedarán marcadas para sempre por esta historia, e sobre todo cando vives nun pobo pequeno no que todo o mundo se coñece. Pero as televisións apagaron as cámaras e os focos e marcháronse.

noviembre 6, 2007 at 9:22 pm 3 comentarios

Guerra contra Telefónica

Uns veciños de Porto do Son decidiron emprender unha “guerra” contra a compañía Telefónica. Segundo parece, a multinacional das telecomunicacións ocasionou unha serie de danos nun edificio do concello sonense, e agora os seus propietarios acordaron colocar este singular e “caseiro” cartel no que lle prohiben á empresa que toque a parede ata que “solte a pasta” polos danos causados.

A dúbida que me queda é saber cales foron os danos, e a canto ascende a cuantía dos mesmos. E, sobre todo, saber como rematará esta pugna entre “David e Goliath”, pero coñecendo á empresa que dirixe Alierta estaría por apostar que a guerra está perdida.

Vista en El Correo Gallego, e a foto é de Pablo Silva.

septiembre 25, 2007 at 11:28 am 5 comentarios


Calendario

May 2024
L M X J V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Estadísticas

Geo Visitors Map

De onde veñen?

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.